Unha análise de Martín Boado Carro (estudante en prácticas da USC)

A OCX: cara un novo impulso económico?

A cidade rusa de Ufa foi a sede dos cumios internacionais da Organización de Cooperación de Xangai e dos países BRICS celebradas entre o 8 e o 10 de xullo do pasado ano, que puxo as bases para unha maior cooperación económica e de seguridade entre os países que integran ambas organizacións, así como cos estados centroasiáticos membros da Unión Económica Eurasiática.

Apartados xeográficos Ásia
Idiomas Galego

A cidade rusa de Ufa foi a sede dos cumios internacionais da Organización de Cooperación de Xangai e dos países BRICS celebradas entre o 8 e o 10 de xullo do pasado ano, que puxo as bases para unha maior cooperación económica e de seguridade entre os países que integran ambas organizacións, así como cos estados centroasiáticos membros da Unión Económica Eurasiática.

Dende a incorporación de Uzbequistán como estado membro no 2001, a OCX fixou o seu principal obxectivo na loita contra o terrorismo, o extremismo e o separatismo, coa finalidade de manter a estabilidade na rexión a través da seguridade. Sen embargo, e pese a manterse fiel aos principios fundacionais da organización, os líderes dos países membros coinciden na necesidade de dar un paso máis nos cometidos do organismo internacional: “Temos, sen dúbida, todas as premisas para ampliar os horizontes dunha cooperación reciprocamente vantaxosa, sumar os nosos recursos de materias primas, o capital humano e o colosal volume dos nosos mercados de consumo co fin de lograr un poderoso avance económico”, manifestou o mandatario ruso Vladimir Putin durante a súa intervención. A importancia da OCX como “actor influínte no actual sistema de relacións internacionais (…) para o mantemento de seguridade e estabilidade na rexión” crece grazas á admisión de India e Paquistán como novos Estados membros – o cal aumentará as posibilidades da organización de contrarrestar os actuais desafíos e de mellorar considerablemente o seu potencial político e económico –, ademais de elevar o estatus de Bielorrusia ao de “Estado observador”, e incluír a Armenia, Acerbaixán e Camboxa como novos “socios en diálogo”.

Tras estas novas incorporacións, a OCX adoptou unha nova estratexia común na cal se especifican os seus cometidos e liñas de actuación de cara aos vindeiros dez anos. É por iso que se aproveitou este cumio para reunir os diferentes mandatarios dos estados membros da OCX, BRISC e da UEE, nuns encontros que aspiran a avanzar consecuentemente na cooperación económica e na seguridade rexional. A OCX comézase a converter non só nunha plataforma centrada na consecución de estabilidade  rexional, senón tamén nun espazo capaz de ampliar horizontes económicos a través da cooperación económica-comercial que pode, incluso, establecer unha nova orde mundial.

Este novo impulso cara unha mellor cooperación económica ven dado en parte grazas á situación xeográfica dos países implicados, pero tamén a unha serie de intereses políticos comúns, como unha política interior e exterior independentes que defenden o dereito a un desenvolvemento adecuado ás particularidades propias de cada nación, así como a unha postura similar na concepción dos principais problemas globais e rexionais e unha severa crítica á actual función de importantes institucións tales como o FMI.

Tanto o presidente ruso como o chinés deixaron clara a transcendencia que debe ter a cooperación económica entre as tres organizacións internacionais, baseada en proporcionar unha iniciativa de desenvolvemento dun sistema eficiente de transporte común entre os estados membros da OCX, como xa acontece co potencial uso de tránsito que ofrecen os ferrocarrís Transiberiano e o Baikal-Amur, en Rusia. O presidente Xi expuxo a necesidade de inversión en iniciativas centradas na construción e deseño de novas infraestruturas coa finalidade de contar con ata uns 4.000 quilómetros de ferrocarril e máis de 10.000 de estrada. Ademais, sinalou que China estaría disposta a utilizar medios do fondo de inversión propios da Ruta da Seda, a cal sen dúbida está destinada a ser un dos principais proxectos que traten de levar a cabo con éxito xunto cos estados centroasiáticos e coa colaboración da UEE.

Pero volver a converter a Ruta da Seda nunha das maiores – por non dicir a maior – rutas comerciais do globo non é o único obxectivo da organización. Aspírase a que unhas beneficiosas relacións comerciais leven a unha mellora na estabilidade e seguridade da rexión contra o avance da violencia terrorista, pero tamén preténdese crear unha esfera de defensa ante o risco de novas crises económicas. Por se foran poucas as expectativas, o Banco de Desenvolvemento dos BRICS ten previsto aprobar en 2016 novos proxectos de inversión cun fondo de ata 200.000 millóns de dólares, ademais de loitar de maneira máis incisiva contra a evasión fiscal.

Pódese dicir que os pasados cumios internacionais mantidos no verán de 2015 por tres das organizacións internacionais máis transcendentes do actual panorama político asiático na cidade rusa de Ufa, poden ser artífices dunha nova folla de ruta que marque o camiño cara un novo nivel de cooperación económica e de seguridade. A implicación de algunhas das maiores economías a nivel mundial (China e Rusia), así como a incorporación de novas economías emerxentes (India e Paquistán) máis a suma de estados en pleno desenvolvemento económico como no caso de Asia Central, fai deste novo impulso de cooperación internacional un proxecto máis que interesante se logran acadar certo éxito na realización de iniciativas tan importantes como o Cinto Económico na ‘anciá’ Ruta da Seda ou o crecemento da UEE como institución en colaboración cos BRICS e a OCX. Todo isto pode supoñer un duro golpe para os intereses dos estados e institucións occidentais en detrimento dos orientais, que poden obter grandes beneficios económicos ademais de marcar o primeiro paso cara a unha nova orde mundial.