Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 13 de xaneiro do 2024
opch logo

75-74

O ano que agora comeza ofrécenos unha importante efeméride político-simbólica. A segunda metade do século XX estivo moi amplamente condicionada polo enfrontamento sino-soviético, establecido como un dos eixes recoñecibles do sistema internacional. A URSS disolveuse en 1991, tras 74 anos de existencia. En 2024, a República Popular da China cumprirá 75 anos.
Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Palabras chave China URSS

As desavinzas viñan de lonxe, mesmo de antes do trunfo da revolución. Un punto de inflexión representou a reunión de Zunyi, en 1935, en plena Longa Marcha, cando o liderado de Mao se impuxo ao de Wang Ming e os 28 bolxeviques, que apoiaba Moscova. Stalin, no liderado soviético entre 1922 e 1952, dicía que os comunistas chineses eran como os ravos, vermellos por fóra e brancos por dentro. Como contaba en “A China por dentro” (Xerais, 1997) Mao, que en moitos aspectos discrepara das tácticas suxeridas pola URSS para o trunfo da revolución, tomaría nota de que o embaixador ruso foi dos contados que saíron a despedir a Chiang Kai-shek cando tomaba o barco do exilio en dirección a Taiwán. Dous meses se tiraría o líder chinés en Moscova para negociar o tratado de “eterna” amizade”. Lograríase a pesar de fendas irreparables como o intento soviético de asegurarse o acceso ao porto de Dalian. Paradoxalmente, Mao ficaría horrorizado da condena de Stalin no XX Congreso do PCUS (1956), acelerándose as controversias ata que a URSS retirou os seus especialistas da China tralo desastre do Gran Salto Adiante. Pouco a pouco, aquela división alcanzaría a todo o movemento comunista internacional, partindo augas entre pro soviéticos e maoístas. Mao, rexeitando relacións de subordinación con ningún “irmán maior”, estaba convencido de que “non podía haber dous soles no ceo”.

Pero a supervivencia última das respectivas repúblicas substanciouse no fracaso soviético na estratexia elixida para saír do estancamento brezneviano e no éxito chinés para transcender as eivas do maoísmo. Onde a perestroika e a glasnost fracasaron, trunfou a gaige e a kaifang.

O xiro cara ao mercado -sen abandonar de todo a planificación- a partir de 1978 na China e a normalización das relacións cos EUA, alentaron a narrativa da “traizón” ao socialismo. Esa era tamén a íntima convicción de moitos outros que dende perspectivas diversas, dereita ou esquerda, intuían o abandono de calquera ideal alternativo na China. No balance do finado Kissinger destácase agora a inxenuidade de ter asumido que as reformas de mercado e a pluralización das formas de propiedade levarían inevitablemente a China polo camiño da democracia liberal. Ninguén daba un peso por aquel énfase extremado do denguismo en levar a cabo as “catro modernizacións” pero mantendo firme ao tempo os lindes dos “catro principios fundamentais”, entre eles e sobre todo, o liderado impenitente do Partido e a vixencia escrupulosa das políticas para evitar unha apropiación do Estado por parte das novas clases emerxidas como consecuencia da reforma.

O que aprendeu o PCCh da relación coa experiencia soviética foi a necesidade de prestar absoluta atención ás condicións nacionais preservando a soberanía en toda circunstancia. Non obstante, dous factores esenciais determinaron boa parte da súa lonxevidade sistémica, indo mais aló da propia lexitimidade revolucionaria. Trátase, en primeiro lugar, da importancia da eficacia na acción de goberno, da capacidade para instrumentar políticas públicas capaces de mellorar a vida das persoas e desenvolver o país. Nese sentido, o denguismo, trala morte de Mao, foi quen de dar un salto espectacular na conformación desa “sociedade modestamente acomodada” que permitiu a erradicación da pobreza extrema e procurar o benestar anhelado. A prosperidade común do xiísmo segue a mesma liña. E fíxoo, ademais, proporcionando unha maior liberdade aos seus cidadáns da que nunca puideron desfrutar os soviéticos, dende a posibilidade de viaxar ata os contactos co exterior e mais liberdade de opinión.

O segundo aspecto ten que ver coa ideoloxía. Nas diversas exploracións levadas a cabo polos comunistas chineses nese afán de sinización do pensamento político hai unha constante que se mantén invariable dende 1949: o rexeitamento do liberalismo occidental. O eclecticismo do pensamento político do PCCh soubo virar en redondo en aspectos esenciais como a actitude ante o ideario tradicional, poñamos por caso, pero os referentes clave nos remiten ás conviccións fundacionais, de firme inspiración marxista e obxecto de intensa reafirmación nestes últimos anos cando encara a derradeira fase do proceso de modernización.

Certo que aínda superando a lonxevidade da URSS, a China ten por diante moitos e grandes problemas que resolver en todos os eidos, incluídos eses dous ámbitos que lle procuraron maiores opcións de supervivencia política. Sen embargo, nada ten que ver a súa situación coa axenda da crise que desembocou na disolución da URSS.