A “posguerra fría” (1991-2016): un debate académico

O derradeiro cuarto de século iniciado en 1991, determinado pola desintegración da URSS, o final da “guerra fría” e incluso a primeira Guerra do Golfo Pérsico que determinou a concreción da polémica “nova orde mundial” por parte de Washington, abriu ás portas a un amplo debate sobre as novas tendencias que se albiscaban nas relacións internacionais, particularmente a través de diversos autores que explicaron (e nalgúns casos contribuíron a definir) os trazos dun novo sistema internacional, comunmente denominado de “posguerra fría”. Coincidindo co 25º aniversario do IGADI, ofrécese a continuación unha breve sinopse orientada a reflexionar sobre o impacto e a vixencia das diversas teses, lecturas e interpretacións que exerceron unha gran influencia no debate dos grandes temas e das grandes problemáticas da nosa época. 

Apartados xeográficos Outros
Palabras chave Posguerra Fría Debate
Idiomas Galego

O derradeiro cuarto de século iniciado en 1991, determinado pola desintegración da URSS, o final da “guerra fría” e incluso a primeira Guerra do Golfo Pérsico que determinou a concreción da polémica “nova orde mundial” por parte de Washington, abriu ás portas a un amplo debate sobre as novas tendencias que se albiscaban nas relacións internacionais, particularmente a través de diversos autores que explicaron (e nalgúns casos contribuíron a definir) os trazos dun novo sistema internacional, comunmente denominado de “posguerra fría”. Coincidindo co 25º aniversario do IGADI, ofrécese a continuación unha breve sinopse orientada a reflexionar sobre o impacto e a vixencia das diversas teses, lecturas e interpretacións que exerceron unha gran influencia no debate dos grandes temas e das grandes problemáticas da nosa época. 

Nestes debates destacamos a discusión xerada a través de importantes académicos sobre o mundo da globalización “neoliberal”; o estudo das grandes potencias ante a “nove orde mundial” de hexemonía estadounidense(1); o revival dos nacionalismos ante as tensións que socavan a vixencia do Estado-nación; as resistencias periféricas; a multipolaridade; a expansión global do fundamentalismo relixioso; as crises do capitalismo post-industrial e da representatividade política; e o progresivo ascenso global de Asia.

Acometemos así unha etapa histórica concreta (1991-2016) no que o sistema internacional foi progresivamente desmarcándose da prolongada herdanza da bipolaridade da “guerra fría” (1947-1991) para dar paso á concreción dun novo sistema, coloquialmente denominado de “posguerra fría”, sumamente voluble e incerto.

Este sistema observaba un pulso hexemónico global onde EUA impoñía o seu ritmo para verse progresivamente eclipsado polo ascenso doutros actores emerxentes, principalmente asiáticos (China) e da aparición de novas estruturas multilaterais (BRICS, G-22, OCX) contestatarios coas hexemonías unilaterais (eixe atlantista monopolizado dende Washington). Esta dinámica anuncia os trazos de definición do sistema global imperante para este século XXI.

A historia non ten fin

Estas interpretacións do que acontecía no sistema internacional de “posguerra fría” medía os efectos da histórica desintegración da URSS e do campo socialista. Aquí abría o debate a discusión sobre as forzas de captación do concepto wallersteniano dun “sistema-mundo” cada vez mais globalizado, multilateral e interdependente. Con todo, a crise socioeconómica que estoupou a partires de 2008 evidenciou as críticas e o malestar sobre a preponderancia desa globalización de carácter neoliberal, abrindo as comportas de resistencias e alternativas que polarizan e cuestionan a vixencia do sistema centro-periferia.

Son varios os autores, principalmente de orixe anglosaxón, que exerceron influencia nese debate e incluso na adopción de determinadas políticas por parte das grandes potencias. O mundo que asistía incrédulo á caída do Muro de Berlín (1989) e á desarticulación do sistema socialista e soviético (1990-1991) lía con atención a polémica tese do “fin da historia” do politólogo estadounidense Francis Fukuyama(2) que anunciaba (non sen certa soberbia) a auxe do capitalismo neoliberal globalizado por riba do fracaso socialista e marxista.

Con anterioridade a Fukuyama, a caída da URSS reforzou a vixencia dos estudos sobre as grandes potencias e dos factores que propiciaron as súas empresas imperialistas, así como as causas e consecuencias da súa aparentemente inevitable caída. Neste sentido, o historiador estadounidense Paul Kennedy(3) estudou os ciclos de dominio das grandes potencias na historia, dende o imperio romano ata a hexemonía estadounidense, explicando e incluso vaticinando os porqué do seu auxe e posterior caída, principalmente determinadas polas dificultades económicas á hora de manter o elevado gasto militar definido pola multiplicación de frontes e escenarios bélicos, procreados para garantir a dominación imperial.

Unha visión sobre a diplomacia enfocado na escola do realismo político como interpretación das tendencias que antecederon a constitución do sistema internacional desde comezos do século XIX ata a “posguerra fría” foi impulsado polo ex secretario de Estado durante a administración Nixon, Henry Kissinger(4).

Atento estudoso do sistema decimonónico de balanza de poder entre as grandes potencias, Kissinger rastreou as posibilidade de reprodución do mesmo no mundo de “posguerra fría”, abrindo parcialmente o debate sobre a eventual configuración dun sistema de “uni-multipolaridade” moderadamente hexemónico.

Choque de Civilizacións?

Tras case medio século de “guerra fría” determinada pola tensión nuclear, estaba o mundo da “posguerra fría” mais seguro? Non existían ameazas á presunta vitoria da globalización neoliberal? Retornaría o espectro da guerra por riba do progreso económico? Asentaríanse a democracia representativa e o capitalismo liberal como os únicos referentes? Con diversas perspectivas, non tardaron en aparecer outros autores que progresivamente desactivaron o que se pode cualificar como o “inxenuo optimismo” de Fukuyama.

Con todo, estas interpretacións non deixaban de fomentar diversas perspectivas mais ben orientadas a preservar o dominio hexemónico do complexo militar-industrial, especialmente estadounidense. Sen desmarcarse da mentalidade de “guerra fría” e da realpolitik, menoscabando os compoñentes ideolóxicos e de bloques de alianzas xeopolíticas, apareceron autores e teses que definiron outras interpretacións do sistema de “posguerra fría”.

Foi o caso doutro politólogo estadounidense non menos polémico, Samuel Huntington(5), quen adiantou a tese do “choque de civilizacións”, identificando unha discutible clasificación de civilizacións (occidental, latinoamericana, china, africana, islámica, hindú, budista, nipona e ortodoxa), cun marcado peso do factor relixioso como propulsor identitario.

A aparente obsesión pola “ameaza” á “civilización occidental” non abandonou a este autor en libros posteriores(6), interpretando desta vez o contexto propio da sociedade estadounidense, particularmente polo avance da multiculturalidade propia da inmigración (principalmente hispana) e das súas presuntas ameazas de cara á hexemonía anglosaxona como factor modélico da identidade nacional estadounidense.

Con Huntington en voga, outro analista estadounidense, Robert Kaplan, apareceu cun best seller focalizado nos espiñentos conflitos balcánicos(7) que a comezos da década de 1990 asoaban no sueste europeo. Como posible efecto publicitario, a visión pioneira de Kaplan sobre a eventual desintegración da antiga Iugoslavia, contextualizada a través de diversas viaxes aos Balcáns a finais da década de 1980, aparentemente tivo eco na entón administración de Bill Clinton(8) na Casa Branca, particularmente ante a súa decisión de intervir na guerra de Bosnia e de propiciar os posteriores acordos de Dayton (1995)

Con todo, Kaplan non tivo o eco mediático nin propiciou un arduo debate académico e político como foi o caso da polémico tese do “choque de civilizacións” de Huntington(9). Tras o efecto da súa tese, Huntington descifrou a análise do sistema internacional do final da década dos noventa retomando a idea kissingeriana do mundo “uni-multipolar”(10), onde a única superpotencia (EUA) debe modelar un sistema multipolar de actores globais (China, Europa, Rusia, Xapón) que con mediana intensidade contestan a súa hexemonía.

Pero non tardaron en aparecer estudos críticos que cuestionaban as teses de Hungtington, en particular tralo 11/S de 2001. Poñendo o foco nos países de Asia do Sur e especificamente un epicentro xihadista como Paquistán, o historiador paquistaní Tariq Alí(11) refutou esa perspectiva do perpetuo e continuo conflito de identidades, culturas e civilizacións, argumentando que mais ben a mesma era consecuencia da manipulación política e do control policial que exerce Washington.

Un texto de notable revisionismo histórico, onde Islam e Occidente entran en escena, alén da nefasta “guerra contra o terrorismo” impulsado pola administración Bush tralo 11/S. Tariq Alí observa mais ben unha especie de “choque de fundamentalismos”, un de carácter relixioso e outro imperialista. Ambos se contextualizan, enfróntanse e utilizan o mesmo carácter discursivo e simbólico para xustificar os seus propósitos. No mundo contemporáneo, Asia Central, en especial Afganistán, e Oriente Próximo, ten sido o escenario deste “choque de fundamentalismos” relixioso e imperialista.

A Globalización non é a panacea

A parcial desarticulación motivada pola caída dos “socialismos reais” e o desprestixio de cara á economía planificada, permitiu o predominio hexemónico dun modelo de globalización(12) de carácter neoliberal que marcaba o seu ritmo como modelador do mundo de “posguerra fría”.

Este proceso procreou diversas perspectivas de carácter xeoestratéxico, fundamentadas nunha especie de configuración dunha “economía-mundo” (utilizando esta “idea-forza” wallersteniana) fortemente interconectada, que desestimaba conceptos tradicionais das relacións internacionais como o “Estado-nación”, a fronteira e incluso os sistemas de integración.

A globalización económica persistente desde comezos da década de 1990 fundamentaba a súa lexitimidade a través da procreación de procesos de integración económica (como a Unión Europea) e da hexemonía de organismos globais (FMI), cuxos postulados modélicos aducían da necesidade de superar o concepto de fronteiras e o papel do Estado central para progresivamente diluírse a favor da apertura e o poder dos mercados.

Diversos pensadores e teóricos estudaron as teses da globalización, combinando diferentes perspectivas críticas que abarcaron áreas como a socioloxía, as relacións internacionais, a economía, a cooperación, a tecnoloxía, ecoloxía, cultura e comunicación. Ao anteriormente citado Immanuel Wallerstein destacan aquí teóricos como o sociólogo brasileiro Octavio Ianni(13), o ensaísta francés Jacques Attali(14), o alemán Ulrich Beck(15) e o politólogo inglés Anthony Giddens(16), procreador da denominada teoría da “Terceira Vía” moi influente en líderes políticos como o ex primeiro ministro laborista Tony Blair.

Destacan aquí igualmente outros autores como o economista Joseph Stiglitz(17) no seu estudo sobre os efectos socioeconómicos de desigualdade mundial fraguados polo avance indiscriminado do proceso globalizador. O lingüista e activista estadounidense Noam Chomsky(18) identificou este proceso como a manifestación do “Imperio americano” liderado por Washington. Outros autores Samir Amin, Atilio Borón, Slavoj Zizek, Zygmunt Bauman e Chakravarthi Raghavan reforzaron esas críticas cara a globalización neoliberal e os seus perniciosos efectos en canto á masificación e mundialización da pobreza, da precariedade socioeconómica e da inxustiza social.

Con todo, outras visións permitiron considerar en qué medida, e en qué xeito contraditorio, a globalización fragmenta as bases do sistema mundial. James N. Rosenau(19) acuñou o seu concepto de “fragmegración”, combinación dos termos fragmentación e integración, para explicar cómo e en qué medida a globalización propicia un efecto contraproducente motivado polo choque entre forzas globalizadoras e forzas localistas a través do vínculo entre individuos e colectivos.

Evitando identificar ao mundo da posguerra fría como o mundo da “globalización”, substituíndo así este concepto polo de “fragmegración”, Rosenau visualizaba neste proceso unha intensa interacción motivada polos avances tecnolóxicos, o debilitamento e a fragmentación estatal, a resistencia das culturas e identidades locais, a constante mobilidade motivada pola revolución dos transportes e das comunicacións e a explosión organizacional de carácter supranacional, entre outras variables e factores que definen un mundo para el cada vez mais incerto e complexo.

A era da Democracia “iliberal

O predominio do liberalismo occidental tralo fracaso das experiencias socialistas de planificación social determinaron un auxe do que Huntington denominara con anterioridade como as “vagas de democratización”(20) como un elemento de definición do mundo da posguerra fría. Desde os Balcáns e a Eurasia post-soviética ata África, América Latina e Asia, a dinamización de procesos de transición democrática definiu a aparición de novos réximes, aínda que non todos eles completamente democráticos.

Autores como Fareed Zakaria(21) e Marina Ottaway(22) repensaron a natureza desta cuestionable “vaga de democratización” derivada da “posguerra fría”. Acuñaron así conceptos que comezaron a ocupar o seu espazo no debate académico das ciencias políticas, a socioloxía e as relacións internacionais como son os de as “democracias iliberais”,  “semi-autoritarias”, “réximes híbridos” ou de “autoritarismo competitivo”(23).  Dentro do debate académico establécese que estes réximes son formas incompletas ou en transición democrática, que utilizan igualmente sistemas de poder autoritarios baixo fachada democrática.

Este debate comezou a definir a natureza de diversos réximes e sistemas políticos imperantes desde a década de 1990, destacando así os establecidos no Perú de Alberto Fujimori (1990-2000); na Rusia post-soviética de Boris Yeltsin (1992-1999) á actual de Vladimir Putin (desde 2000); o Exipto de Hosni Mubarak (1979-2011); os nacionalismos balcánicos do croata Franjo Tudjman e o serbio de Slobodan Miloševic; a Ucraína de Leonid Kuchma; a Zimbabue de Robert Mugabe; a Venezuela de Hugo Chávez (desde 1999) e o Acerbaixán de Heydar Aliyev e do seu fillo e sucesor Ilham Aliyev (desde 1991), entre outros.

Pero o debate aborda sinuosas interrogantes, en particular á hora de identificar qué elementos definen a unha democracia “iliberal” ou a un réxime de “autoritarismo competitivo”. A grandes resgos, obsérvanse variables definidas pola persistencia dun proceso electoral (independentemente da súa transparencia e por momentos de carácter plebiscitario) frecuentemente utilizado como factor de lexitimación, toda vez non é completamente perceptible a clásica división de poderes, polo xeral cooptados por un liderado de corte autocrática.

Diferenciado da democracia de corte liberal e representativo tanto como dos réximes autoritarios e ditatoriais clásicos, a nova creación política establecida polo “autoritarismo competitivo” permite inferir a utilización das “regras democráticas” como “factores de lexitimación dun liderado autocrático existente”(24).

A crise económica global persistente desde 2008, derivada e motivada pola persistencia dun sistema económico neoliberal hexemónico durante a “posguerra fría”, permite cuestionar seriamente á democracia liberal representativa. Deste xeito, a precariedade económica, o perceptible declive das “clases medias”, a fragmentación da sociedade civil e a crise de representatividade política, ven permitindo o avance de tendencias “populistas” e “neopopulistas” a nivel global das que non escapa o mundo occidental (Farage, Trump, Le Pen), aspectos que poden reforzar a viabilidade dos réximes “autoritarios competitivos”.

En aras dunha rexeneración política, este escenario manifesta así mesmo a eventualidade dun declive democrático de consecuencias imprevisibles, igualmente motivadas polo retorno da xeopolítica e dos seus imperativos(25), coas súas implicacións en aspectos relativos á ampliación social do poder estatal e militar e o reforzamento de liderados autoritarios e agresivos. Por irónico que pareza, a actual crise da globalización neoliberal vixente no sistema de “posguerra fría” intúe o retorno da xeopolítica e da contextualización do “Estado-nación”.

O “soño” de Asia

Desde 2013, o actual presidente chinés Xi Jinping ven establecendo a idea do “soño de China”, establecido como unha especie de “destino histórico” no que China está transitando para alcanzar a prosperidade. Con diversas interpretacións, o “soño chinés” pode extrapolarse á presunción de que o século XXI, e por ende o sistema internacional de “pos-posguerra fría”, definirá un mundo liderado por Asia.

O ascenso de Asia e a súa vocación por un mundo multipolar e multilateral que supere o unilateralismo hexemónico occidental do sistema da “posguerra fría”, deriva nunha serie de iniciativas de integración principalmente motorizadas polo seu impulso económico (APEC, Ruta da Seda, Organización de Cooperación de Xangai, Iniciativas Transpacífico, BRICS) Cun Occidente en declive, cuestionado e deprimido pola crise socioeconómica, Asia asúmese coa vitalidade necesaria para guiar un novo sistema global.

Da man de autores como o singaporés Kishore Mahbubani(26), aparecen os argumentos de porqué imponse a “competitividade asiática” por riba da “incompetencia occidental”. Este poderío ten mais que ver coa fortaleza dunha cultura milenaria como a asiática,  que observa o seu momento de optimismo vital ante a “decadencia” cultural  e económica occidental de principios do século XXI(27).

Segundo Mahbubani, a segunda metade deste século observará inevitablemente cómo Asia logrará definitivamente superar a Occidente no pulso polo poder hexemónico global. Con todo, advirte da crecente división cultural e xeopolítica entre Asia e Occidente, aspecto que tramitará a transformación que se agarda nas próximas décadas na definición do poder mundial(28).

Esta transformación liderada por Asia debe igualmente definir novas tendencias de poder e estratexia capacitadas para impulsar a economía global e deseñar un novo sistema internacional. O consultor xaponés Kenichi Ohmae(29) xa adiantou estas tendencias a comezos da década de 1980, explicando a expansión do modelo corporativo nipón. Enmarcada na súa inserción na economía globalizada, Ohmae observa a vitalidade dese novo pensamento económico global a través da expansión do modelo asiático de corporativismo multinacional(30), nunha competencia por acceder e controlar mercados onde a o ascenso e a proliferación de “economías-rexións” desarticule progresivamente o concepto de “Estado-nación”(31).

Cun Occidente en crise e a auxe da vitalidade asiática, as próximas décadas asúmense como decisivas nos trazos dun sistema internacional de “post-posguerra fría” aínda por materializarse. Será o labor de futuros visionarios os que explicarán ás próximas xeracións a tramitación destas novas teorías das relacións globais e do sistema internacional.

 

 



(1) A idea da “Nova Orde Mundial” (New World Order) foi presentada polo presidente George W. Bush (1989-1993) ante o Congreso dos EUA o 11 de setembro de 1990, pouco despois da invasión de Iraq a Kuwait (2 de agosto de 1990). O discurso de Bush ante o Congreso pode consultarse no enlace: http://www.presidency.ucsb.edu/ws/?pid=18820. Este visión preconizaba un sistema unilateral hexemónico liderado por EUA na prosecución dun sistema de balanza de poder propio da “posguerra fría”.

(2) The End of History and the Last Man. Free Press, 1992. O libro ven dun artigo anteriormente publicado por  Francis Fukuyama, “The End of History?”, The National Interest (Verán 1989)

(3) The Rise and Fall of the Great Powers. Economic Change and Military Conflict from 1500 to 2000, Random House, 1987.

(4) Diplomacy. Simon&Schuster, 1994

(5) The Clash of Civilizations and the Remaking of the World Order, Simon&Schuster, 1996. Como no caso de Fukuyama, o libro de Huntington provén dun artigo anterior, publicado na revista Foreign Affairs, Vol. 72, Nº 3, 1993.

(6) Who Are We? The Challenges to America’s National Identity, Simon&Schuster, 2004.

(7) Balkan Ghosts. A Journey Through History. St. Martin’s Press, 1993.

(9) A revista Foreign Affairs realizou un amplo debate sobre a tese de Huntington en edicións posteriores. Poden observarse estes artigos na edición especial disponible neste enlace: https://www.foreignaffairs.com/anthologies/2014-08-12/clash-civilizations . Tamén consultar: http://www.scholarsglobe.org/uploads/7/2/1/5/7215173/the_clash_of_civilizations_the_debate.pdf

(10)  “The Lonely Superpower,” Foreign Affairs 78, no. 2 (Marzo/Abril 1999).

(11) The Clash of Fundamentalism. Crusades, Jihad and Modernity, Verso, 2002.

(12) Con frecuencia atribúese ao crítico literario e teórico da comunicación, o canadense Marshal MacLuhan, como o precursor da idea da globalización a través do seu concepto da “aldea global”, manifestado no seu libro coescrito con Quentin Fiore, War and Peace in the Global Village (1968). MacLuhan adiantaba o predominio da interconexión global do individuo a través da masificación dos medios de comunicación, neste caso electrónicos, idea precursora dunha globalización que adquiriu o seu carácter mais instrumental a través da expansión dos mercados financeiros a comezos da década de 1980, motivada polas políticas económicas privatizadoras e neoliberais impulsadas pola administración Reagan e a primeira ministra británica Margaret Thatcher, seguindo os preceptos da Escola de Chicago, a través de economistas clásicos como Milton Friedman e Friedrich von Hayek como principais expoñentes.

(13) Teorías de la Globalización, Siglo XXI, México, 1996.

(14) Une brève histoire de l'avenir, Fayard, 2006.

(15) ¿Qué es la Globalización? Falacias del Globalismo, respuestas a la Globalización, Paidós,  1997.

([16]) Runaway World. How Globalization is Reshaping our Lives, Profile Books, 1999.

(17) Globalization and its discontents, W.W Norton and Company, 2002.

(18) Hegemony or Survival: America's Quest for Global Dominance, Metropolitan Books, 2003.

(19) Rosenau estableceu o seu concepto de “fragmegración” nos seus estudos “’Fragrnegrative' Challenges to National Security” en Terry L. Heyns (cd.): Understanding U.S. Strategy: A Reader, National Defense University, Washington, D.C., 1983; “Distant Proximities: The Dynamics and Dialecties of Globalization” en Bjorn Hettne (ed.): International Political Economy: Understanding Global Disorder, Zed Books, Londres, 1995.; e Along the Domestic Foreign Fronfier: Exploring Governance in a Turbulent World, Cambridge University Press, 1997.

(20) O concepto provén do seu libro The Third Wave. Democratization in the Late Twentieth Century (University of Oklahoma Press, 1991). Huntington establecía tres vagas democratizadoras na historia contemporánea: a primeira (1828-1926) ao carón das revolucións francesa e estadounidense; a segunda (1945-1960) polo proceso de descolonización trala II Guerra Mundial; e a terceira (desde 1974) fundamentada pola “Revolución dos Cravos” en Portugal, e que acadou unha dimensión global sen precedentes en Europa, Asia, América Latina e África.

(21) Como anteriormente acontecera con Fukuyama e Huntington, Fareed Zakaria estableceu a súa teoría das “democracias iliberais” a través dun artigo, inicialmente publicado na revista Foreign Affairs, para posteriormente converterse nun libro. Consultar así: “The Rise os Illiberal Democracy”, Foreign Affairs, Novembro-Decembro 1997. Tamén The Future of Freedom. Illiberal Democracy at Home and Abroad, Norton, 2004.

(22) Democracy Challenged. The Rise os Semi-Authorianism, Carnegie Endowment for International Peace, 2003.

(23) Unha explicación global sobre a natureza destas novas tipoloxías de réximes políticos pode observarse no artigo de LEVITSKY, Steven e WAY, Lucan A, “Elections Without Democracy. The  Rise of Competitive Authoritarianism”, Journal of Democracy, Vol. 13 (2), National Endowment for Democracy and The Johns Hopkins University Press, abril de 2002. Versión en castelán:  http://biblioteca.clacso.edu.ar/ar/libros/colombia/iep/24/8%20autoritarismo%20competitivo.pdf

(24) Ibid, p. 163.

(25) PLATTNER, Marc, “¿Está en declive la democracia?” en Vanguardia Dossier, Nº 59, Xaneiro/Marzo de 2016.

(26) The New Asian Hemisphere: The Irresistible Shift of Global Power to the East, PublicAffairs, 2008.

(27) MAHBUBANI, Kishore, Can Asians Think? Understanding the Divide Between East and West, Times Books International, 1998.

(28) The Great Convergence: Asia, the West, and the Logic of One World, PublicAffairs, 2013.

(29) The Mind Of The Strategist: The Art of Japanese Business, MacGraw Hill, 1982.

(30) Triad Power. The Coming Shape of Global Competition, McKinsey&Company, 1985.

(31) The Borderless World. Power and Strategy in the Interlinked Economy, McKinsey&Company, 1991;  The End of the Nation State. The Rise of Regional Economies, Free Press Paperbacks, 1995; The Next Global Stage. Challenges and Opportunities in Our Borderless World, Wharton School Publishing, 2005.