Tempo exterior Nº 26 analiza o futuro da Acción Exterior das Comunidades Autónomas

A revista Tempo exterior, publicada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, e dirixida por Xulio Ríos, achégase ao seu Nº 26, período Xaneiro-Xuño de 2013, ofrecendo como tema central unha ampla reflexión sobre o anteproxecto de lei de Acción Exterior e do Servizo Exterior presentado polo Goberno central, en especial no relativo ao futuro da Acción Exterior das Comunidades Autónomas.

Neste sentido, Tempo exterior Nº 26 reflexiona sobre os contornos da paradiplomacia das tres nacionalidades históricas, e afectación á súa dinámica caso de aprobarse esta iniciativa lexislativa. Inclúense aquí a análise dos representantes da Acción Exterior de Galicia (Jesús Gamallo Aller), País Vasco (María Ángeles Elorza) e Cataluña (Roger Albinyana i Saigí), así como un punto de vista mais académico da man do profesor Xavier Pons i Rafols.

Como segundo tema, este número de Tempo exterior analiza o caso de Paraguai, país se ben periférico dentro do concerto latinoamericano pero que centrou a actualidade internacional tralo “golpe institucional” contra o seu ex presidente Fernando Lugo en xuño de 2012, así como das posteriores eleccións presidenciais de abril de 2013 que permitiron o retorno ao poder do outrora hexemónico Partido Colorado da man de Horacio Cartes. As consecuencias para este país trala destitución de Lugo (Víctor Gauto), a indebida utilización do pasado histórico para lexitimar a súa caída (Bridget M. Chesterton) e as difíciles perspectivas para a reforma rural no Paraguai (Brian Turner) analizan este marco político, económico e histórico completado co testemuño directo de Miguel González-Abellás nos momentos chave da crise política de xuño de 2012.

Por último, completan este número as vicisitudes e incertezas da Venezuela post-Chávez (Roberto Mansilla Blanco), os dilemas e ameazas para a acción humanitaria en escenarios de conflito (José Antonio Bastos), as relacións entre Rusia e China no marco xeopolítico de Asia Central (Kenia María Martínez Meda) e un balance crítico sobre Iraq unha década despois da invasión de 2003 e da caída do réxime de Saddam Hussein (Roberto Montoya).