te50

Tempo Exterior estrea imaxe gráfica e portal Open Journal System co seu número 50

O novo número da publicación académica do IGADI marca o inicio dunha nova etapa, orientada a reforzar o compromiso coa ciencia aberta en galego, a transparencia editorial e a accesibilidade universal ao coñecemento.

O número semestral (xaneiro-xuño 2025) presenta unha -Monografía central coordinada por Christoph Schreimonser (Universidade da Coruña), adicada á dimensión cultural do desenvolvemento sustentábel no contexto das emerxencias climáticas actuais. Neste marco, achégase entre outros temas de actualidade, á relación entre patrimonio cultural e turistificación ou á incorporación da perspectiva dos dereitos humanos ao novo dereito internacional climático.

Ademais dos sete artigos que conforman o monográfico, Tempo Exterior 50 ofrece tamén:

  • Unha análise da diplomacia vaticana na sección de –Miscelánea.
  • Un repaso ás relacións UE-Celac, co ollo posto no Cumio de novembro en Colombia, na sección -Eurolatam, resultado do convenio de colaboración coa Fundación Carolina.
  • Un balance dos 40 anos da incorporación de España á UE en –Notas de investigación, sección destinada a investigadoras noveis.
  • A tradicional sección de recensións de –Libros, que pecha o número.

O novo portal consolida a vocación de Tempo Exterior como espazo académico chamado a conectar Galicia co mundo arredor dos grandes desafíos internacionais, ao tempo que se alinea cos estándares da edición científica en acceso aberto.

Descarrega aquí gratuitamente o número 50 do Tempo Exterior.

O número conta co apoio publicitario do Concello de Pontevedra e a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.