ESTE ARTIGO FAI PARTE DO IGADI ANNUAL REPORT 2022-2023 “GLOBALIZACIÓN E MULTIPOLARIDADE EN TEMPOS DE GUERRA”
IGADI Annual Report 2022-2023: Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra

A onda progresista xera un cambio de aires para a integración latinoamericana

Unha das interrogantes formuladas no Annual Report 2021-2022 foi a seguinte: «Nova onda progresista nas Américas?» O panorama latinoamericano actual parece dar resposta a esa pregunta de forma afirmativa. É así que, o ano 2022 trouxo consigo o triunfo electoral na segunda volta de Gustavo Petro, converténdoo no primeiro presidente de esquerdas na historia de Colombia, e de Luis Inácio Lula Da Silva, quen tivo que facer fronte a varios intentos de deslexitimación da súa autoridade e unha elevada polarización sociopolítica. Ambos eventos electorais reconfiguraron a correlación de forzas políticas e sociais da rexión; así, o péndulo bascula cara a esquerda e se aliña cos triunfos electorais previos de líderes como Luis Arce, Xiomara Castro ou Gabriel Bóric.
Idiomas Galego

En Centro América, Costa Rica celebrou eleccións en xaneiro de 2022 das que resultou electo na segunda volta o «outsider» Rodrigo Chaves, do partido Progreso Social Democrático, denotando un declive do bipartidismo imperante. Mentres que, a presidencia de Nayib Bukele no Salvador se situou no «ollo do furacán» por como xestionou a relación cos maras. Aínda que é certo que o goberno logrou desarticular a boa parte das cuadrillas responsables dos altos índices de violencia do país, existen fortes cuestionamentos á violación dos dereitos fundamentais das persoas privadas de liberdade. Algo similar ocorreu en Ecuador neste mesmo ano co afondamento da crise carceraria iniciada en 2021, e que unida ao último amotinamento de 2022, deixou como saldo máis de 400 privados de liberdade falecidos e unha recrudescencia da violencia en todo o país andino.

Un dos eventos máis importantes no Cono sur americano do último trimestre de 2022 foi a celebración dun plebiscito para aprobar unha nova Constitución en Chile o cal obtivo un 62 % de rexeitamento por parte dos chilenos, despois da ampla maioría do 80 % que en 2020 se mostrou a favor de que se redactase unha nova carta magna. Isto non implica a fin do proceso constituínte chileno, de feito, abre unha nova etapa para a política doméstica dese país e presenta un desafío para o goberno de Gabriel Boric. Para 2023 debería ser capaz de contar co respaldo da cidadanía e do resto de forzas políticas do Congreso e partidos que apoiaron e impulsaron o rexeitamento, e lograr así a aprobación dun novo texto constitucional que poña fin ao redactado en 1980 durante a ditadura pinochetista.

Un segundo suceso importante produciuse case ao peche de 2022 coa destitución e detención por rebelión do presidente de Perú, Pedro Castillo, despois de que disolvese o Congreso. Ademais, tras unha votación, o Congreso determinou «incapacidade moral» do primeiro mandatario e decretaron que a vicepresidenta Dina Boluarte se proclamase presidenta e concluíse o mandato. Este acontecemento xerou unha vaga de manifestacións en todo Perú para reclamar o retorno de Pedro Castillo ao poder, que foi duramente reprimida polas forzas do Estado por orde do goberno encabezado por Boluarte.

É ben sabido que os inicios do século XXI para América Latina se caracterizaron por un forte impulso á integración rexional, coa implantación de mecanismos de integración novos que denotaban unha vontade política dos actores máis importantes da rexión. O retorno de Lula Da Silva e a presenza de Gustavo Petro en espazos multilaterais globais, con discursos orientados a fomentar a cooperación Sur-Sur, pon de relevo un reposicionamento de América Latina na axenda Global e do cambio climático como parte dos temas da axenda política rexional. Especialmente, sopran novos ventos para a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC), que celebrou a súa VII Cume en Bos Aires en xaneiro de 2023, e a Unión de Nacións Suramericanas (UNASUR) que en novembro de 2022 recibiu o respaldo de sete ex presidentes, ex Ministros de Relacións Exteriores, parlamentarios, congresistas e un grupo de intelectuais de América do Sur, que por medio dunha carta instaron aos actuais presidentes da rexión a que «Unasur aínda existe e é a mellor plataforma para reconstituír un espazo de integración en América do Sur».

No terreo económico e segundo datos da CEPAL, América Latina e o Caribe iniciaron o primeiro semestre de 2022 cunha taxa de crecemento superior á esperada; non obstante, para o segundo semestre rexistraron unha desaceleración da súa actividade económica e unha elevada presión inflacionista que segundo previsións deste organismo e do Fondo Monetario Internacional, manterase para o 2023. Aínda así, a rexión pecha cun crecemento do 3,1 % e, segundo estimacións, as economías avanzadas da rexión crecerán un 0,6 fronte ás emerxentes e en desenvolvemento, que se situarán nun 3,7 %. Por outro lado, os altos prezos do petróleo contribuíron a que países como Venezuela experimentasen un crecemento do 6 % (segundo datos do FMI e logo dun crecemento negativo sostido no período 2014-2021), e que países como México e Brasil tamén resultasen beneficiados. A pesar do potencial enerxético, humano, social e económico da rexión, as fendas estruturais mantéñense e os niveis de pobreza e desigualdade seguen patentes.

Para 2023 espéranse procesos electorais importantes na rexión, iniciando en febreiro con Ecuador e a celebración das eleccións seccionais, conselleiros do Consello de Participación Cidadá e Control Social (CPCSS), e un referendo promovido polo goberno do presidente Guillermo Lasso para a aprobación de oito preguntas orientadas a emendar a Constitución de 2008, o cal servirá para medir a aprobación da súa xestión. A axenda continúa coas eleccións presidenciais en Paraguai en abril, Guatemala en xuño e Arxentina en outubro. Mantemos así a interrogante xa presentada no Reporte Anual de 2021-2022, só que en termos de continuidade: seguirá a onda progresista en América Latina ou o péndulo basculará de novo cara a dereita?

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2022-2023 “Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra”, que podes descarregar aquí.