A década de Evo

O presidente boliviano Evo Morales encamíñase o próximo 12 de outubro a alcanzar unha nova e indiscutible reelección, marcando así os trazos dun histórico tempo político para o país andino e a política latinoamericana. Tras a súa chegada á presidencia en 2005, Evo inaugurou unha frutífera etapa de cambios constitucionais e políticos, fortalecendo democraticamente a hexemonía política do gobernante Movemento ao Socialismo (MAS), un partido procreado nos movementos sociais, en particular dos produtores cocaleiros e dos movementos indixenistas, durante anos estigmatizados e marxinalizados da política boliviana.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

O presidente boliviano Evo Morales encamíñase o próximo 12 de outubro a alcanzar unha nova e indiscutible reelección, marcando así os trazos dun histórico tempo político para o país andino e a política latinoamericana. Tras a súa chegada á presidencia en 2005, Evo inaugurou unha frutífera etapa de cambios constitucionais e políticos, fortalecendo democraticamente a hexemonía política do gobernante Movemento ao Socialismo (MAS), un partido procreado nos movementos sociais, en particular dos produtores cocaleiros e dos movementos indixenistas, durante anos estigmatizados e marxinalizados da política boliviana.

Neste sentido, a revolución de Evo por “refundar Bolivia” alcanzou cotas de popularidade e sucesivos triunfos electorais que fortaleceron aínda mais o cambio histórico acaecido nun país politicamente periférico, onde máis do 60% da súa poboación é de orixe indíxena pero cuxas elites brancas e europeizadas monopolizaban o poder. Así, un dos membros desa maioría indíxena, de frutífera traxectoria como activista social e defensor dunha cultura ancestral que traduce unha forma de vida (o “bo vivir” en palabras do propio Evo), alcanzaba democraticamente a presidencia dese país andino.
 
Esta perspectiva explica porqué a Bolivia de Evo supón unha referencia para unha diversidade de movementos indixenistas que a nivel latinoamericano claman pola defensa e o respecto das súas demandas. Todo isto sen desestimar que estes cambios realizáronse nun marco democrático e non supuxeron, cando menos de forma aparente, unha ruptura absoluta e radical cos modelos e estruturas de poder socioeconómicos existentes.
 
Neste sentido, Evo logrou conciliar a necesidade de impulsar estes cambios políticos e constitucionais nun marco de legalidade democrática, fortalecendo o papel do Estado na vida social e económica. Con todo, este rol estatal na economía foi  fortalecido coa nacionalización de empresas estratéxicas a través da renegociación de diversas privatizacións imperantes nos derradeiros anos, con non menores roces e tensións exteriores que, visiblemente, non supuxeron a activación de políticas contrarias á liberdade económica.
 
Así, a popularidade de Evo vese entón igualmente fortalecida por unha visible bonanza económica (principalmente pola alza dos prezos do gas natural) e grazas á activación dunha serie de programas sociais que amplían esa recuperación do papel do Estado.
 
Do mesmo xeito, Evo logrou recondicionar o papel de Bolivia dentro dunha nova xeopolítica rexional e internacional, amparado na visión de cooperación Sur-Sur que permitiu inserirse decididamente dentro de novos modelos alternativos de integración (ALBA), doutros organismos en curso ou xa existentes (UNASUR,  CELAC, negociacións de admisión no MERCOSUR), e da apertura cara outros actores emerxentes (China, Irán, Rusia).
 
Con todo, os retos para Evo e o MAS abren outro compás político para Bolivia no período presidencial 2015-2019, onde a súa inobxectable hexemonía política e parcial desarticulación da polarización social e política ata agora existente en torno a súa revolución, moi probablemente dará paso a outras realidades.
 
As mesmas probablemente estarán signadas polo pulso latente entre un pragmatismo institucionalizado e a presión dos sectores populares por acelerar os cambios e acceder a novas formas de poder. Toda vez o propio Evo verase persuadido a dar curso a unha inevitable sucesión política dentro do MAS, un exercicio que permitirán definir o alcance da súa revolución e a tramitación dunha etapa post-Evo en Bolivia.
 
Os riscos dun novo ciclo electoral
 
Este contexto estará igualmente determinado polas conxunturas que progresivamente vaian establecéndose na contorna rexional. Neste sentido, a finais de setembro levouse a cabo en Quito unha reunión entre os partidos e movementos progresistas e de esquerdas latinoamericanas, coa finalidade de definir estratexias de actuación ante o que comeza a visualizarse como a reacción e eventual retorno ao poder dunha “nova dereita latinoamericana”, amparada en novos liderados e nun novo mensaxe e marketing político.
 
Este contexto intensifícase claramente de cara ao novo ciclo electoral hemisférico 2014-2017, o cal implicará diversos procesos electorais en países onde a esquerda goberna, como son os casos de Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela, Ecuador e Perú, entre outros.
 
Unha semana antes dos comicios bolivianos, o próximo 5 de outubro, Brasil celebrará eleccións presidenciais co favoritismo de dúas candidatas de esquerda, a presidenta Dilma Rousseff (PT) e Marina Silva (PSB-PV), coa perspectiva dunha segunda volta electoral prevista para o próximo 26 de outubro. No caso de Silva, os apoios recibidos de fortes sectores económicos e financeiros poden implicar un cambio político que remate coa hexemonía dun PT no poder desde 2003.
 
Ese mesmo 26 de outubro, Uruguai realizará eleccións presidenciais, onde a hexemonía do progresista de esquerdas Fronte Amplo (FA), no poder desde 2004 e actualmente coa candidatura do ex presidente Tabaré Vázquez, confróntase co avance dunha dereita renovada no liderado de Lacalle Pou (Partido Nacional), fillo doutro ex presidente. Se ben a FA de Tabaré mantén o favoritismo, as expectativas especulan cunha segunda volta prevista para o 30 de novembro, onde Lacalle Pou aparentemente ampliaría os seus apoios con partidos centristas e dereitistas.  
 
En 2015, Arxentina celebrará eleccións presidenciais onde o “kirchnerismo” xa sen a candidatura da presidenta Cristina Fernández de Kirchner, deberá definir unha candidatura de garantías ante o ascenso de líderes “neoperonistas” como Sergio Massa e dunha dereita liberal remozada en torno a Mauricio Macri, presidente da Gobernación bonaerense.
 
Noutro contexto, o “post-chavismo” liderado polo presidente Nicolás Maduro en Venezuela acometerá unhas estratéxicas eleccións lexislativas, onde a oposición buscará reconstituírse nunha alternativa dentro da Asemblea Nacional, atizando os problemas derivados da crise socioeconómica (inflación, escaseza alimentaria, inseguridade cidadá)  e as aparentes incertezas sobre o curso do proceso bolivariano e socialista e as presións. Neste sentido, o 2015 pode retornar a violencia política parcialmente presentada entre 2013 e 2014, toda vez a oposición comeza a delinear a posibilidade de convocar un novo proceso constituínte e incluso eventualmente outro referendo revogatorio, desta vez contra Maduro, constitucionalmente factible a partir de 2016.
 
Por tanto, os procesos electorais en Brasil, Uruguai, Arxentina e Venezuela que se levarán a cabo entre 2014 e 2015 implican considerar a posibilidade de observar cambios políticos no eixe MERCOSUR, organismo no que a Bolivia de Evo está por ingresar, e que igualmente terá consecuencias na eventual reconfiguración xeopolítica rexional (ALBA, UNASUR, CELAC).
 
Seguindo co ciclo electoral, en 2016, Perú celebrará eleccións presidenciais, contextualizadas pola progresiva caída de popularidade do mandatario Ollanta Humala. Finalmente, en 2017 o presidente ecuatoriano Rafael Correa volverá a medir a súa presidencia nas urnas, cun favoritismo que pode verse polarizado pola reactivación de forzas reaccionarias.
 
Se ben a hexemonía de Evo e do MAS vese internamente consolidada, os eventuais cambios políticos na contorna rexional poden implicar presións e influencias externas de cara ao devir político boliviano, eventualmente erosionando esa hexemonía política e electoral. Unha perspectiva que non ensombrece o feito de que esta foi a década de Evo, e que os seus cambios que lograron “refundar Bolivia” tamén contribuíron á recuperación de espazos progresistas e dunha nova esquerda a nivel rexional.