Documento escrito e traducido ao galego por Luís Antonio González Francisco, orixinariamente publicado en castelán polo OIET (Observatorio Internacional de Estudios sobre Terrorismo).
images IMAXE

A metamorfose dos Talibáns afgáns: De ameaza terrorista global a interlocutores válidos

 

O 7 de outubro do 2001, despois de que as forzas aliadas lideradas polos Estados Unidos agrediran a nosa patria, o Emirato Islámico que representou á nación afgán, coa Axuda Divina de Alá, e finalmente chegou a un acordo para a fin da ocupación de Afganistán despois de case dezanove anos de Xihad e loita. Esta vitoria é a vitoria colectiva de toda a nación musulmán e muxahid, dos nosos irmáns e irmás que deron sacrificios monumentais e extraordinarios de vida e riqueza durante case dúas décadas”. Desta maneira, O 29 de febreiro do 2020, Hibatullah Akhundzada, o emir dos talibáns afgáns, anunciaba a sinatura dun acordo de paz coa administración dos EUA. Este acordo chega máis de 23 anos despois de que os talibáns tomasen Kabul a chumbo, sangue e lume e case dúas décadas despois dunha intervención militar estranxeira no Afganistán liderada polos Estados Unidos. Ao longo deste período, os talibáns endexamais renunciaron a teoría e a praxe violenta, inspirada e sostida na súa particular visión da fe islámica. Ata que finalmente acadaron a sinatura do acordo de paz, o que os situou de facto nun estatus de igualdade ante a administración dos EUA, os talibáns percorreron un tortuoso camino.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

 

O 7 de outubro do 2001, despois de que as forzas aliadas lideradas polos Estados Unidos agrediran a nosa patria, o Emirato Islámico que representou á nación afgán, coa Axuda Divina de Alá, e finalmente chegou a un acordo para a fin da ocupación de Afganistán despois de case dezanove anos de Xihad e loita. Esta vitoria é a vitoria colectiva de toda a nación musulmán e muxahid, dos nosos irmáns e irmás que deron sacrificios monumentais e extraordinarios de vida e riqueza durante case dúas décadas”. Desta maneira, O 29 de febreiro do 2020, Hibatullah Akhundzada, o emir dos talibáns afgáns, anunciaba a sinatura dun acordo de paz coa administración dos EUA. Este acordo chega máis de 23 anos despois de que os talibáns tomasen Kabul a chumbo, sangue e lume e case dúas décadas despois dunha intervención militar estranxeira no Afganistán liderada polos Estados Unidos. Ao longo deste período, os talibáns endexamais renunciaron a teoría e a praxe violenta, inspirada e sostida na súa particular visión da fe islámica. Ata que finalmente acadaron a sinatura do acordo de paz, o que os situou de facto nun estatus de igualdade ante a administración dos EUA, os talibáns percorreron un tortuoso camino.


images IMAXE

Anuncio da mensaxe de Hibatullah Akhundzada, emir dos talibán afganos, en relación ao acordo de paz cos EUA. Fonte:  http://alemarahenglish.com/?p=33121

 

Só o seu odio indomable á norma e o seu amor á independencia individual prevennos de converterse nunha nación poderosa; pero esta irregularidade e incerteza na súa actuación fainos veciños perigosos”.

Esta cita de Friedrich Engels data do ano 1857. Naquel momento o Afganistán estaba sumido en sanguentos conflitos internos que convivían coa inxerencia, a través de invasións e outros medios de presión, de potencias estranxeiras (1).

Máis de século e medio despois, o estado das cousas pouco parece ter cambiado no Afganistán. Na súa historia recente, o conflito e o dano derivado do mesmo, foron, e  son, elementos  que forman parte consustancial da existencia dos seus sufridos habitantes. Nos últimos 40 anos do país a violencia foi unha constante dende a invasión soviética no 1979.

Esta invasión provocou un gran continxente de refuxiados. A maior parte deles cara o Paquistán, onde se atoparon nunha complexa situación. Segundo apuntaba o profesor Mansur Kundi aló polo ano 2001: “Cando chegamos os refuxiados fai 20 años ao Paquistán, o Goberno non nos aceptaba nas súas escolas públicas” (…) e só as madrasas, os criadeiros de talibáns, acolléronnos no Paquistán cos brazos abertos. O resultado de todo isto estase vendo agora”.

É precisamente desas madrasas, escolas coránicas, de onde tomaron seu nome os talibáns, plural de talib “estudante” en pashto.

A saída dos soviéticos unha década despois de iniciada a invasión non extinguíu, nin moito menos, a violencia. Esta mutou nun enfrontamento entre distintas faccións armadas.

O 27 de setembro do 1996 os talibáns toman Kabul, aforcan ao ex presidente comunista, Mohammad Najibulá, e proclaman a implantación da súa rigorista visión da lei islámica, a sharia. Tralos atentados do 11S do 2001 os talibáns rexeitaron a entrega do seu organizador, Osama Bin Laden. Os Estados Unidos e os seus aliados, co apoio de grupos armados locais, puxeron en marcha o 7 de outubro do 2001 a operación “Liberdade Duradeira”. Antes do remate do 2001 os Talibáns foron desaloxados do poder.

A partires dese intre, os talibáns deron comezo a unha intensa campaña terrorista, vixente ata a actualidade. As accións dos talibáns, e as de outros grupos xihadistas, seguen afectando profundamente ao Afganistán. No “Observatorio de atentados xihadistas de marzo de 2020” elaborado polo OIET recóllese como ao longo dese mes en territorio afgán cometéronse 89 ataques xihadistas sendo a meirande parte deles obra dos talibáns.

Para tratar de por fin a campaña militar de máis longa duración que EE.UU. mantivo na súa historia, a administración estadounidense  iniciou na capital do Qatar, Doha, unha rolda de conversas para acadar un acordo de paz cos talibáns. Paradoxicamente, os EUA endexamais os consideraron unha organización terrorista.

images IMAXE 21

Mapa e gráficos sobre as consecuencias do conflito afgano nos que se aprecia as áreas de influencia dos Talibáns. Fonte https://www.acleddata.com/2019/08/07/mid-year-update-ten-conflicts-to-worry-about-in-2019/#Iraq

images IMAXE 3

Mapa de incidentes de seguridade nos que participaron os talibáns que tiveron lugar antes e despois da sinatura do acordó de paz cos EUA. Fonte https://acleddata.com/2020/03/17/security-incidents-in-afghanistan-february-march-2020/

Contexto afgán.

O 6 de setembro do 2019, publicouse unha entrevista que a excepcional xornalista Miriam González realizou a Jesús Díez Alcalde, entón Tenente Coronel e xa Coronel do Exército de Terra e reputado analista do Instituto Español de Estudios Estratéxicos (IEEE). Díez Alcalde, un dos maiores, senón o maior experto da complexo escenario que se desenvolve en todo o contexto africano, presentaba os elementos necesarios para facer fronte a algúns dos retos que sufre o continente: terrorismo xihadista, tráficos ilícitos de diverso tipo e escasa capacidade de algúns estados.

Esta fórmula, pola notable similitude de contextos ben podería ter pasado polo prisma afgán:

Unha amalgama de ameazas tanxibles (…) cuxa supresión require, en primeiro lugar, medidas no ámbito estrito da seguridade, pero que no longo prazo solucionarase só a través da boa gobernanza e de institucións estatais fortes, a mellora das expectativas sociais —en especial o acceso ao mercado laboral da xuventude—, a erradicación da pobreza e o subdesenvolvemento ou o incremento dos baixos niveis de educación”.

Eses principios, ou outros de corte similar, cuxa aplicación práctica e efectiva sería altamente beneficiosa para poder superar a precaria situación do escenario presente no Afganistán. Visto o visto, no status quo actual, non parece que se tivesen implementado con éxito. Este défice non só se fai perceptible no ámbito securitario, senón tamén no estritamente social.

Puidera ser, e aínda así sería uns dos moitos elementos, que non se valorou coma é debido a profundidade das estruturas sociais do Afganistán. Para Ahmed Rashid, xornalista paquistaní e un dos maiores expertos a nivel mundial no conflito afgán, sinalou no 2010: “A poboación afgán está a favor da idea de modernización, pero esta idea asociouse a unha visión negativa da occidentalización(2).

Esta poboación á que se refería Ahmed Rashid, foi a que sufriu as peores consecuencias do conflito. Segundo The Watson Institute for International and Public Affairs, da Universidade Brown dos Estados Unidos, entre outubro do 2001 e outubro do 2018, o número de vítimas mortais causadas polo conflito afgán sitúase nunhas 147.000. Delas, máis 38.000 vítimas son civís. Iso tivo coma consecuencia (datos do 2017) 2.61 millóns de refuxiados internos e 1.84 millóns de desprazados dunha poboación total que se sitúa en torno aos 35 millóns de habitantes.

A “axenda afgán” dos Talibáns.

Tras ser desaloxados do poder no 2001, os Talibáns destinaron parte dos seus esforzos a reforzar a súa posición no seo da sociedade afgán. A estratexia consistiu en socavar a fidelidade dos grupos tribais ao redor dos máliks, os xefes dos distintos clans, de cotío anciáns. Os Talibáns foron substituíndo a estes anciáns por mulás (cregos) máis novos. Deste xeito, fóronse situando nun sitio destacado nun sistema con séculos de existencia baseado no papel de intermediación que terían os máliks co goberno central. Ademais diso, os talibáns foron acadando, redes clientelares e de servizos (3).

As tácticas dos talibáns non difiren, grosso modo, das empregadas por outros grupos xihadistas de ámbito global. A pesares diso, non son tan “cobizosos” territorialmente falando e  “confórmanse” con tratar de dominar “unicamente” o territorio afgán.

Este modus operandi , foi definido moi acertadamente  por Luz Gómez García, gran especialista en islam e islamismo coma “islamonacionalismo xihadista”, o cal: “xurdiu en conceptos estatais febles ou inexistentes e distínguese doutros xihadismos (…) en primeiro lugar por transformar a loita armada nunha estratexia islámica de mobilización e lexitimación social con fins nacionais.”(4)

Ao mellor para reforzar seu ámbito “afgán”, o mulá Hibatullah Akhundzada, máxima autoridade dos talibáns firma os seus comunicados en primeiro lugar coma “Líder do Emirato Islámico do Afganistán” e despois coma Amir-ul-Momineen (Príncipe dos Fieis). Esta autoridade, parella á de “califa”(5) foi autoimposta no 1996 polo  mulá Omar, ao que lle prestaron o baia, xuramento de lealdade, polo menos no plano formal, os dous líderes que tivo Al Qaeda, Osama Bin Laden e Ayman Al Zawahiri.

Aínda que a orixe dos radicais fundamentos relixiosos dos talibáns é máis ben esóxeno, con grandes influencias do wahabismo saudí, tamén lle dan moita importancia ao Código Pashtunwali. Trátase dun compendio de normas xa vixente na rexión antes mesmo da chegada do islam. Uno dos seus puntos máis valorados é o Truah, a valentía, entendida esta en defensa da terra e a familia, epígrafe no que poden encaixar os ataques dos Talibáns contra forzas estranxeiras. Por iso, os episodios de demostración de forza por parte dos Talibáns pode ser un factor que reforce a súa imaxe, sobor de todo entre a maioritaria poboación pastún.

images IMAXE 4

Mapa que reflexa a distribución dos grupos etnolinguisticos de Afganistán e Paquistán. Como pode comprobarse comparando este mapa co anterior, a maior parte dos atentados dos Talibáns concéntranse na área  de maioría pastún xunto a  zona tribal ao outro lado da fronteira co Paquistán, tamén poboada maioritariamente por pastúns. Fonte

https://www.nationalgeographic.org/maps/afghanistan-and-pakistan-ethnic-groups/

Capacidades dos Talibáns.

Para aplicar a súa praxe violenta, o que constitúe sen dúbida seu principal activo, os talibáns afgáns contan cun importante volume de recursos materiais e humanos. Segundo Antonio Giustozzi, profesor do King´s College London e gran coñecedor do conflito afgán, o número de integrantes cos que contan os talibáns pode cifrase en decenas, se non centos, de miles de efectivos. O número total de membros podería superar a cifra de 200.000 compoñentes sumando aos militantes que desempeñan tarefas de apoio cos que se adican exclusivamente a actividade violenta. Estes últimos serían uns 150.000 efectivos, 60.000 deles “a tempo completo” e o resto composto por milicias locais. O número total de combatentes “a tempo completo” non supera o de 40.000 debido fundamentalmente a que parte destes efectivos mantense en reserva e que os talibáns teñen un sistema de “permisos” polo cal os seus combatentes dispoñen de tres meses de “licenza” en cada período anual.

A inmensa maioría dos militantes dos talibáns son pastúns, etnia predominante no Afganistán con aproximadamente uns 42% da poboación, se ben entre súas filas tamén contan con uzbekos, baluchis, tayikos, e algúns centos de hazaras. Estas alianzas débense fundamentalmente a existencia de conflitos locais o que en ocasións propiciaron un escenario, como por exemplo na área de Badakhshan na que os pastúns non son maioría nas filas dos Talibáns que alistan a reclutas locais.

Robert Pape publicaba en Foreing Policy, (2019) en base a datos do Inspector Xeneral para a Reconstrución Afgán (SIGAR nas súas siglas en inglés), que os Talibáns controlan ou desputan o control do 46% dos distritos de Afganistán, cifra que analistas militares independentes elevan ata o 65%. 

Negociacións Talibáns-EE.UU.

Estas conversas teñen seu antecedente próximo en xulio do 2018 cando a Casa Branca, tras case dúas décadas de presenza militar no Afganistán, ordenou aos seus funcionarios que explorasen a posibilidade de establecer vías de diálogo directo cos Talibáns.

Con anterioridade, a petición de EE.UU. os Talibáns estableceron unha oficina na capital de Qatar (Doha). A instalación acabou sendo clausurada pouco despois debido a que os seus usuarios izaron no  exterior unha bandeira, a mesma que ondeou durante o réxime dos Talibáns no Afganistán, feito que provocou a queixa do presidente afgán Hamid Karzai.

O 12 de outubro do 2018, Zalmay Khalilzad, diplomático estadounidense nado no Afganistán, a fronte dunha delegación de oito membros reuniuse en Doha con representantes da oficina política dos Talibáns encabezados por Sher Mohammad Abbas Stanakzai. Os Talibáns rexeitaron establecer negociacións co goberno de Kabul ao considerar que carece de poder real e que é un “goberno títere”.

Para tratar de superar ese obstáculo púxose en marcha o “Diálogo Intra-Afgano de Doha os días 7 e 8 de xullo do 2019. Posteriormente os participantes pasaron a denominar o acto coma “Conferencia de Paz intra-afgana” O encontro, auspiciado por Qatar e Alemaña, contou coa participación dun equipo integrado por seis compoñentes, todos eles pertencentes á Fundación Berghof, un actor non estatal asentado na Alemaña coa experiencia de mediación en conflitos.

No evento, que se realizou a porta fechada, participaron representantes do goberno de Kabul, partidos da oposición, membros da sociedade civil e dos Talibáns. Para poder facer efectiva a presenza dos talibáns nesta reunión, os organizadores invitaron a tódolos participantes a “título individual”. Finalmente consensuouse unha resolución conxunta para tratar de por fin ao ciclo de violencia, aínda que o contido da mesma era moi xenérico.

De forma paralela, representes dos Talibáns, nunha sorte de naturalización da súa actividade pública, participaron en diversos eventos públicos. En xullo do 2019 o mulá Abdul Ghani Baradar, co-fundador do movemento Talibán e líder da oficina política que o grupo ten en Doha, visitou Indonesia para buscar apoios ás negociacións de paz. Perante a súa estancia na capital, Yakarta, reuniuse con funcionarios gobernamentais e con  Abdul Manan Ghani, presidente de Nahdlatul Ulama (NU), a maior organización islámica de Indonesia que conta cuns sesenta millóns de seguidores. Tamén houbo visitas de membros dos Talibáns a Irán, China e Rusia.

O xoves 22 de agosto do 2019, comezou a novena rolda de conversas entre EE.UU. e os talibáns afgáns. Os temas a desenrolar, ao igual que en anteriores edicións foron a retirada das tropas dos Estados Unidos e do resto de países que prestan servizo en territorio afgán. Esta cifra sitúase en torno aos 14.000 militares estadounidenses en unión de cerca de outros 17.000 efectivos dun total de 39 países. Un acordo final nestes dous puntos estaba chamado a sentar as bases para futuras conversas entre o goberno afgán e os talibáns co que estes últimos rexeitaban manter calquera tipo de  encontro.

A comezos do mes de setembro do 2019 rematou a novena rolda de conversas. Estas foran frutíferas tal e coma se desprendía das declaracións do representante dos EE.UU. Zalmay Khalilzad: "Estamos a piques dun acordo que reducirá a violencia e abrirá a porta para que os afgáns se senten xuntos a negociar unha paz honorable e sostible, para un Afganistán unificado e soberano que non ameace aos Estados Unidos, aos seus aliados nin a ningún outro país". Khalizad tamén afirmou o día 2 de setembro do 2019 que no prazo de “135 días” se se cumprían as condicións acordadas, as forzas armadas dos Estados Unidos retirarían súas tropas de cinco bases establecidas no territorio afgán.

Mentres a principal cadea de televisión afgán Tolo News estaba retransmitindo unha entrevista a Zalmay Khalilzad na que falaba dos resultados das conversas cos Talibáns, estes puxeron en marcha un ataque contra a chamada “Green Village”, un gran complexo fortificado de Kabul para organizacións internacionais. O atentado foi cometido por un condutor suicida en unión de individuos armados. Dezaseis persoas foron asasinadas e máis de cen feridas. Os talibáns reivindicaron o ataque aducindo que o recinto albergaba a “delincuentes estranxeiros e nacionais” aos que responsabilizan de “masacres masivas nas aldeas do Afganistán”.

Outra zona que conta con grandes medidas de seguridade na capital afgán, o entorno do  National Directorate of Security (NDS) foi escenario o día 05 de setembro do 2019 doutro atentado. Un terrorista suicida, aos mandos dun vehículo carregado de explosivos, fixo detonar a súa carga causando a morte a doce persoas  deixando tamén varios feridos. Para os talibáns, que reivindicaron o atentado, esta acción contra os “invasores extraxeiros” enmarcábase dentro das “atronadoras operacións de Al-Fath”. Al-Fath (“A Vitoria”) corresponde co título da azora número 48 do Corán e foi o nome elixido polos Talibáns para a súa “ofensiva de primavera” do pasado ano anunciada mediante un comunicado o 12 de abril do 2019.

No prazo duns poucos días, estes dous atentados en Kabul, en unión do frustrado asalto masivo a Kunduz, unha das maiores urbes do país localizada ao nordeste do Afganistán, exemplificaron a capacidade operativa dos talibáns afgáns.

O 45º presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, apuntaba  que o proceso emprendido en Afganistán discorría por bo camiño, tal e como se desprendía dunhas declaracións realizadas o 18 de agosto do 2019: “"Estamos tendo moi boas conversas cos talibáns. Estamos tendo moi boas conversas co goberno afgán”.

Dende o goberno do Afganistán non parecía compartirse a visión do presidente Trump. Sediq Seddiqi, portavoz de Ashraf Ghani, deu a súa versión, non tan optimista: “"O nivel de ameazas dos talibáns e do EIIS aumentou no Afganistán e, polo tanto, precisase agora máis que en calquera outro momento para contrarestalos, asegurarnos de que non deixemos ningunha fenda que brinde aos Talibáns a oportunidade de converter este país de novo nun refuxio seguro para os terroristas internacionais”.

images IMAXE 5

Fotografía dunha das sesións das conversas de paz de Doha. De esquerda a dereita Abdul Latif Mansur, ex- ministro de Agricultura, Shahabuddin Delawar, ex-enviado a Arabia Saudí, Amir Khan Mutaqi, ex-ministro de Información e Cultura, Abdul Salam Hanafi,  ex-viceministro de Educación, e finalmente Abbas Stanekzai, negociador dos Talibáns. Fonte https://www.nytimes.com/2019/07/07/world/asia/afghanistan-peace-talks-taliban.html

Conscientes de todo iso, os Talibáns estaban afrontando as conversas de paz cunha sorte de estratexia de “palabras e bombas”. De forma interesada mesturaban a súa presenza na mesa de negociacións coa comisión de atentados. Nunha sorte de macabro pragmatismo, os talibáns consideraron que os asasinatos terroristas contribuían a afianzar as negociacións. Cando menos, despréndese iso das declaracións do portavoz dos talibáns, Suhail Shaheen. Perante unha entrevista na CBS, en relación ao asasinato de dous militares dos EE.UU nun atentado perpetrado pola súa organización dixo que o ataque  "debería ter un impacto positivo" nas conversas de paz entre os talibáns e o goberno dos Estados Unidos.

As verbas de Suhail Shaheen  volvéronse na súa contra xa que entre a ducia de persoas asasinadas no atentado de Kabul figuraba un militar estadounidense. A consecuencia diso, o presidente Trump anunciou dende a  súa conta de Twitter a anulación dun cumio segredo que ía realizarse o día 8 de setembro do 2019 en Camp David na que mantería, por separado, reunións cos talibáns e co presidente do Afganistán.

Pouco despois, o secretario de Estado norteamericano, Michael Pompeo anunciou que ordenara o retorno aos EE.UU. de Zalmay Jalilzad, enviado especial para o Afganistán. Sendo interpelado sobre se as conversas cos Talibáns estaban “mortas”, a resposta de Pompeo foi que "polo momento están".

No medio dos “dentes de serra” que caracterizan negociacións complexas coma esta, a resposta dos Talibáns tamén chegou vía comunicado. No documento criticaban duramente a decisión de Trump, afirmaban estar dispostos ao diálogo, postura de creen que debería adoptar EE.UU. para acabar dicindo que non aceptarían outra cousa distinta do “final completo da ocupación” e que continuarían a súa “…Xihad por esta gran causa, mantendo a nosa forte crenza na vitoria final, se Alá o permite”.

Actores externos, os reloxos e o tempo.

Vostedes teñen os reloxos, nós o tempo” é unha cita atribuída a un comandante talibán dirixíndose ao ex Xefe ol Estado Maior de Defensa do Canadá. Nesa mesma liña, un ex ministro talibán manifestou no ano 2011, unha década despois da intervención militar no Afganistán: “Non temos calendarios, reloxos ou calculadoras coma os estadounidenses (…) Dende o punto de vista talibán, o tempo aínda non  comezou".

Os talibáns afgáns, con métodos medievais aínda que con medios do século XXI, son conscientes de que o primeiro martes despois do primeiro lúns do mes de novembro do 2020, Estados Unidos celebrará as súas eleccións presidenciais. O actual presidente, Donald Trump, presentase á reelección, polo que xogaría no seu favor, unha vez encarados os comicios, o poder presentar coma obxectivo cumprido a saída dos EE.UU. do longo e complexo conflito afgán.

No 1994 o presidente Clinton proclamaba que o “terrorismo global” en especial el de inspiración xihadista, era a “ameaza máis importante para Occidente a finais do século XX(6). Recén iniciado o século XXI, o goberno estadounidense presidido por George W. Bush, declaraba a guerra global contra o terror poñendo no seu punto de mira ao terrorismo xihadista. Co paso do tempo, a orde de prioridades para a administración estadounidense parece que mudou.

Na Estratexia de Seguridade Nacional de decembro de 2017, fixase coma principal elemento de preocupación o papel mundial de potencias coma Rusia o China. Aínda que o documento contén referencias ao Afganistán, cinco en concreto, estas tratan fundamentalmente sobre o desexo de que o país teña autosuficiencia e de que non sexa un refuxio para terroristas, circunstancia esta última medular nas negociacións de paz. Isto podería ser un indicador de que, na escala de prioridades do goberno estadounidense, o conflito afgán parece ter sido relegado a unha posición, canto menos secundaria.

O Paquistán pola súa banda, acolle no seu territorio a un importante número de poboación pastún concentrada na rexión situada nas inmediacións  da liña Durand, na súa fronteira co Afganistán. Esta zona paquistaní serviu de refuxio e acomodo aos talibáns afgáns co consentimento do goberno de Islamabad. As autoridades paquistanís tampouco dubidaron en empregar o territorio do Afganistán baixo control talibán coma lugar de refuxio e adestramento para terroristas que actuaron na Cachemira baixo control da India, causa frecuente de tensións entre ambos países. Por iso, un eventual aumento del poder dos talibáns no Afganistán pode levar a unha maior influencia do Paquistán no país y, de chegar a materializarse este extremo, quedaría por ver a influencia que iso tería  nos equilibrios de poder rexionais.

China tamén contempla o escenario afgán con interese xa que o goberno de Beijing cree que a inestabilidade no Afganistán ten "influencia directa" no nivel de seguridade en territorio chino, concretamente na rexión autónoma de Xinjiang. A preocupación de China baséase en que o grupo xihadista Movimiento Islámico do Turquestán Oriental (ETIM, nas súas siglas en inglés) poida introducir combatentes a través do corredor de Wakhan no Afganistán para radicalizar aos uigures, maioritariamente musulmáns, ou a cometer atentados en China. O ETIM ten bases en Tayikistán e no territorio afgán, nas montañas de Badakhshan, que contan co apoio dos Talibáns.

Os intereses chinos no Afganistán, que non se limitan unicamente ás consecuencias derivadas da actividade xihadista, veríanse beneficiados cun escenario afgán estable xa que posúe contratos de explotación de minas de cobre na zona de Kabul e de xacementos petrolíferos ao norte do país. Unha hipotética mellora nas condicións de seguridade no Afganistán podería franquearlle o paso a China para o aumento de inversións, e do control derivado das mesmas, no país veciño.

Este interese nunha futura estabilidade afgán fíxose tamén visible de maneira pública polo Irán. Tras coñecerse a suspensión das negociacións de paz, Mohamad Javad Zarif, ministro de Asuntos Exteriores da República Islámica do Irán, a través da súa conta de Twitter mostrouse “gravemente preocupado” pola situación no Afganistán, pediu a saída do país das tropas estranxeiras e afirmou que o Irán estaba preparado para traballar co goberno e os partidos afgáns co obxectivo de “…forxar un final duradeiro da violencia”.

Zarif xa afirmara  en xaneiro de 2019 nunha entrevista na canle india NDTV que  “sería imposible ter un futuro Afganistán sen ningún papel para os talibáns”, se ben estes, “non deberían ter un papel dominante”. Para o Irán a saída estadounidense do Afganistán, alonxaría a posibilidade de que tropas dos EE.UU. se instalasen perto da súa fronteira terrestre e verían con mellores ollos aos talibáns que á filial do Daesh que opera no Afganistán baixo a denominación de “Estado Islámico de Jorasán” (IS-K, nas súas siglas en inglés), que é furiosamente anti-chií.

No 1929, René Magritte pintou un cadro chamado “A traizón das imaxes no que pode verse unha pipa baixo a que escribira a frase “Isto non é unha pipa”. O xenio belga da pintura aclaraba que o seu cadro non era unha pipa, senón a representación dunha pipa. Algo similar podería pasar coas consecuencias do acordo cos talibáns afgáns: unha mera representación da paz en lugar de ser una paz efectiva.

A extraordinaria complexidade do escenario afgán compartido por actores armados estatais e estranxeiros e non estatais, dos que os talibáns son unha importante representación pero non a única, en unión coas mudanzas na orde de prioridades da administración estadounidense no panorama xeopolítico mundial poden ser factores importantes de cara a actual situación.

No enésimo xiro do  concepto de realpolitik, parece existir de cara ao conflito afgán a percepción do aforismo que reza que “situacións desesperadas requiren medidas desesperadas”. Pasouse a darlles aos talibáns a oportunidade de converterse nun factor que senón solucione, polo menos mellore a situación no Afganistán. Iso sí, contemplado dende a óptica dos intereses occidentais e das potencias da rexión, deixando fora da ecuación, como a miúdo ocorre nestes casos, á  sociedade afgán.

Coa materialización do acordo, os talibáns seguen proxectando unha posición de fortaleza, deixando en  evidencia, unha vez máis, que a forza é a linguaxe que mellor manexa a historia, exemplo palmario disto último é que se invitou aos talibáns a sentarse na mesa de negociacións en lugar de obligalos a sentarse no banco dos acusados.

Os talibáns afgáns experimentaron unha notable metamorfose pasando de ser unha organización terrorista que supuña unha ameaza global a converterse en interlocutores válidos negociando en plano de igualdade con representantes gobernamentais. Neste cambio de percepción influíron non os seus fins senón os seus medios.

Resistir a acción militar, gobernamental e estranxeira, e de forma paralela despregar unha violenta actividade terrorista e insurxente, xunto a un importante control territorial, mantendo no tempo ambos factores, fixeron variar, pola máis expeditiva vía dos feitos, o seu rol no Afganistán. O papel que finalmente acaben xogando os talibáns influirá no futuro, non só do país senón tamén no da rexión.

Non sería aventurado apuntar que outros grupos xihadistas que poidan ter “axendas locais” miren con atención os acontecementos e, moi probablemente, obteñan proveitosas leccións.

Jonathan Randal, corresponsal de guerra e autor estadounidense afirmou: “Se os rusos leran a Kipling máis detidamente, tal vez non tiveran invadido o Afganistán(7). Neste punto ten cabida a frase que pronuncia K¡m, protagonista da novela homónima de Rudyard Kipling (1901) circunscribindo loxicamente o termo “afgán” única e exclusivamente aos Talibáns, non a poboación que sufre súas accións terroristas:

  “Fíate dun Brahaman antes que dunha serpe, dunha serpe antes que dunha rameira e dunha rameira antes ca dun afgán, Mahbub Ali (8).

O “Gran Xogo” non se detén.

Bibliografía.

(1) REQUENA Pilar: “”Afganistán”, Ed. Síntesis (p-29).

(2) RASHID, Ahmed: “XIII Curso Internacional de Defensa:O labirinto afgano” Ministerio de Defensa (ISBN 978-84-9781-554-3, 2010 (p-53).

(3) GÓMEZ, Luz: “Entrela Sharía e a Xihad. Unha historia intelectual do islamismo. Ed. Catarata, Madrid, 2018 (p-280).

(4) GÓMEZ, Luz  (p.257).

(5) GÓMEZ, Luz (p.183).

(6) GRIFFIN, Michael: “O movemento Talibán afgano. Colleita de tempestades” Catarata, Madrid, 2001 (pp. 202-203).

(7) KAPLAN, Robert D. “Soldados de Deus. Unha viaxe a Afganistán cos guerrilleiros islámicos” Ediciones B, Barcelona, 2001 (p.53).

(8) KIPLING Rudyard: “Kim” (Trad. De José Luís López Muñoz), Unidad Editorial, Madrid, 1999 (p.117).