Poida que como di o presidente Sarkozy, o problema de Europa, que estaría detrás do non irlandés ao Tratado de Lisboa, radique na percepción cívica das súas insuficiencias para resolver os novos problemas. En suma, os estados transferiron competencias a Bruxelas, pero esta madeixa burocrática non é quen de vencer as súas limitacións para ser eficiente e gañar creto social. Esa afirmación incorpora outro rexeite: a falta de garantías e a perda de capacidades devén dunha mundialización mal acompañada que require agora dos europeos o que tanto recriminaron formalmente a terceiros: non re-nacionalización de políticas, pero si maiores cotas de proteccionismo. Non obstante, resulta evidente que foron as nacións ricas e desenvolvidas as que maior proveito tiraron do proceso e, por iso mesmo, cabe dubidar que as grandes multinacionais europeas secunden as "teorías" ameazantes do presidente galo.
Pero mal faríamos en converter os irlandeses en chivos expiatorios da enésima varada do proceso europeo en vez de afondar nas causas do acontecido. Se Europa perdeu algún tren, non foi o da mundialización económica, senón a oportunidade de configurarse como unha voz política diferente e autónoma no concerto mundial. Por esa recuperación non clama Sarkozy. Máis ca nunca, da a impresión de que o muro de Berlín caeu para os dous lados, e se o oriental, segundo as pautas establecidas, leva camiño de refacerse coa visión da integración continental como un mercado e fonte de recursos para o seu desenvolvemento, no occidental, persiste o desconcerto, agravado pola falta de ambición dos seus líderes.
Europa, ao igual que Xapón, non logra librarse do seu pasado recente nin recuperar a normalidade histórica. Só a perda de poder e de influencia de EEUU, contrariamente aos que en Europa apostan por reforzar a alianza transatlántica (como Sarkozy), pode facilitar aquí e en Asia a afirmación de tendencias doutro signo, máis equilibradoras da orde mundial. As presas de Washington, co apoio explícito de Polonia e Chequia, en impedir ese escenario con iniciativas como o escudo antimísiles, é unha resposta a esa hipótese que podería concretarse nun par de décadas.
A filigrana institucional lograda en Lisboa ten todo o aquel de componenda tradicional do facer comunitario, pero a diferenza de tránsitos pasados, non logra fortalecer a entidade, que segue varada na incerteza. É un acordo de mínimos que vai a menos.
Probablemente, a tan criticada falta de apego cidadán á construción europea sexa máis acusada entre os actuais líderes europeos, cada día máis centrados nas súas propias políticas internas, xestionadas a golpe de circo mediático e cuns intereses que fan dubidar da viabilidade do proxecto integrador, o que se traduce nunha manifesta incapacidade para transmitir algo de ilusión. A cidadanía, pola contra, raramente discreparía dunha Europa dona de seu e comprometida cos valores que animaron o seu proceso nos inicios.
Dirase que non hai que tirar a toalla, que é un proceso laborioso e que canto se logrou é moito e irreversible. As inercias e as dependencias mutuas non fan perigar nada substancial do entramado económico. Pero, non se esqueza, torres máis altas caeron.