rm a diaspora decide nas eleccions dominicanas

A diáspora decide nas eleccións dominicanas

A pesar do anunciado rexeite dos resultados electorais por parte do opositor Partido Revolucionario Dominicano (PRD), os comicios presidenciais dominicanos celebrados o pasado domingo 20 certificaron a hexemonía e continuidade política do gobernante Partido da Liberación Dominicana (PLD), desta vez en mans do candidato Danilo Medina.

Non obstante a polarización e crispación política pola decisión do candidato derrotado, o ex presidente Hipólito Mejía, de denunciar estes resultados, o aspecto mais significativo destes comicios dominicanos foi o relevante peso do voto exterior, con 605 circunscricións dos mais de 14.000 colexios electorais oficialmente establecidos pola Xunta Central Electoral.

rm a diaspora decide nas eleccions dominicanas
De esquerda a dereita, o actual presidente dominicano Leonel Fernández, a súa esposa e próxima vicepresidenta Margarita Cedeño de Fernández, e o recén electo presidente Danilo Medina, celebrando o seu triunfo o pasado domingo 20 de maio.

Por vez primeira, os dominicanos no exterior puideron votar por sete representantes na Cámara de Deputados e, tomando en conta o axustado do escrutinio, ben puideron influír na vitoria de Medina e do PLD, contabilizada oficialmente cun 51,25% dos votos.

Grazas a unha reforma constitucional en 2010, estes sete representantes do exterior están divididos en tres circunscricións electorais: EUA e Canadá; Europa (España, Holanda, Italia e Suíza); e dous en América Central e o Caribe (Miami, Puerto Rico, Curazao, Panamá, San Martín e Venezuela), e cumprirán o seu mandato para os próximo catro anos, sesionando xunto aos outros 178 membros do Congreso dominicano. Con mais de 300.000 emigrantes rexistrados electoralmente, correspondendo ao 5% do padrón electoral dominicano, a diáspora dominicana contabiliza máis de dous millóns de residentes no exterior, dos que más de millón e medio están en EUA e Canadá.

Por tanto, o proceso electoral 2012 impulsou o peso político e electoral da diáspora dominicana, consolidado xa no apartado económico como emisor de remesas: segundo un estudo do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID), no 2011 contabilizouse en mais de US$ 3.000 millóns o envío de remesas da emigración dominicana ao seu país, un aumento do 7,7% co respecto ao 2010. Na actualidade, a diáspora intensifica o seu peso pasando da simple participación electoral cara unha maior representatividade política dentro do poder lexislativo.

No plano político postelectoral, o triunfador Danilo Medina, constantemente considerado como o delfín político do actual presidente Leonel Fernández, consolida a hexemonía política do PLD fraguada desde 1996, sendo brevemente alterada polo goberno de Hipólito Mejía (PRD) no período 2000-2004. Por tanto, a garantía na continuidade da xestión de Leonel ao fronte do PLD e do goberno vese manifestada coa presenza da actual Primeira Dama Margarita Cedeño como vicepresidenta da fórmula política e electoral de Medina.

Non obstante, o novo goberno deberá acometer diversos retos, en especial a conciliación do recente crecemento económico dominicano con políticas de inclusión social que permitan reducir unha pobreza que afecta ao 40% dos dominicanos. Igualmente, o país caribeño deberá sopesar diversos equilibrios en canto aos seus socios comerciais, tomando en conta a súa excesiva dependencia na relación comercial con EUA (60% das exportacións dominicanas e fluxo constante de remesas de emigrantes) e ante o recente peso das relacións económicas e de investimentos turísticos coa República Popular de China (RPCh).

China entra en escena

Este incremento nos derradeiros anos das relacións comerciais coa RPCh poden eventualmente influír nunha eventual apertura de relacións diplomáticas entre Santo Domingo e Beijing para os próximos anos. Precisamente, a República Dominicana é un dos 23 Estados que actualmente manteñen estreitas relacións coa República de China (Taiwán), un dos seus principais socios económicos, cun intercambio comercial que no 2011 achegouse a US$ 14.000 millóns.

Polo contrario, segundo cifras da Oficina de Desenvolvemento Comercial da RPCh en Santo Domingo, o intercambio comercial chinés con República Dominicana rexistrouse en US$ 1.400 millóns durante 2011.

A perspectiva de apertura de relacións con Pequín tivo un salientable peso na campaña electoral dominicana. Non obstante, o candidato vencedor Medina e o PLD manifestaron un prudente silencio sobre a posibilidade de apertura de relacións con Pequín, a pesar de que os líderes da comunidade chinesa en República Dominicana (calculada en aproximadamente 30.000 persoas) amosaron publicamente o apoio a súa candidatura.

Un caso diametralmente diferente foi o de Hipólito Mejía, favorable á apertura de relacións formais coa RPCh, tomando en consideración a tradicional relación do PRD con Pequín e a súa admiración polo modelo chinés. Precisamente, foi o PRD o primeiro partido político dominicano en admitir nas súas filas a emigrantes de orixe chinés, como é o caso de Siquió Ng, líder histórico do PRD na localidade de San Francisco de Macorís, capital da provincia de Duarte.

A vitoria de Danilo Medina e a reelección do PLD dirimirán que tan estratéxico e vital suporá o establecemento de relacións formais entre Santo Domingo e Pequín, a tenor do aumento das relacións comerciais e da influencia da tradicional relación dominicana con Taiwán. Nuns comicios onde o peso electoral da diáspora supuxo un factor estratéxico, China igualmente entrou con forza na escena política dominicana.