PEF 2ed creatividades xeral cadrado 1

O IGADI impulsa a segunda edición do proxecto “A Política Exterior Feminista e o Pacto do Futuro”

Entre febreiro e marzo de 2026 desenvolveremos a iniciativa, centrada na análise da Política Exterior Feminista (PEF) como enfoque innovador das relacións internacionais conectadas á Axenda 2030.

O proxecto ten como obxectivo xeral a visibilización da Política Exterior Feminista como política de Estado e como ferramenta de gobernanza internacional innovadora. Partindo da intersección entre a Política Exterior Feminista e o Pacto do Futuro das Nacións Unidas (setembro 2024), o proxecto aproxímase ao estado das cousas na axenda feminista internacional e ao seguimento das accións específicas en materia de igualdade incluídas no Pacto do Futuro, concibido como acelerador da Axenda 2030.

Entre as actividades principais do proxecto “A Política Exterior Feminista e o Pacto do Futuro” destaca a celebración dun evento online de dúas horas e 30 minutos, que terá lugar o 5 de marzo do 2026 (18:00h-20:30) presentado por Patricia Coloret (IGADI). No 2026, a iniciativa conta coa participación de investigadoras como Manuela Paza, de CEIPAZ, Inés Arco do CIDOB ou María Solanas do Real Instituto Elcano, así como coa colaboración da UNED-Pontevedra, reforzando a dimensión académica e divulgativa do proxecto. Xunto a elas, no programa da IGADITV do 5 de marzo contaremos con moitas convidadas sorpresas (1ª Edición).

Así mesmo, o proxecto inclúe a elaboración e publicación da 2ª edición do Informe que definiu a primeira edición, arredor da historia da PEF, os seus debates e a relación entre a PEF e o Pacto do Futuro e a gobernanza global. Difundirase en portugués e español, co obxectivo de facilitar a transferencia de coñecemento desde Galicia cara a un público internacional, especialmente no espazo iberoamericano.

Matricúlate desde a web da UNED-Pontevedra aquí, ou escribe a info@igadi.gal.

O proxecto conta co apoio da Convocatoria 2025 de subvencións en materia de Dereitos Humanos da Secretaría de Estado de Asuntos Exteriores e Globais, do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España.