ai song contest

O IGADI colabora co AI Song Contest 2023, a Eurovisión mundial da intelixencia artificial (4 de novembro na Coruña)

A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixencia artificial, aproveitando a acollida da futura AESIA (Axencia Española de Intelixencia Artificial)

A cuarta edición contará cunha cerimonia de inauguración o venres 3 de novembro á noite no CSA da Cidade das TIC, o mesmo recinto que acollerá o congreso “AI & Creation Day” durante a mañá e tarde do sábado 4, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual.

A espectacular Grande Final da Eurovisión da intelixencia artificial realizarase no Studio Follow ubicado na Grela o sábado 4 pola tarde noite, cun programa de televisión en directo para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas e onde a cultura galega estará moi presente. Rematarase cunha festa posterior no mesmo estudio. As entradas están á venda na plataforma Ticket Hoy.

A organización emprazou o AI Song Contest na Coruña como un recoñecemento ao equipo PAMP! subcampión o ano pasado con “AI-Lalelo” e gañador da residencia artística do concurso en Sony CSL París, polo que terá a oportunidade de volver representar a Galicia, clasificada directamente á final.

O IGADI súmase ás actividades do AI Song Contest 2023 coa presentación no Congreso (sábado 4, na Cidade das TIC) do Mapa de cidade global da Coruña, dando o seu apoio a unha iniciativa innovadora para proxectar a Galicia no contexto global da intelixencia artificial.

Tes toda a información na web do AI Song Contest e na súa conta de X (antes twitter).