O IGADI abstense no CAEX arredor da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento

O Director do IGADI participou hoxe no Consello de Acción Exterior da Xunta de Galicia, arredor do Anteproxecto de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento. O IGADI expresou a súa abstención por ser un paso adiante incompleto, destacando aspectos positivos do proceso. 

O Director do IGADI participou hoxe no Consello de Acción Exterior da Xunta de Galicia, arredor do Anteproxecto de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento. O IGADI expresou a súa abstención por ser un paso adiante incompleto, destacando aspectos positivos do proceso. 

"Queremos expresar en primeiro lugar os nosos parabéns á Xunta de Galicia pola decisión de activar a creación desta Lei, para nós central na construción da Galicia da próxima década e do futuro. É un paso adiante que debemos subliñar, e que reclamabamos coma necesario xa desde 2015, cando titulamos ao noso informe anual sobre a acción exterior de Galicia “Do Libro Branco a un pudoroso decreto”

Ademais cómpre tamén significar moi positivamente a decisión de dar un paso adiante en materia de acción exterior nun momento de tentacións recentralizadoras e debilidade do sistema autonómico, no que cómpre resignificar e poñer en valor en Galicia a idea da nacionalidade histórica.

Sen embargo, máis alá dos parabéns, tamén polo pola recoñecible e notable mellora do texto trala fase de alegacións, debemos expor que identificamos o paso adiante coma un paso incompleto, polo que expresaremos a nosa abstención en relación ao informe do CAEX.

Para nós a oportunidade e o salto cualitativo da acción exterior galega depende dun salto na coherencia e coordinación de políticas na relación co internacional, o que pasa necesariamente porque a EGAEX asuma a necesidade de ser programada de maneira sistemática e participada, e tamén minimamente monitorizada e comunicada, na relación entre a Xunta e o conxunto da sociedade, mais en particular coa Universidade galega, as cidades e as Deputacións, o Consello da Cultura, as entidades empresariais e as Cámaras de Comercio, a sociedade civil…

Esta idea estaba no centro das nosas suxerencias arredor do Anteproxecto presentado pola Xunta a finais do mes de xullo e non foi asumida en ningunha das súas formas, o que nos impide votar afirmativamente pese aos aspectos positivos do proceso sinalados anteriormente. Nós aspiramos que a Lei sexa a porta a un salto de calidade, a unha política con orzamentos, avaliable, que procure indicadores do retorno da acción exterior. Que estimule a coordinación, o coñecemento e a innovación. Tamén previsible e  recoñecible como política pública de seu, dentro da necesaria  flexibilidade e capacidade de reacción para a xestión dos asuntos internacionais.

Traballaremos na medida das nosas posibilidades en clave construtiva para que o proceso parlamentario asuma este necesario salto de calidade das políticas públicas de acción exterior.

Moitas grazas pola atención."