A fin de toda humanidade

“Siria libre” ou “Bachar marcha” son algúns dos motivos que varios xoves de Deraa escribiron nos muros da súa escola aló por marzo de 2011. Tal ousadía foi merecedora dunha pronta e enérxica resposta policial. Arrestos. Torturas. Dous de entre eles, Omar e Hamza, mesmo foron executados. A porta da rebelión estaba aberta. A inhumanidade das autoridades desatou a ira de milleiros de sirios que desafiaron a brutal represión do réxime. A perda de todo medo, a determinación amosada e a defensa do ideal democrático suscitou a admiración de medio mundo. Uns meses despois, en agosto, a contestación toma as armas. Non hai marcha atrás. A escalada violenta é imparable. As animosidades a flor de pel acadan un punto de non retorno.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Palabras chave Obama Siria Irán Exipto Putin
Idiomas Galego

“Siria libre” ou “Bachar marcha” son algúns dos motivos que varios xoves de Deraa escribiron nos muros da súa escola aló por marzo de 2011. Tal ousadía foi merecedora dunha pronta e enérxica resposta policial. Arrestos. Torturas. Dous de entre eles, Omar e Hamza, mesmo foron executados. A porta da rebelión estaba aberta. A inhumanidade das autoridades desatou a ira de milleiros de sirios que desafiaron a brutal represión do réxime. A perda de todo medo, a determinación amosada e a defensa do ideal democrático suscitou a admiración de medio mundo. Uns meses despois, en agosto, a contestación toma as armas. Non hai marcha atrás. A escalada violenta é imparable. As animosidades a flor de pel acadan un punto de non retorno.

A barbarie do réxime é respondida pola crueldade cega dos guerreiros de Alá. As aberracións están à orde do día. “A fin de toda humanidade”, sentenciou o home político libanés Walid Joumblatt. Depois de vinteoito meses, máis de 93.000 mortos e un número indeterminado de arrestos, torturas, violacións e atropelos, a contestación adquiriu unha face moi diferente. A un e outro bando as mans manchadas cun regueiro interminable de sangue. Calquera anceio democrático quedou soterrado trala imaxe dun miliciano rebelde arricando e devorando o corazón dun soldado leal a Al Assad. O clan faise refuxio. O comunitarismo referente ideolóxico.

As diferentes representacións do sagrado ocupan todo o espacio. Sunitas masacrados por batallóns alauitas, unha pola do chiismo á cal pertence a familia no poder. Chiitas asasinados polas faccións sunitas en nome de deus. A guerra civil como fitna ou desorde e enfrontamento na comunidade musulmana. Do lado de Assad o Hezbollah libanés e Irán. Sempre Irán. Os rebeldes como nova fronte bélica de Al Qaeda. E do islamismo sunita. Os Irmáns Musulmáns no poder en Exipto súmanse abertamente ó chamamento á guerra santa contra o réxime sirio. A ferida ábrese máis e máis namentres o planeta escruta os xestos do careo entre Obama e Putin. A defección da humanidade.