A guerra de Bush e Aznar

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Un entende que Bush se meta nesta guerra, pero non Aznar, non só porque case o oitenta por cento da poboación se opoña a ela, senón porque o apoio deste, moral e material, vai ter un custe que non cadra coas máis ca dubidosas vantaxes. Pois é unha guerra que non ten outra finalidade que asegurarlle ós EEUU o fornecemento de petróleo. Hai tempo que se sabe que este país vai ter, no tocante a isto, graves problemas, e xa para datas que están chegando. Pero ese é o seu problema, non o noso.

E non deixa de chama-la atención que tamén Bush e moitos dos seus achegados (casos máis coñecidos son os de Cheney, Rumsfeld e Condoleezza Rice) estean vencellados a grandes intereses petroleiros. Pode que con esa guerra estean a defende-los seus intereses persoais, que, ó seu ver, baten xusto cos do seu país. Por iso se senten tan bos americanos, tan patriotas e tan amigos de Aznar, quen nos vai meter nunha guerra que o país de ningunha maneira quere.

Esta guerra que vén pode ter efectos catastróficos para o mundo. E para España moi en particular. Veremos medra-lo odio musulmán contra Occidente, que nunca poderá dar por xustificada unha guerra que ten detrás uns intereses tan evidentes, que se verá como unha humillación inxustificada dun país militarmente poderoso a outro moito máis feble, que orixinará máis victimismo, máis conciencia de fracaso, máis noxo ó infiel.

Ademais, España, pola súa situación xeográfica, vai quedar máis exposta ca ningún outro país ás medidas represivas que sen dúbida chegarán do mundo islámico. Con ese apoio cego á política de Bush, non se nos terá por país amigo. Máis ben se nos vai ter polo que somos: por país belixerante. Unha belixerancia que ninguén se poderá explicar.

Belixerancia ben absurda, tanto dende os intereses do país como dende os intereses europeos, que deberan se-los mesmos. Para nós, xa vimos que nada bo nos traerá este belicismo. E o mesmo para os intereses xerais europeos, porque contribuirá de maneira moi activa a agranda-la escisión entre os demais países e a que unha acción política común siga estando lonxe. O episodio da carta coas firmas dos oito dirixentes é un pobre episodio de vello nacionalismo contra solidariedade europea.