Segundo a súa percepción, ¿Cales considera que son os temas ou áreas de actuación que deben estar presentes no Cumio do Futuro?
Acabamos de recibir un dos últimos proxectos das negociacións. Son meses de negociación para este documento guía.
O texto, repasado por todos os Estados membros, vén reforzar aínda máis os mecanismos para non deixar a ninguén atrás, o financiamento dos países que necesitan axuda, a transformación do Consello de Seguridade… En parte sempre se sinala á ONU, polo menos nos últimos meses, de falta de efectividade e bloqueo. A introdución desa reforma do Consello de Seguridade vén expor un cambio no sistema para evitar bloqueos en situacións de perigo para a paz mundial.
Introduce a intelixencia artificial, as desigualdades tecnolóxicas, comercio mundial, cambio climático… É un pacto que, a día de hoxe, inclúe os principais desafíos aos que nos enfrontamos.
Cre que a súa celebración contribuirá a acelerar a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable?
Ese é un dos obxectivos principais, crear as condicións para implementar os ODS, os obxectivos globais para mellorar a vida de todos. Estamos a ver ese proceso afectado pola pandemia e polo actual contexto internacional.
O cumio do futuro é un reforzo a un plan que se pactou por todos os países da ONU e que non se está conseguindo. Pero avanza.
Como cre que a participación de actores non gobernamentais (ONGs, sector privado, sociedade civil) poden influír no éxito do cumio?
Ben, este guión, calquera acordo ou implementación de resolucións internacionais, a gran maioría, dependen da execución dos países membros. Ou sexa, os acordos non serven de moito se os países non os cumpren.
É aí onde a poboación, as empresas e as ONGs non é que sexan esenciais, é que son protagonistas. Teñen a capacidade de reclamar os seus dereitos, de erguer a voz aquí, tamén no Cumio do Futuro, de exercer o seu dereito a voto, de trasladarnos as preocupacións dos mozos, todos son clave para un acordo que mellore as súas vidas. Si que poden influír, si.
Que expectativas ten sobre os resultados da celebración do Cumio do Futuro? Cre que suporá un cambio de rumbo significativo?
Sinceramente non podo contestarche esta pregunta. Non sei. Na miña vida profesional vivín varios momentos históricos non agardados que cambiaron o rumbo de todo, cambiounos a vida a todos, e todos superaron expectativas para ben ou para mal.
O único que podo dicirche é que a negociación, o multilateralismo que parece tan abstracto e pouco tanxible, é o mellor camiño para a prevención de conflitos.
O Cumio do Futuro como o foi no seu día a Carta da ONU, a DUDH- Declaración Universal de Dereitos Humanos -, o acordo de París… Son foros que equilibran as tensións mundiais que vivimos e que, a pesar das críticas, acaban mellorando a vida de todos.
Como cre que vostede ou a súa organización podería contribuír ou involucrarse no Cumio do Futuro?
Desde a ONU estase a facilitar este foro, tanto co diálogo cos países, consultas con asociacións, ONG, sector público e privado. Tamén no plan de Comunicación para a súa difusión e en asegurar a transparencia do proceso. Organizamos e participamos neste Cumio.

