Unha análise de José Corrochano (Facultade de Ciencias Políticas, USC) é estudante en prácticas no IGADI

A “Estratexia Integral do Ártico”

O retorno de Vladimir Putin á presidencia da Federación Rusa en 2012 supuxo un renovado enfoque na definición de obxectivos na política exterior do país, entre os que pódense destacar a intervención militar na guerra de Siria; o apoio ás poboacións rusas das repúblicas secesionistas de Donetsk e Lugansk dentro do conflito no Leste de Ucraína; a extensión da influencia e dos acordos comerciais en Asia Central (Unión Económica Euroasiática); acordos estratéxicos en América Latina e dentro dos BRICS para a creación dun novo orden multipolar; e unha estratexia de aproveitamento dos recursos do Polo Ártico.

Apartados xeográficos Rússia
Idiomas Galego

O retorno de Vladimir Putin á presidencia da Federación Rusa en 2012 supuxo un renovado enfoque na definición de obxectivos na política exterior do país, entre os que pódense destacar a intervención militar na guerra de Siria; o apoio ás poboacións rusas das repúblicas secesionistas de Donetsk e Lugansk dentro do conflito no Leste de Ucraína; a extensión da influencia e dos acordos comerciais en Asia Central (Unión Económica Euroasiática); acordos estratéxicos en América Latina e dentro dos BRICS para a creación dun novo orden multipolar; e unha estratexia de aproveitamento dos recursos do Polo Ártico.

Esta última meta é, quizais, unha das  máis importantes e á vez a mais descoñecida. Constitúe unha estratexia moi ben definida que busca dotar a Rusia dun papel protagonista na escena internacional, considerando unha prioridade a defensa dos intereses nacionais nun dos territorios máis ricos e potencialmente útiles, elaborando para eles a súa propia “Estratexia Integral no Ártico”. Segundo a organización estadounidense para a conservación do Ártico, este vasto territorio contén o 30% das reservas de gas natural, o 13% das reservas de petróleo, depósitos minerais (ouro, platino e diamantes) e unha fauna de importante valor comercial.

Por tanto, os intereses rusos no Ártico céntranse en:

-          A obtención deses valiosos recursos naturais. Nesa liña, a estatal enerxética rusa Gazprom solicitou ao Bank of China un préstamo a 5 anos por 12.000 millóns de dólares para o proxecto “Yamal GNL” na rexión do Ártico, xa que perforar este territorio é unha empresa tecnicamente complexa e arriscada, ademais de extremadamente cara: un pozo produtor supón un custe de 900 millóns de dólares.

-          Aproveitar no seu propio beneficio os efectos do cambio climático para o establecemento da ruta marítima (ou Paso) do norte por eses mares, tanto con EUA e Canadá, como China, Corea do Sur e Xapón.

-          Destino turístico de calidade e expedicións científicas ao campamento de Barneo, no Polo Norte, para convertelo nun punto central das actividades turísticas, científicas e deportivas do país. Ademais, a axencia federal do turismo ruso (Rosturizm), aspira a converter este espazo da Federación rusa nun centro turístico internacional aproveitando a beleza das súas paisaxes conformadas por illas e arquipélagos.

-          Extensión das bases e manobras militares dotándose dunha unidade específica, o “Mando Norte”, articulada arredor de 10 bases, 16 portos, 13 aeródromos e 10 estacións de defensa anti-aérea.

-          Preservar este territorio como un ecosistema de alto valor para a humanidade (Putin destinou 77 millóns de dólares para á súa limpeza).

Con máis dunha quinta parte das reservas de gas natural do mundo (é o segundo maior produtor a nivel mundial), e coa maior rede de gasodutos, Rusia quere dar un enorme salto cuantitativo na extracción destes recursos enerxéticos no Polo Ártico([1]), garantindo así a supremacía na obtención e distribución dos mesmos a nivel mundial.

O 18% do territorio da Federación rusa atópase no Círculo Glaciar Ártico. É por esta razón que sempre estivo interesada no que acontecía neste recuncho do globo. Agora, co cambio climático, aumentan os meses nos que as condicións climatolóxicas son favorables para atravesar o mar, a través da Ruta Marítima do Norte, outro dos obxectivos principais de Putin, despois da xa mencionada extracción de recursos enerxéticos.

A importancia desta senda reside nas tres vantaxes que proporcionaría:

1º) É un elemento esencial para poder mobilizar os recursos naturais, en especial os enerxéticos.

2º)  Estimular o desenvolvemento económico do país na zona norte e apostar tamén     pola ruta transiberiana, o que pode derivar nun pulo da estratexia económica rusa.

3º) Outorgaría ao país unha situación estratéxica no transporte internacional de mercadorías, xa que tería acceso a Canadá, Alaska e o Norte de Europa polo Oeste e Corea do Sur, Xapón, China e o Sueste Asiático polo Leste.

Esta vía marítima sería unha alternativa os canais de Suez e Panamá, xa que reduciría a distancia entre Europa e Oriente Próximo en case un 40%, e ademais, doutro 40% dos custes de extracción do ouro negro e o seu transporte a través do Báltico.

Nesta estratexia de cara ao control e aproveitamento de recursos do territorio polar, contémplanse tres etapas para que Rusia alcance os seus obxectivos:

a) 1ªº Etapa (2008-2010): concreción do territorio e augas do Ártico e a súa xurisdición.

b) 2ª Etapa (2011-2015): establecemento da lexislación que regulamente as fronteiras rusas, exploración de novos xacementos e explotación dos xa existentes.

c) 3ª Etapa (2016-2020): inicio da explotación dos recursos naturais máis alá das súas fronteiras actuais.

Todos os países con intereses nesta zona participan no “Consello Ártico”, creado en 1996 co obxectivo de “fomentar a cooperación e coordinación entre os Estados Árticos e articular o desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente”. Ten actualmente oito membros permanentes con dereito a voto: Rusia, EUA, Canadá, Islandia, Finlandia, Suecia, Noruega e Dinamarca, contando ademais con varios membros observadores (sen dereito a voto): Reino Unido, Francia, Alemaña, España, Holanda e Polonia. Ademais, na última reunión sumáronse outros 6 países: China, Italia, Corea do Sur, India, Xapón e Singapur.

Se ben desde comezos de século reivindica este territorio, e que desde 2008 as compañías petrolíferas estatais Rosneft e Gazprom monopolizan as actuacións, Rusia observa como outros países rivalizan polo control deste polo, facéndose máis necesaria que nunca a habilitación de fórmulas de cooperación e diplomacia para acadar os extensos e exhaustivos obxectivos marcados para as próximas décadas.

Esta interacción e o marcado pragmatismo que connota o proceder de todos estes países permitiu un acordo no que se estableceron dous tratados:

-      O “Código Polar”, creado pola Organización Marítima Internacional e coa entrada en vigor prevista para o 1 de xaneiro de 2017; afectará a todos os barcos que viaxen polo Ártico, que deberán cumprir unha serie de estándares establecidos: ter un persoal formado para ditas expedicións, límites ao vertido de aceites e combustibles así como requisitos para a eliminación das materias tóxicas.

Este regulamento protexe o medio ambiente a través de dúas estratexias principais: prohibe as descargas de fuel (o combustible das embarcacións), augas sucias, plásticos, restos de alimentos, cadáveres de animais e introducir especies invasoras dese ecosistema. Así mesmo, promove o dobre casco e dobre fondo nos busques, a instalación de tratamento de augas residuais e o uso de lubricantes biodegradables.

-      O “Protocolo de investimentos no Ártico”. Esta zona polar é unha rexión diferente que necesita un desenvolvemento sostible para a súa conservación. Por iso, para coidar e protexer este territorio, este tratado procura un desenvolvemento sostible, igualitario e equilibrado economicamente.

Este protocolo fundaméntase en seis principios: construír sociedades avanzadas a través do desenvolvemento económico, respectar e incluír as comunidades indíxenas, medidas para protexer o medio ambiente Ártico, boas prácticas e métodos de negocio transparente, desenvolvemento científico e coñecemento ecolóxico e tradicional, estratexias de colaboradores do Ártico (busca de socios públicos e privados).

    Nesta terceira lexislatura do Presidente Putin deuse un importantísimo pulo á estratexia do Kremlin de obter un papel destacado na extracción e explotación de todos os recursos que proporciona o Ártico, ben sexan enerxéticos (cos maiores xacementos de petróleo e gas do mundo que aínda están sen explotar), comerciais (aproveitar a ruta “Do Mar do Norte” para ter outras vías de abastecemento dos mercados dos países do Atlántico e do Pacífico), ou militares (a defensa dos depósitos ante a inminente “pugna” polo seu control, así como de todo o territorio do norte do país).

   Mentres tanto, a comunidade internacional con intereses nese territorio, constituída no marco do “Consello do Ártico”, comezou o seu plan de asentamento coa implementación de tratados e regulamentos relativos á conservación e desenvolvemento sostible deste polo, aínda que no fondo, o que subxace, especialmente no parecer de Rusia, é un intento de reducir a velocidade dos seus propios plans e facilitar o avance das estratexias dos seus competidores.

 


([1]) Segundo o Instituto Xeolóxico de EUA, estímase que a cantidade total de recursos de petróleo e gas existentes no Círculo Polar Ártico alcanza os 412.000 millóns de barrís de petróleo, dos que un 70%, 290.000 millóns, localízanse en augas rusas, a metade na rexión do Mar de Kara).