20060608 iraq rolda prensa morte al zarqawi

A morte de Zarqawi

 Abu Musab al Zarqawi, clic para aumentar
Para os sunnitas, Zarqawi podía estar configurándose como un elemento discordante e incómodo, polo que pódese especular cunha posible delación dun dos seus máis estreitos colaboradores, dada a recompensa de 25 millóns de dólares ofrecida por Washington para a súa captura. Sen Zarqawi no escenario, os sunnitas demandarán un maior peso de poder no novo Iraq, controlado principalmente por xiítas e kurdos. (Foto: Rolda de prensa en Bagdad o venres 8 de xuño de 2006).
 

O anuncio da morte do líder de Al Qaeda en Iraq, o xordano Abu Musab al Zarqawi, pódese considerar un repentino éxito militar de Washington e do novo goberno iraquí, quen non dubidarán en tentar converter esta noticia nun rotundo éxito político e nunha derrota para a "yihad" salafista de Al Qaeda. Pero a súa desaparición do escenario non necesariamente supón un éxito total na transición post-Saddam nin a finalización da insurxencia en Iraq.

Dun xeito deliberado, esta noticia propiciará que Washington e o goberno do recen nomeado primeiro ministro Nouri al-Maliki se apresuren en ocultar as cada vez maiores evidencias das responsabilidades de altos cargos militares estadounidenses na matanza de civís ocorrida en Haditha, cousa que mantén ao goberno de George W. Bush nunha delicada posición cara a súa opinión pública.

"Tapando" estas malas noticias, Washington tentará compaxinar a morte de Zarqawi coa captura de Saddam Hussein en decembro de 2003 e a morte dos seus dous fillos, nese momento líderes dun grupo insurxente en Iraq. Resultará necesario para Washington rendabilizar os efectos políticos da desaparición de Zarqawi de cara a súa guerra contra a insurxencia iraquí.

Precisamente, resulta aínda pouco esclarecedor que, coa morte de Zarqawi, a insurxencia iraquí estea contra as cordas. En abril de 2006, fontes vinculadas a Al Qaeda consideraron que Zarqawi xa non era o líder desta organización no país árabe, baixo o seu grupo "exército de Al Qaeda en Mesopotamia". A dirección central de Al Qaeda xa viña manifestando o seu receo sobre as verdadeiras intencións de Zarqawi en Iraq, especulando que a súa "yihad" tiña certos carácter de proxecto político persoal.

O fracaso de Zarqawi en configurar unha homoxénea insurxencia islamita contra EEUU, as tropas estranxeiras e as novas autoridades iraquís, evidencia o carácter multiforme da resistencia iraquí, máis enfocada cara grupos nacionalistas e milicias étnicas e relixiosas. Quizais Zarqawi tivese éxito na proliferación de atentados terroristas e secuestros, así como na súa idea de recrear en Iraq unha guerra civil a grande escala entre as comunidades étnicas e relixiosas, co seu impacto rexional, a traveso dos atentados contra obxectivos xiítas. Pero o peso da insurxencia en Iraq levaba tempo que se lle tiña escapado das mans. Mesmo, a rapidez de Al Qaeda podería confirmar a súa morte evidencia este distanciamento e o ocaso de Zarqawi.

Ao tempo, Washington recibe a noticia da desaparición de Zarqawi nun momento delicado da súa guerra global contra Al Qaeda. A recente ofensiva talibán no sur de Afganistán amosa un escenario conflitivo e inseguro para as tropas da OTAN e a ONU. Isto pódese expandir cara o explosivo Paquistán e o delicado panorama no sueste asiático.

Do mesmo xeito, o goberno de Bush observa cómo as milicias islamitas acaban de obter un triunfo en Somalia, co control da capital Mogadiscio. Este país constitúe un importante escenario para Al Qaeda, tal e como xa o vivira en carne propia o goberno de Bill Clinton coa súa fracasada operación militar en Somalia en 1993. Controlar Somalia significa para Al Qaeda retomar unha excelente posición estratéxica na costa occidental africana, cara Etiopía, Kenya e Eritrea, e a súa posible expansión cara a península arábiga a traveso do Iemen.

Para os sunnitas, Zarqawi podía estar configurándose como un elemento discordante e incómodo, polo que pódese especular cunha posible delación dun dos seus máis estreitos colaboradores, dada a recompensa de 25 millóns de dólares ofrecida por Washington para a súa captura. Sen Zarqawi no escenario, os sunnitas demandarán un maior peso de poder no novo Iraq, controlado principalmente por xiítas e kurdos. E en Washington esperarán tamén impoñer as súas condicións, alentados pola desaparición do considerado "inimigo nº 1 de EEUU en Iraq".