web A Republica dos Sonhos PT

Celebramos a Gala da lusofonía “A República dos Sonhos: Non somos o mesmo país, pero non somos estranxeiros” 21 de xaneiro en Tomiño

A Gala, que será conducida pola xornalista da TVG Esther Estévez, celebra ás conexións culturais entre a lusofonía e Galicia, das diásporas á lingua. Contarase coa música de Uxía e a participación de convidadas sorpresa, tanto en directo como en liña.

A cita será ás 20:00 o sábado 21 de xaneiro no senlleiro Centro Goianés, no Concello de Tomiño, e retransmitida en streaming pola canle da Deputación de Pontevedra. Pode ver toda a información na web lusofonias.hub.gal

O título da Gala, inspírase na novela da escritora recentemente falecida Nélida Piñon, servindo tamén coma un homenaxe urxente á escritora por parte do IGADI, co que estaba a colaborar para a celebración da actividade. O guión foi elaborado por Tino Santiago e Alberto Mancebo.

A Gala, que fai parte do Convenio 2022 Deputación de Pontevedra-IGADI “Conectar á Deputación de Pontevedra coa acción exterior de Galicia” completa as actividades do mesmo, centrando o foco nas relacións humanas e culturais entre Galicia e os países e territorios de lingua oficial portuguesa, todo aquelo que vai máis alá da xeopolítica, as fronteiras e os estados…

Como parte do Convenio, xa no mes de novembro do ano pasado celebráronse as Xornadas “Galicia na lusofonía dos anos 20” que contou cunhas Xornadas públicas de análise e debate na Casa das Campás de Pontevedra, así coma un encontro coa regra da Chatman House na Facultade de Dirección e Xestión Pública do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

A información sobre a natureza e as actividade do Convenio pódese consultar na web lusofonias.hub.gal onde a finais do mes de xaneiro colgarase un resumo do estudo “A Deputación de Pontevedra e a acción exterior de Galicia”.

Por último, cómpre lembrar que o Convenio, enmárcase no traballo histórico do IGADI (1991-2023) e o seu Observatorio Galego da Lusofonía, en liña co crecemento da proxección internacional da Deputación de Pontevedra na última década, onde destaca de maneira específica a creación da AECT Río Minho no 2018.