A CELAC en tempos de Trump

Compre observar con atención o desenvolvemento do V Cumio de Xefes de Estado e de Goberno da CELAC celebrado o 25 de xaneiro na localidade de Bávaro, en República Dominicana. Coincidindo coa chegada de Donald Trump á presidencia en EUA e do impacto das súas primeiras medidas, en especial a controvertida orde executiva de elevar o muro anti-inmigración na fronteira con México, a evolución do cumio da CELAC define igualmente síntomas de cambios de percepción e posibles fendas dentro deste organismo hemisférico, en gran medida motivados polos recentes cambios políticos.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Palabras chave CELAC Trump
Idiomas Galego

Compre observar con atención o desenvolvemento do V Cumio de Xefes de Estado e de Goberno da CELAC celebrado o 25 de xaneiro na localidade de Bávaro, en República Dominicana. Coincidindo coa chegada de Donald Trump á presidencia en EUA e do impacto das súas primeiras medidas, en especial a controvertida orde executiva de elevar o muro anti-inmigración na fronteira con México, a evolución do cumio da CELAC define igualmente síntomas de cambios de percepción e posibles fendas dentro deste organismo hemisférico, en gran medida motivados polos recentes cambios políticos.

Está por ver, en todo caso, a presumible intuición de que a CELAC estea transitando por unha etapa de redefinición que, incluso, pode eventualmente tramitar un reordenamento das alianzas hemisféricas. Un factor que explica esta perspectiva ten que ver coas presenzas e as ausencias observadas no cumio de Bávaro, que  en chave prospectiva poden determinar novas realidades dentro do organismo hemisférico.

Destaca aquí a preponderante asistencia en Bávaro do denominado “eixe da ALBA”, cuxo peso decisivo influíu na evolución do cumio. O mesmo veuse personificado na presenza do presidente venezolano Nicolás Maduro, do cubano Raúl Castro, o ecuatoriano Rafael Correa (quen se despedía destes cumios), do boliviano Evo Morales e do nicaraguano Daniel Ortega. Destaca igualmente a presenza do mandatario salvadoreño Salvador Sánchez Cerén, cuxo país ocupará a presidencia pro tempore deste organismo.

Polo contrario, as ausencias foron igualmente significativas. Aducindo asuntos de axenda, non estiveron en Bávaro os presidentes de Arxentina,  Mauricio Macri; o peruano Pedro Pablo Kuczynski; o brasileiro Michel Temer; o mexicano Enrique Peña Nieto (ausencia comprensible pola súbita crise bilateral con Washington a raíz do decreto anti-inmigración de Trump), o uruguaio  Tabaré Vázquez;  o paraguaio Horacio Cartes; a chilena Michelle Bachelet; e o colombiano  Juan Manuel Santos, así como os mandatarios de Panamá,  Costa Rica, Guatemala e Honduras.

O tema das presenzas e ausencias neste cumio cobra unha importancia estratéxica ante o momento xeopolítico hemisférico, particularmente traducido pola asunción presidencial de Trump e as súas implicacións para a política hemisférica. Neste apartado, a CELAC precisaba dotarse neste cumio dun marco de cohesión e unidade política que permitira adoptar unha posición común ante a agresiva radicalización e o degradante distanciamento que se presume impulsará Trump dende a Casa Branca de cara a súa política hemisférica.

Alén do polémico muro anti-inmigración que afectará temas sensibles para a relación hemisférica entre EUA e América Latina (entre outros, a fluidez das remesas das diásporas hispanas radicadas en EUA) outros temas imprescindibles na axenda rexional pasaron aparentemente inadvertidos no cumio da CELAC. Con todo, a Declaración Final de Bávaro estableceu unha posición común de opoñerse á “criminalización da inmigración”, en clara alusión aos decretos de Trump.

Non obstante, outros temas estratéxicos foron eclipsados. Destaca aquí a retirada estadounidense do Acordo de Asociación Transpacífico (TPP), que ten especial incidencia cara a Alianza do Pacífico integradas por México, Colombia, Perú e Chile, así como para a relación comercial destes países con Asia-Pacífico, en especial China.

Sepultado o TPP, pode agora abrirse unha nova etapa de fluidez nas relacións entre a Alianza do Pacífico e a CELAC con China e a contorna de Asia-Pacífico. Non obstante, o cumio de Bávaro aparentemente non se decatou por esta perspectiva, tal e como se observou na súa Declaración Final.

Outro aspecto ten que ver coas expectativas de Trump de revisar (con visos de degradar) o Tratado de Libre Comercio de América do Norte (NAFTA) vixente desde 1994 con Canadá e México. A CELAC non expresou unha posición específica ao respecto dun tema que afecta a un socio chave como México. Un aspecto que cobra importancia ante a lexítima decisión de Peña Nieto de suspender subitamente a súa visita a Washington prevista para o próximo 31 de xaneiro.

Por tanto, compre intuír posibles cambios de perspectivas que eventualmente terminen erosionando a consistencia da CELAC. As ausencias dos presidentes de países estratéxicos como Brasil, Arxentina, México, Perú e Colombia, visibles impulsores dunha reacción “neo-conservadora” tramitada polos recentes cambios electorais e políticos a nivel hemisférico, impón a inevitable perspectiva de observar se dentro a CELAC estase asistindo a unha modificación das alianzas e das expectativas, que modifican substancialmente o proxecto orixinario creado a partir de 2011.

A Declaración Final do V Cumio da CELAC en Bávaro expresa inquietudes imprescindibles que, nalgúns casos, víronse inmediatamente opacadas. Destaca aquí o  apoio da CELAC (principalmente impulsado polo eixe ALBA) á misión da UNASUR e do Vaticano para continuar co diálogo en Venezuela. Non obstante, o mesmo viuse seriamente contestado pola súbita e definitiva retirada da oposición venezolana da mesa de negociacións, un día despois do cumio de Bávaro.

A Declaración Final de Bávaro contivo outros aspectos, se ben relevantes, pero igualmente reiterativos, abordados e acordados previamente en cumios anteriores. Destacan aquí aspectos relativos á descolonización e á soberanía (Guantánamo, Malvinas, Porto Rico), contextualizados noutras expectativas como a loita contra a corrupción e a criminalidade transnacional, a Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o apoio ao multilateralismo, a reforma da ONU e a participación da CELAC noutros foros internacionais e as relacións con socios extrarrexionais, destacando aquí India, Rusia, Turquía, Corea do Sur, a UE e o Foro China-CELAC.

Como presidencia pro tempore, O Salvador deberá organizar o próximo cumio da CELAC en 2018. Cun 2017 determinado polo impacto das medidas hemisféricas de Trump, polos intensos cambios que se agardan na xeopolítica global e pola evolución política rexional ante o calendario electoral e as crises políticas, o cumio da CELAC en Bávaro anunciou tímidas expectativas no relativo á cohesión deste foro. Expectativas que vesen igualmente motivadas por unha sensación de reconstitución das alianzas e dos intereses hemisféricos na era Trump, que incidirán na consistencia da CELAC e doutros organismos rexionais.