Os acontecementos globais durante 2014 permitiron acelerar os inevitables cambios que agardan ao sistema internacional nas próximas décadas. A crise ucraína retornou a confrontación entre Rusia e Occidente, sepultando así a etapa da “posguerra fría” iniciada en 1991. O conflito de Oriente Medio (Siria, Iraq) e particularmente a reaparición do “yihadismo” militante a través do Estado Islámico, confirma o fracaso da política estadounidense na rexión.
Os acontecementos globais durante 2014 permitiron acelerar os inevitables cambios que agardan ao sistema internacional nas próximas décadas. A crise ucraína retornou a confrontación entre Rusia e Occidente, sepultando así a etapa da “posguerra fría” iniciada en 1991. O conflito de Oriente Medio (Siria, Iraq) e particularmente a reaparición do “yihadismo” militante a través do Estado Islámico, confirma o fracaso da política estadounidense na rexión.
Paralelamente, China avanzou na definición de pautas de actuación alternativas de cara á conformación dun mundo multipolar, especialmente en canto á cooperación económica e financeira no marco dos BRICS, así como nos trazos de creación dun novo sistema monetario internacional que substitúa ao hexemónico modelo Bretton Woods. No marco dunha Europa sumida na crise socioeconómica e polarizada pola aparición electoral de tendencias políticas antisistémicas, cobra particular relevancia o pulso establecido polos nacionalismos non estatais (Escocia, Cataluña) á hora de definir unha nova relación política centro-periferia así como con Bruxelas.
Con esta perspectiva, a revista Tempo exterior, publicada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) e dirixida por Xulio Ríos, ofrece no seu Nº 29, período Xullo-Decembro de 2014, unha serie de reflexións sobre a dinámica destes cambios que se albiscan na contorna internacional.
A reflexión sobre o inevitable declive da hexemonía estadounidense non só se circunscribe á súa diplomacia ou aos imperativos xeopolíticos e de seguridade (artigo de Alfredo Toro Hardy) senón tamén nunha inédita avaría institucional (Jared D. Larson) que obstaculiza o seu quefacer gobernamental, un aspecto particularmente relevante tralo triunfo republicano nas lexislativas estadounidenses de novembro pasado e de cara ás expectativas presidenciais de 2016. Con todo, a crise ucraína (Isabel Stanganelli Frankenberg) explica os riscos derivados da política unilateral de Washington e da Alianza Atlántica, neste caso dentro da periferia ex soviética.
Na construción dun mundo non hexemónico cobra relevancia o ascenso das opcións multilaterais, traducidas na axenda establecida durante o VI Cumio dos BRICS celebrado en Fortaleza (Brasil) en xullo de 2014. A natureza dos BRICS e as súas demandas á hora de constituír un sistema multipolar non hexemónico (Flávio Wolf de Aguiar), particularmente visible na súa pretensión de crear un novo sistema financeiro e monetario (Sàlvia López Matas) a través de novas ferramentas como o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e o Acordo de Reservas de Continxencia (ARC), permiten intuír o peso que cobrará China á hora de consolidar o seu ascenso global a través da potenciación deste organismo (Álvaro Malaina e Liying Zhou), especialmente no apartado económico e financeiro.
Como perspectiva complementaria, o referendo soberanista en Escocia exerceu unha notable repercusión a nivel internacional durante 2014, en particular á hora de observalo como unha referencia de autodeterminación (Teresa Barro e Sandrina Ferreira Antunes) de cara a outros contextos como Cataluña (Jordi Solé i Ferrando), a través, entre outros, dunha paradiplomacia deseñada coa participación da sociedade civil. Finaliza este número de Tempo exterior cunha reflexión sobre o contexto político que antecedeu á eclosión do “chavismo” en Venezuela, a través do declive do partido demócrata cristiá COPEI (Dinorah Carnevali Villegas).