No Seminario interviron presentando os datos Carlos Pazos-Justo (professor da Universidade do Minho, onde coordena o Centro de Estudos Galegos. Preside AIEG desde setembro de 2022), María Jesús Botana Vilar (profesora da Universidade do Algarve, onde dirixe o Centro de Estudos Galegos. Vicepresidenta da AIEG desde setembro de 2022.), Attilio Castellucci (Director do Centro de Estudos Galegos de Roma, que el mesmo fundou, dende 1999. Formou parte da antiga directiva da AIEG, na que agora ocupa un posto no consello científico) e Takashi Kakihara (profesor da Universidade Kwansei Gakuin. Ensina galego na Universidade de Osaka como profesor de tempo parcial. Membro da AIEG desde 2018.).
Daniel González Palau, como Director do IGADI, presentou o Seminario e conduciu o debate que pechou a actividade, subliñando a relevancia da AIEG como xermolo da actual Rede de Estudos Galegos no mundo, sendo así a maior rede de paradiplomacia académica e cultural de Galicia. Teimou na necesidade de incidir sobre as administracións públicas galegas e os partidos políticos para incorporar na axenda política a relevancia da Acción Exterior de Galicia, nun ano no que a Xunta prepara a nova Estratexia Galega de Acción Exterior 2023-2027 e o lanzamento do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, ambas ferramentas ligadas ao desenvolvemento da Lei de Acción Exterior de Galicia 10/2021 de 9 de marzo. É a primeira actividade conxunta entre a AIEG e o IGADI, desde a sinatura dun Acordo de colaboración en marzo deste 2023.