galeguidades.hub .gal 1920x1080

Maratón de Galeguidades: Celebrando a identidade galega no Século XXI (24 de xullo)

O Maratón de Galeguidades é un programa de televisión por internet, que se desenvolverá entre as 8:30 e as 20:30 do 24 de xullo de 2024. No Maratón participan máis de 100 persoas, atravesadas interxeracionalmente.Con todas elas realizaranse conexións con 27 países dos 5 continentes.

O Maratón sucederase por medio de entrevistas e faladoiros encadeados, comezando en Oceania e Asia (8:30-10:40) para saltar a Europa (10:40-15:20), África (15:20-16:40) e rematar en América (16:40-20h). O evento retransmitirase en liña a partir das 8:30 do día 24 de xullo, através da web oficial do Maratón de Galeguidades e na Canle de Youtube do IGADI.

O Maratón é unha celebración, na véspera do Día nacional de Galicia, para conectar a Galicia territorial coa Galicia exterior. Enténdese tamén como un exercicio de intelixencia colectiva, para resignificar a idea de galeguidade e proxectar internacionalmente a Galicia, poñendo en valor á emigración galega.

Entre as persoas entrevistadas atópanse representantes de Centros Galegos, organizacións da nova diáspora, asociacións de empresarias e empresarios galegas no exterior, traballadoras en Consulados e sedes diplomáticas, investigadoras e investigadores da Asociación Internacional de Estudos Galegos, emprendedores ou profesionais variados na ciencia e a medicina, o xornalismo, a publicidade ou a Universidade.

Entre as entrevistadoras estarán xornalistas, creadores de contido en galego para internet, así como representantes dos novos medios de internet nacidos na diáspora, escritoras ou profesores universitarios e até representantes do corpo consular en Galicia.

Tanto o Maratón como o Informe final que realizará o IGADI, aspiran a ser un acontecemento para axudar a mudar o fluxo da normalidade na acción exterior de Galicia e as políticas tradicionais de Galicia coa súa emigración.