A CDU entre a continuidade e a renovación

Ante o congreso que a CDU vai celebrar en Essen, na segunda semana de abril, as diferencias entre os distintos sectores do partido así como entre as bases e os dirixentes do mesmo vanse agrandando. Aínda non hai candidatos postulados para ocupar o posto vacante tras a dimisión de Wolfgang Schäuble. Mentres Angela Merkel, actual secretaria xeral que goza das simpatías dos partidarios dunha renovación, aínda non ten confirmado a súa candidatura á xefatura do partido; outro posible candidato, o ex ministro de Defensa, Volker Rühe, renunciou a presentarse á presidencia da CDU. Os sectores que se resisten a ser víctimas da renovación seica teñen chegado ao acordo de propoñer a Kurt Biedenkorpf para o cargo máis relevante do partido.

Ao tempo, o ata hai catro meses "gran estadista e constructor da Alemaña unificada", o expresidente de honra da CDU Helmut Kohl, seica anda a recorrer o país pedindo cartos aos seus amigos para xuntar seis millóns de marcos (uns 500 millóns de pesetas) e presentarse con eles no congreso de abril e axudar a pagar a multa con que será sancionado o partido por financiamento ilegal.

Volker Rühe, o ex ministro de Defensa de Kohl, coñecido como "Rambo" renunciou ás súas pretensións de ocupar a presidencia do partido democristián unha semana despois de ser derrotado nas eleccións do land de Schleswing-Holstein aínda que non se produciu a desfeita que se esperaba. A victoria do SPD, que lle permite manter o goberno do Estado e coalición cos Verdes, é un respiro para o chanceler Schröder despois da serie de derrotas electorais que viña sufrindo durante o último medio ano, despois da dimisión do presidente do partido Oskar Lafontaine e do ataque da OTAN a Iugoslavia.

Rühe, quen encabeza a tendencia dos partidarios de tomar con calma a renovación, declarou que a CDU "non debe deixarse levar polas emocións" en referencia aos apoios das bases a Angela Merkel, e aclarou que o candidato á xefatura do partido debe ser elixido "non só polas emocións que veñen de abaixo senón tamén polos conceptos que aportan os que están arriba". A derrota electoral non foi a única causa da retirada senón tamén os problemas que tiña na organización da CDU en Schleswing-Holstein que apoiou maioritariamente a Merkel. Rühe, sen embargo, conseguiu ser elixido vicepresidente do grupo parlamentar en Berlín e foi un dos que participou nunha reunión co presidente do grupo parlamentar, Friederich Merz, e o líder da CSU e xefe do goberno de Baviera, Edmund Stoiber, na que se acordou promover ao septuaxenario xefe de goberno de Saxonia, Kurt Biedenkorpf, á presidencia do partido.

Angela Merkel segue a recibir apoios mais aínda non fixo oficial a súa candidatura, que sen embargo dáse por segura. En fronte vai ter aos dirixentes da "era Kohl" que se resisten a abandonar o control do partido. A súa condición de muller, moza, procedente do Leste e que non se mordeu a lingua para criticar a Kohl por negarse a dar a coñecer os nomes dos que financiaran ilegalmente ao partido fan dela unha dirixente atractiva para as bases máis mozas do CDU. As mesmas razóns son as que a converten nunha figura rexeitable para os sectores tradicionais do partido.

As próximas semanas van ser ben complicadas para a CDU se quere saír do congreso de Essen recuperada e dando por rematada a etapa Kohl.