Artigo orixinalmente publicado no Nós Diario, 31 de marzo do 2026

A Guera de Irán: Arxelia, efecto bolboreta e multilateralismo

As razóns permanentemente cambiantes e non baseadas en feitos constrastados levan a que ninguén poida hoxe explicar con seguridade cales son os motivos reais da actual guerra en Irán. Mentres, Israel bombardea ao Líbano, gañando terreo no sur do país. Estamos tamén na véspera do vindeiro cumio en Beijing entre Xi Jinping e Donald Trump. Este último, semella perdido nunha fuxida cara adiante cuxo único aliado é Netanyahu. A falta de recuperación da economía norteamericana, acompañada pola perda de popularidade interna dos republicanos, xunto á publicación dos papeis de Epstein e as próximas eleccións estadounidenses de metade de período pairan no horizonte. Mentres todo isto acontece, os civís iranianos e libaneses deben soportar o medo e as agresións externas, e o resto do mundo a escalada da inflación. Ninguén no seu san xuízo pode defender a violencia asimétrica sobre a poboación como medio para impoñer un discurso.

Noutra parte do mundo, e cunha superficie de 2,34 millóns de quilómetros cadrados, unhas catro veces España, Arxelia localízase no norte de África e con saída ao mar mediterráneo é ademais limítrofe con Marrocos, Mauritania, Malí, Níger, Libia e Túnez. De cultura principalmente islámica, e ligada ao conflito do Sáhara Occidental, Arxelia constitúe a economía cincuenta e catro do mundo en atención ao seu PIB, con case 250.000 millóns de euros (2024), unha sexta parte do total español. Segundo datos da Oficina Nacional de Estatística (ONS) do país, a poboación arxelina creceu de maneira acelerada durante os últimos años: en 1990, o país tiña arredor de vintecinco millóns de habitantes e, actualmente, a estimación é próxima a corenta e oito millóns (a maior parte deles concentrados na costa), se ben os datos oficiais rebaixan esta cifra a uns corenta e seis. Arxelia non pertence á OTAN.

A principal característica da economía arxelina é a súa dependencia dos hidrocarburos. Non en van, estes supoñen aproximadamente un 30% do total do seu PIB. Arxelia dispón do 2,2% do gas natural mundial, un gas que conta ademais cunha gran calidade e un baixo custo de extracción. A dependencia da súa economía do gas natural é tal que a empresa estatal Sonatrach é a primeira empresa de África, e controla o 82% da produción nacional de gas e o 75% do petróleo, segundo os últimos datos da Cámara de Enerxía Africana.   Por este motivo, a política económica do país céntrase na actualidade na diversificación sectorial mediante a industrialización nacional e a reducción de importacións, procurando mitigar os efectos de posibles shocks de prezos dos hidrocarburos. Precisamente, consecuencia do conflito de Irán o prezo do gas no mercado holandés TTF, de referencia en Europa, disparouse hai dez días máis dun 23%, ata os 67,3 euros por megavatio/hora. Nun contexto de crecente inflación, coa suba dos combustibles moitas empresas, sobre todo as de transporte e loxística, e cidadáns veñen atopando dificultades para que saian as contas a final de mes.

Mais o efecto bolboreta aletea de maneira caprichosa ás veces. Nos últimos anos, Arxelia consolidouse como primeiro subministrador de gas natural a España co 35% do total, seguido por EEUU (31%) e Rusia (10,6%). Tras a guerra da Ucraína, o peso da participación gasística norteamericana veuse incrementado pola imposición do corte de subministracións rusas e o atentado ás instalacións do gaseoduto Nord Stream 2. Por iso, para España, un aspecto clave é lograr aumentar a capacidade de gas recibido mediante gasoducto, xa que os prezos de gas transportado a través de tubo son máis competitivos que a través dun metaneiro portador de gas natural licuado, como trataron de impoñer os estadounidenses. Un dos aspectos clave no recente incremento do aprovisionamento arxelino a mellor prezo viría marcado pola posición española fronte ao conflito en Oriente Próximo.

Esta negociación converteuse así nunha lección práctica que demostra que o benestar da poboación do país non depende de seguir cegamente os ditames da OTAN, senón da capacidade de forxar alianzas no contexto mundial. Un claro exemplo do valor do multilateralismo que chega nun momento no que os EUA están a tentar impoñer de novo a Europa, ademais dos custos da guerra, un xogo global bilateral opaco no que serían o principal gañador económico. Ah, case o esquecía. Non á guerra.