Imaxe: Creative Commons Kremlin.ru Imaxe: Creative Commons Kremlin.ru

A posición da India no conflito Rusia-Ucraína

A guerra entre Rusia e Ucraína continúa sen solución á vista. Con esta guerra, o papel das institucións internacionais e as principais potencias está tamén no punto de mira. Agárdase que a India, como unha potencia importante no sur de Asia e unha potencia emerxente no mundo, tome unha posición decisiva neste conflito.
Apartados xeográficos Ásia
Palabras chave India Galicia internacional
Idiomas Galego

A guerra entre Rusia e Ucraína continúa sen solución á vista. Con esta guerra, o papel das institucións internacionais e as principais potencias está tamén no punto de mira. Agárdase que a India, como unha potencia importante no sur de Asia e unha potencia emerxente no mundo, tome unha posición decisiva neste conflito.

Desde o comezo da guerra o 24 de febreiro, a India abstívose de votar as resolucións contra Rusia en varios foros internacionais. Até o de agora, India abstívose de votar en tres importantes foros: o Consello de Seguridade das Nacións Unidaso Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas e o Organismo Internacional de Enerxía Atómica.

A India, con todo, instou a ambos os países a atopar unha solución a través do diálogo e os medios diplomáticos. A posición da India de absterse en todas as reunións convocadas polas Nacións Unidas pode percibirse como un apoio a Rusia. Con todo, a India adoptou na realiade un enfoque equilibrado para esta crise. Hai varios factores que definen a posición da India.

Seguridade dos indios en Ucraína

Hai ao redor de 20.000 indios en Ucraína. A maioría destes son estudantes. Cando comezou a guerra, a seguridade dos indios era a prioridade do goberno. No momento en que varios países, incluído EE. UU, negaban a evacuación dos seus cidadáns, a India comezara xa unha operación de evacuación dos seus cidadáns en Ucraína. Esta operación chamouse e chámase ‘Operación Ganga’. A operación leva o nome do sacro río indio Ganga. India está a levar a cabo esta operación de evacuación a través de catro países veciños de Ucraína. Os indios en Ucraína están a cruzar a Polonia, Hungría, Rumania e Eslovaquia, desde onde son transportados por vía aérea á India. Ademais, a India tamén enviou axuda humanitaria a Ucraína para mitigar os sufrimentos dos cidadáns ucraínos atrapados na guerra e tamén para os desprazados e refuxiados. O primeiro ministro indio Narendra Modi estivo en contacto co presidente ucraíno Volodimir Zelenski e o presidente ruso Vladimir Putin, principalmente para buscar unha evacuación segura dos indios.

Continuando co enfoque equilibrado na política exterior da India

A política exterior da India caracterízase por manterse á marxe da competencia polo poder e a participación nos bloques militares globais. Este principio foi a base da política de non aliñación que a India adoptou trala independencia en 1947 para non involucrarse con ningún dos dous bloques liderados por Estados Unidos e a URSS durante a Guerra Fría. Con todo, a India mantivo estreitas relacións coa URSS naquela época. De feito, a URSS (e máis tarde a súa sucesora Rusia) apoiara a India durante a guerra de 1971 contra Paquistán e tamén apoiou a posición de India sobre Jammu e Caxemira en foros internacionais.

O final da Guerra Fría coincidiu coa liberalización da economía de India en 1991 e nas tres últimas décadas, a India desenvolveu estreitas relacións cos países occidentais. A India tamén desenvolveu estreitas relacións con Israel. Como resultado, a India diversificou considerablemente os seus compromisos no estranxeiro nos últimos 30 anos. Con todo, as relacións da India con Rusia continuaron sendo fortes. A razón foi que a India depende en gran medida das importacións de defensa. Aínda que Estados Unidos, Francia e Israel convertéronse en importantes socios estratéxicos de India, Rusia aínda fornece máis do 60 % do equipo de defensa total que importa India. Mais cos países occidentais, a India tamén goza de estreitas relacións comerciais, o único factor ausente nas relacións entre India e Rusia. Aínda que Estados Unidos foi o maior socio comercial da India no 2021, Rusia nin sequera se encontra entre os 10 principais socios comerciais de India.

Dado que os intereses económicos e estratéxicos da India están nos dous lados do conflito, a India non prestou o seu apoio a ninguha das partes.

Preocupacións xeopolíticas actuais

Rusia segue sendo o principal provedor de defensa da India, o que é un factor importante tendo en conta a situación volátil entre a vecindade da India. Coas continuas ameazas á seguridade por parte da China e Paquistán, India non pode permitirse ofender a Rusia. Así as cousas até o de agora, a India logrou non ceder ante a presión de Estados Unidos sobre a adquisición do sistema de defensa antimísiles S-400 de Rusia.

A posición da India sobre o conflito mantén unha opción aberta para Rusia. Coa imposición de sancións por parte dos países occidentais, a proximidade entre Rusia e China podería aumentar. Tal situación podería representar un desafío para India dadas as tensións con China. Rusia e China non son socios naturais. A oposición aos países occidentais é o único factor común para a cooperación entre os dous. É importante que os países occidentais entendan a posición da India e a tomen en consideración como modelo para recoñecer que o desafío que expón China é maior que o da Rusia.

Aínda que a India favorece a solución deeste conflito a través do diálogo, en última instancia, nas relacións internacionais, a protección do interese nacional é unha prioridade. Desta maneira, a India está a manobrar a través dste conflito tratando de protexer as súas apostas coas diferentes partes.