“A Política Exterior Feminista e a Cimeira do Futuro”, en execución desde o pasado 1 de decembro de 2024, céntrase na análise da Política Exterior Feminista como un modelo innovador nas Relacións Internacionais actuais, desenvolvido por Estados como Suecia, México, Canadá ou España. Entre as actividades inclúense un ciclo de conferencias online a celebrarse na primeira semana de marzo do 2025, así como a publicación dun estudo en español e portugués sobre o impacto da Cimeira do Futuro en clave de xénero.
O segundo proxecto, “España na CPLP: un novo horizonte para o multilateralismo”, comezará o 1 de xaneiro de 2025. Este proxecto explora as oportunidades para articular a presenza de España, como observador asociado, na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), froito do desenvolvemento en Galicia da Lei nº 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (coñecida como Lei Paz Andrade). Entre as accións previstas figuran unha investigación sobre o papel dos observadores na CPLP e a organización dunha conferencia virtual en abril de 2025. O proxecto subliña a conexión estratéxica de España e Galicia con rexións clave como Europa, América Latina, África ou Asia.
Ambas iniciativas, financiadas polo Ministerio de Exteriores, reflicten o compromiso do IGADI coa xeración de coñecemento e coa promoción dunha diplomacia máis inclusiva, eficaz e adaptada aos retos contemporáneos. Ademais, reforzan o papel de Galicia como ponte estratéxica na sociedade internacional contemporánea.
Proximamente abrirase o prazo de inscrición para participar nas conferencias virtuais, podendo inscribirse ou consultar sobre os proxectos escribindo ao correo info@igadi.gal