Bandeira de Ucraína

A guerra en Ucraína: sen avances decisivos, tampouco en empate

A contraofensiva ucraína, que viña prometida desde principios de ano, pero só vagamente iniciada no verán, debe agora chegar ao seu fin debido ás desfavorables condicións meteorolóxicas a medida que se achega o inverno.
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Guerra

Durante a campaña de verán e outono, as forzas ucraínas conseguiron atravesar dous chanzos de defensas rusas ben preparadas en Zaporizhzhia, pero isto ocorreu nun sector limitado da fronte, o que significa que o éxito inicial non puido aproveitarse para avanzar en dirección ao mar de Azov, co obxectivo de cortar a ligazón entre Donbás e Crimea. Na rexión de Kherson, os militares ucraínos desembarcaron na beira esquerda do río Dnipró, pero sen a capacidade de establecer unha cabeza de ponte para a posterior desocupación da provincia e o bloqueo da península de Crimea.

Así que, en xeral, os rusos conseguiron aferrarse á parte de Ucraína que anexionaron e mesmo continuaron cos seus intentos de ampliala, en particular cara a Kupiansk, que non forma parte das rexións anexionadas por Rusia, o que confirma que Rusia non ten intención de “durmirse nos loureiros”, senón que agora está a tentar facerse co control de aínda máis territorio ucraíno para, en caso de chegar a un cesamento do fogo por calquera motivo, aproveitar o respiro para acumular máis forzas e continuar a súa loita por destruír o Estado ucraíno e aos ucraínos como nación.

Recentemente, os rusos intensificaron os seus ataques desesperados contra Avdíivka, que en realidade é un suburbio de Donetsk e segue baixo control ucraíno desde 2014; agora rodearon a cidade por tres lados e tentan cercala a pesar das grandes perdas de efectivos.

Un éxito significativo das tropas ucraínas foi o uso de vehículos aéreos e marítimos non tripulados (UAV) para atacar ás forzas e infraestruturas rusas en Crimea, o que provocou a retirada de partes significativas da Frota do Mar Negro da Crimea ocupada. A pesar das operacións activas en todas as partes da fronte, a súa liña non cambiou de modo significativo e existe o perigo dunha transición a unha guerra posicional, o que significaría unha loita mutua de desgaste. En tal caso, o Estado terrorista de Putin tería máis posibilidades de impoñerse porque dispón de moitos máis recursos e non escatima vidas humanas, nin as alleas nin as propias.

O Comandante en Xefe das Forzas Armadas de Ucraína, Xeneral V. Zaluzhnyi, fixo serias consideracións sobre esta posibilidade en The Economist. A idea principal desta publicación é que se necesita un salto tecnolóxico para producir un cambio cualitativo no transcurso actual da guerra. As forzas e os medios actualmente á disposición das FFAA Ucraínas non son suficientes, xa que Rusia sempre terá unha vantaxe numérica que acabará dándolle unha vantaxe indubidable nunha guerra de desgaste.

A principal razón do insatisfactorio progreso das ofensivas terrestres foi a falta de cobertura aérea, pero os prometidos cazas F-16 non chegarán ata o ano que vén. A mellora dos drons podería compensar a falta de avións de combate, pero para iso é necesario mellorar as capacidades de guerra electrónica para derrubar e interceptar avións rusos. Lamentablemente, Rusia posúe superioridade tamén neste aspecto. Ademais, deben incrementarse as capacidades de artillería das Forzas Armadas ucraínas, xa que a actual paridade con Rusia conseguiuse con menos potencia de lume, pero con máis precisión, pero isto non durará (neste momento as tropas rusas están a recibir un millón de proxectís de Corea do Norte, o que é superior a todas as subministracións de proxectís por parte dos amigos occidentais de Ucraína). “Non hai que subestimar a Rusia”, subliñou o xeneral, recoñecendo que anteriormente se pensaba que a vitoria era máis fácil de conseguir.

Esa publicación era un chamamento aos Estados amigos de Ucraína (está claro que non foi unha iniciativa persoal do xeneral e que houbo certa coordinación cos altos mandos) para que reconsiderasen a calidade da axuda, que se prestou de forma vacilante e tardía, cada vez que quedaba claro que o agresor ruso estaba a intensificar a súa guerra sen ter en conta as aprensiones de Occidente.

Pouco antes que o artigo de Zaluzhnyi, TIME publicou un artigo de Symon Shuster no que se afirmaba que o presidente V. Zelenskyi parecía estar só coa súa crenza na vitoria, mentres que a guerra en Ucraína ía perdendo a atención internacional, o país víase achacado pola corrupción crecente, o presidente sentía traizoado polos seus aliados occidentais, e a sua terquedade sobre a inevitabilidade da vitoria de Ucraína e a inadmisibilidade das conversacións de paz, segundo os seus asesores, impedíalle crear unha nova estratexia nunha situación na que Ucraína claramente “non está a gañar”.

No contexto destas dúas publicacións xurdiu certa confusión nos círculos públicos, tanto en Ucraína como no estranxeiro. Supostamente, debido á fatiga, a axuda occidental ía cesar, existía unha ameaza real de derrota de Ucraína, xurdiran graves desacordos entre os militares e a elite política etc. Efectivamente debe haber diferenzas de opinión entre o mando militar e a administración do presidente, mesmo porqué os seus ángulos de vista das situacións non son iguais. Con todo, na situación actual determinada pola guerra, o punto de vista do mando militar debe prevalecer.

O presidente tardou algúns días en referirse ao artigo do comandante en xefe e tratou de desfacer a impresión sobre posibles desacordos entre o mando militar e a administración política. Rexeitou decididamente como falsos os argumentos pesimistas, en especial, desmentiu todos os rumores de que EEUU ou a UE estean a presionarlle para negociar con Rusia. Por certo, a semana pasada Rusia reiterou que negociaría con Ucraína soamente sobre a base do recoñecemento das “realidades”, é dicir, a anexión de catro provincias de Ucraína e Crimea, o que é inadmisible, porque significaría a capitulación de Ucraína diante do agresor.

O que está a ocorrer pode explicarse, de verdade, por un “cansazo”: a guerra dura xa demasiado tempo (máis de vinte meses) sen cambios tanxibles a favor de Ucraína e deixou de ser un factor que determina a vida cotiá de todos, salvo dos militares en primeira liña. En especial, isto afecta nefastamente ao, chamémolo así, equipo político que dirixe Ucraína. Chegou ao poder sen un verdadeiro programa para o desenvolvemento do país, pois a súa tarefa (encomendada por quen o equipou) era impedir o regreso ao poder do anterior presidente, Petro Poroshenko, ou de calquera outro. De aí provén o exultante populismo que gañou facilmente á maioría do electorado, que estaba aburrido de todos os políticos e esperaba algo inusual dos que se autodenominaron fanfarronamente “Servidores ao Pobo”.

O máis perigoso neste xiro político era o feito de que os “servidores” non pensaban facer nada no ámbito da defensa, a pesar de que o país xa estaba afectado pola agresión “híbrida” de Rusia. Na práctica, fíxose todo o posible para que o país non estivese preparado fronte a inminente invasión a gran escala. Foi en febreiro de 2024 cando Zelenskyi deuse conta de que só rexeitando a oferta de evacuación estadounidense salvaríase a si mesmo e ao seu equipo da morte política (ou mesmo física). Así pois, preservou o seu poder, mentres que a reparación das enormes deficiencias na defensa do país e na protección da súa poboación foron derivadas á solidariedade internacional e aos Estados doantes amigos.

Agora que a guerra en Ucraína deixou de ser un acontecemento de importancia capital e os doantes teñen prioridades adicionais, no ceo político ucraíno fixéronse máis visibles os manexos turbios de certos, digamos, ‘insinceros’ actores de entre os “servidores ao pobo” de Zelenskyi.

Con todo, os corruptos non se sobrepuxeron en Ucraína nin tiveron retroceso os verdadeiros defensores. A esencia e o significado do que está a ocorrer en realidade non cambiou: para Ucraína, trátase dunha loita pola supervivencia como nación, porque sen a súa destrución, Rusia non poderá ocupar un lugar de peso no mundo. Ese peso só pode basearse no poder do terror, xa que a súa forza económica é escasa, debido á súa incapacidade tecnolóxica, e a súa influencia espiritual é tan falaz como a da Alemaña nazi.

A continuación da guerra en Ucraína, que o réxime de Putin chama falsamente unha operación militar especial, non só supón unha ameaza de guerra para o mundo enteiro, senón tamén unha ameaza para o san desenvolvemento da humanidade. O réxime de Putin está a recuperar os costumes de “resolver os problemas pola forza” do século pasado, non só para si mesmo, senón tamén alentando a outros “partidarios dos vellos costumes”. Está a exhibirse fronte o mundo situándose á beira de estruturas tan odiosas como a ditadura norcoreana e o terrorista Hamás, acolléndoos a nivel oficial en Moscova.

Defender hoxe a Ucraína e ao seu pobo como nación, non é só repeler a Rusia, senón derrotar a todas as demais forzas do mundo que cren que, no mundo actual, é aceptable utilizar a forza de agresión para perseguir os seus intereses.