O encarreiramento dunha saída política digna para Timor Leste e a próxima devolución de Macao á República Popular China escenifican, neste ano finisecular, a fin tamén do Imperio portugués. É a culminación da decadencia, a liquidación dos derradeiros simbolos daquela gran epopeia lusitana.
A pesar dos incidentes intimidatorios protagonizados por forzas paramilitares proindonesias, o regreso de Xanana Gusmao a Dili, a repatriación dos refuxiados, o retorno das tropas de Iacarta ós seus cuarteis, e a presencia internacional como garante do proceso normalizador, producen en Portugal e en todo o mundo unha sensación de alivio e de esperanza ante o futuro da antiga colonia portuguesa. Por fin, a descolonización de Timor Leste, un drama seguido con gran angustia no noso país amigo e irmán, pode materializarse satisfactoriamente.
Mentres, en Macao, os días están contados. O próximo 20 de decembro terá lugar a cirimonia de transferencia de poderes. Na súa recente visita a Lisboa, Jiang Zemin, o Presidente chinés, asegurouse o pleno respaldo da diplomacia portuguesa á súa intención de estacionar un continxente militar no enclave. Antonio Guterres confirmou a súa presencia en Macao para os actos conmemorativos. Para Macao, Portugal aceptou o modelo de Hong Kong, esto é, o compromiso de manter, por un mínimo de cincuenta anos, o seu actual sistema político, social e económico, sen alterar o seu status autónomo, conforme ó principio de “un país, dous sistemas”. A diferencia de Timor-Leste, nada fai pensar que a traxedia empañe a descolonización desta cidade-casino, a máis importante de todo o Oriente.
Se a China afronta o novo milenio desencravando esa espiña da humillante presencia estranxeira no seu solo, Portugal, non sen nostalxia, da o seu definitivo adeus ós restos dun dos maiores imperios do mundo. “E se mais houbera, lá chegara”, dicía Luis de Camoes. Lisboa e Beijing aspiran a construir unha relación bilateral sobre novas bases, pero en condicións radicalmente distintas. O goberno portugués non foi quen de garantir como quixera as demandas dos seus compatriotas (Varios milleiros de cidadáns chineses con pasaporte portugués que se verán privados desta nacionalidade, ou a plena garantía para as pensións dos empregados públicos). Ademais Portugal aceptou a imposición do xuramento de lealdade á República Popular Chinesa que non existe na Lei Básica de Hong Kong. Todos os funcionarios de alto rango deberán prestalo.
Beijing soubo tirar proveito do interese de Portugal en estreitar as relacións coa China.