"PALESTINA: A traxedia permanente (1947-2024). Unha chamada para espertar a Europa" (Prof. Bichara Khader)

Un Día das Letras cheo de solidariedade internacional: O IGADI publica o último ensaio de Bichara Khader “Palestina, a traxedia permanente (1946-2024): Unha chamada para espertar a Europa”

No Día das Letras Galegas 2024, adicado á escritora Luisa Villalta, desde o IGADI reivindicamos o valor da súa obra e do seu compromiso coa humanidade e sumámonos á celebración coa publicación en galego do novo ensaio do profesor da Universidade Católica de Lovaina, Bichara Khader. O profesor Khader é un dos grandes especialistas no mundo árabe contemporáneo e nas cuestións euro-árabe e euro-mediterráneas; pois as Letras galegas, tamén, están no mundo e ven o mundo desde aquí.
Palabras chave Palestina

A historia das relacións entre Galicia e Palestina é unha historia de solidariedade constante que acadou un dos seus fitos cando no mes de novembro do ano 2014 a totalidade do Parlamento Galego apoiou a Declaración institucional sobre o recoñecemento do Estado de Palestina.

A edición en galego deste ensaio de Bichara Khader, arredor das relacións entre Europa e Palestina desde 1948, é unha pinga máis desa corrente de irmandade entre Galicia e Palestina.

Desde este recuncho europeo do Atlántico teimamos por unha sociedade internacional que enterre definitivamente o racismo e as inercias coloniais con solucións orixinais.

Podes descargar de balde o último ensaio de Bichara Khader aquí

Breve apuntamento sobre o autor. Wikipedia

Bichara Khader, (Zababdeh, Palestina, 13 de febreiro de 1944) é un especialista do mundo árabe contemporáneo e das cuestións euro-árabe e euro-mediterráneas. É de orixe palestina e ten a nacionalidade belga. É profesor emérito da Universidade Católica de Lovaina e fundador do Centro de Estudios e de Investigacións sobre o Mundo Árabe da dita universidade. Foi membro do Grupo de Altos Expertos sobre Política Exterior e Seguridade Común da Comisión europea e do Grupo de Sabios para o Diálogo das culturas no Mediterráneo da Presidencia Europea.

Khader insiste na urxencia de entender o mundo árabe e musulmán doutra forma que non sexa en termos de ameaza ou invasión e amósase preocupado ante a islamofobia que cada vez gaña más visibilidade. Tamén é crítico cos países árabes de quen considera «Non poden limitarse a evitar as súas responsabilidades suxerindo que a islamofobia é unha especie de enfermidade incurable de Occidente. Os terroristas e xihadistas do Estado Islámico ou Al Qaeda, por exemplo, non representan o verdadeiro islam, incluso ensucian ou luxan a súa imaxe porque é unha relixión de paz».