2025, Ano Castelao: Río da Prata, quilómetro cero

O IGADI abre 2026 pechando o seu Especial do Ano Castelao: Publicación extraordinaria e programa na IGADI TV o 7 de xaneiro

A publicación “2025, Ano Castelao, Río da Prata quilómetro Cero” reúne as entrevistas, análises e artigos publicados polo Observatorio das Diásporas do IGADI nos últimos 12 meses, para dar voz a Galicia exterior na conexión coa figura de Castelao. O especial foi coordenado desde Buenos Aires, pola xornalista e investigadora asociada do IGADI, Paula Sabajanes.

Coincidindo co 76 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o IGADI presenta “2025, Ano Castelao, Río da Prata quilómetro Cero” que reúne as publicacións especiais publicados durante o 2025 na súa web, entre os que se atopan testemuñas dos representantes do centros galegos impulsores da iniciativa para recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia, así como de representantes políticos e especialistas como o fundador e presidente de honra do IGADI, Xullo Ríos, a psicóloga social e gaiteira Adela Fernández Cruz ou o Comandante do Terzo de Galegos, historiador e director do Museo da escola de Náutica de Arxentina, Horacio Vázquez. Así mesmo, inclúe entrevistas a referentes ineludibles como o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Ángel Seixas Seoane, e unha entrevista especial cun persoeiro descoñecido como Juan Carlos Gómez, bedel do Centro Galicia de Buenos Aires que naceu no interior da Arxentina e leva toda a súa vida coidando dos obxectos que Castelao legou ao Centro Ourensán.

Trátase de facer balance do publicado ao longo destes 12 meses dedicados a revisar e honrar a figura do rianxeiro e estudar o legado que aínda queda por descubrir non só na Galicia territorial senón naquelas latitudes que acolleron a constitución do Consello de Galiza fai 80 anos, deron prelo a “Sempre en Galiza” e acompañaron ata a morte a unha das figuras máis destacadas do país. Nestes materias tivemos ocasión de descubrir a multitude de persoas, organizacións e iniciativas que manteñen vivo o legado de Castelao, 76 anos despois do seu pasamento.

Podes descarregar gratuitamente aquí a publicación. Se tes interese en ter un exemplar físico, escribe a info@igadi.gal

Programa especial IGADI TV o 7 de xaneiro

O 7 de xaneiro realizouse un programa especial de peche do Ano Castelao conducido polo Director do IGADI, Daniel González Palau e as investigadoras asociadas Paula Sabajanes, Facundo Reyna Muniaín e Roi Pérez Vila, no que interviron, entre outras persoas, o catedrático emérito Ramón Villares, a eurodeputada Ana Miranda, a exdelegada da Xunta de Galicia, María Xosé Porteiro, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; a xornalista Montse Fajardo e representantes de entidades galegas no exterior como Lorena Lores da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina; Alberto Vázquez do Centro Galicia de Buenos Aires, Ezequiel López Padín da Fundación Xeito Novo de Cultura Galega, Jorge Castro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña ou Xosé Manuel Carril da Federación Galiza Cultura, entre outros. A emisión realizouse en directo a partir das 18,45 horas a través do canal do IGADI TV.