IGADI PALESTINA A traxedia permanente Presentacion 1x1 b

Galicia-Palestina, unha irmandade incesante: Bichara Khader, profesor emerito da Universidade Católica de Lovaina e experto en cuestión euro-árabes, visita Santiago de Compostela o 25 de xuño

As actividades enmárcanse no Irmandamento do ano 2002 entre Santiago de Compostela e Belén (Palestina-Cisxordania) e o lanzamento da publicación “Palestina: A traxedia permanente (1948-2024). Unha chamada para espertar Europa” que o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) publicou en galego o 17 de maio, Día das Letras 2024 adicado a Luisa Villalta.

O próximo martes 25 de xuño, Bichara Khader, profesor emérito da Universidade de Lovaina (Bélxica) e un dos grandes expertos das relacións de Europa e a Unión Europea coa cuestión palestina visitará a capital de Galicia. A súa visita prodúcese vinte e dous anos despois de ser o principal impulsor do irmandamento entre Santiago e Belén no ano 2002, no contexto da actual invasión isaraelí a Gaza e o recente recoñecemento de Palestina como Estado por España e outros Estados europeos.

Nas actividades, organizadas polo IGADI e nas que colabora a Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Universidade de Santiago de Compostela, presentarase o seu último ensaio “Palestina: A traxedia permanente (1948-2024). Unha chamada para espertar Europa”. A publicación realiza un repaso pola historia do conflito entre Israel e Palestina, enfocándose de maneira directa na natureza e evolución das relacións europeas coa cuestión palestina. A obra, publicada orixinalmente en inglés, está a ser traducida a distintas linguas europeas, como o castelán, o francés ou o italiano.

Bichara Khader realizará un encontro con xornalistas, conducido por Tino Santiago, no edificio CEIDUS da USC (Parque de Vista Alegre. Rúa das Salvadas, s/n) o día 25 ás 10:30 da mañá, para posteriormente realizar unha visita institucional ao Concello de Santiago ás 14:00h.

Pola tarde, ás 18:00 horas presentará “Palestina: A traxedia permanente (1948-2024). Unha chamada para espertar Europa” no Paraninfo da Facultade de Historia e Xeografía, presentado por Marola Padín (Vicedirectora do IGADI e Directora adxunta do Observatorio de la Política China) Rubén Lois (Profesor da USC, Director do Instituto Económico e Desenvolvemento de Galicia e Vicepresidente da Unión Internacional de Xeografía) e Daniel González Palau (Director do IGADI).

Bichara Khader, (Zababdeh, Palestina, 13 de febreiro de 1944) é un especialista do mundo árabe contemporáneo e das cuestións euro-árabe e euro-mediterráneas. É de orixe palestina e ten a nacionalidade belga. É profesor emérito da Universidade Católica de Lovaina e fundador do Centro de Estudios e de Investigacións sobre o Mundo Árabe da dita universidade. Foi membro do Grupo de Altos Expertos sobre Política Exterior e Seguridade Común da Comisión europea e do Grupo de Sabios para o Diálogo das culturas no Mediterráneo da Presidencia Europea. Khader insiste na urxencia de entender o mundo árabe e musulmán doutra forma que non sexa en termos de ameaza ou invasión.

É investigador asociado do IGADI e parte do Consello Científico en Tempo Exterior. Entre as últimas colaboracións co IGADI destacan a participación no número 44 do Tempo Exterior (xaneiro-xuño 2022) co artigo “Cuestións xeopolíticas despois da retirada de Estados Unidos de Afganistán” así como no Informe IGADI Annual Report 2021-2022 “Europa e a cuestión de Palestina (1948 – 2022): Diplomacia declarativa pero desdentada”.