A propósito do Prestige: globalización e medio ambiente

Imos vendo cada vez con mais claridade que hai un sistema ecolóxico que compre respeitar e protexer. Ese sistema é universal, mundial e local ao mesmo tempo, pero é importante ter en conta que o mundial é resultado do local e non ao contrario, que non hai unha entidade abstrata mais grande e poderosa que obrigue a que todo se axuste a ela e que tire importancia a todo o que sexa particular e mais pequeno. O mundo físico na sua totalidade, "mundializado", só pode funcionar ben cando se respeita e alenta a diversidade biolóxica de todo o que o forma. Non é cuestión de achairar as diferencias nen de unificalo todo para responder a un ideal mundial, senon de alentar esas diferencias para ter un mundo no que se poda estar. A globalización fíxonos entender, na esfera biolóxica, que utilizar o que hai no planeta sen ter en conta as consecuencias e sen decatarnos de que todo forma parte dun sistema non ten sentido, e que para conseguir un bon sistema mundial hai que deixar que cada especie viva coa liberdade e os cuidados que precisa para desenvolverse debidamente. Non facelo así, coidando que nada ten que ver con nada e sen aceptar que todo está relacionado, ten as consecuencias catástroficas que estamos comezando a descubrir ou adeviñar. E levounos tanto tempo acordar a un feito que tan evidente tería sido e que tan claro viron algunhas civilizacións "salvaxes", polo menos no seu propio medio ambiente, porque o sistema autoritario que predominou no mundo e no que estamos inmersos dende hai tanto tempo quer sempre esmagar a diferencia e encaixalo todo, incluidas as personas, nun molde que sirva para programar e manipular. O sistema autoritario funciona impondo verdades que se cren absolutas e ideais dun modelo único, perfeito e indiscutíbel. E esa imposición de verdades absolutas e modelos perfeitos e indicutíbeis é o que se está aplicando agora á globalización como antes se aplicou a outros fenómenos.

A globalización económica e política ten lados bons e maus, como case todo, e o que habería que facer é conducila o mellor posíbel tendo en conta que a verdade absoluta non pode existir neste mundo e que se existise non podería haber creatividade de nengún xeito. Nunca se pensou que porque un gran artista faga unha obra magnífica xa non pode haber mais e aí remata todo; e non se pensou porque nas artes rexe o principio da creatividade, no que a perfeición total non é desexábel e o erro vira fonte de creación. Nas outras esferas rexe o autoritarismo, con regras que se din indiscutíbeis e feitos que se apresentan como inevitábeis para imposibilitar a creatividade.

A globalización é un feito, pero arredor dese feito hai moi pouco que sexa inevitábel e nada que sexa verdade absoluta. O que habería que facer é analizar o fenómeno e ir decidindo en cada momento o que convén evitar e o que convén aceptar. Non pensar nunca que non vai haber mais nada, que esta é a única "solución" e que aquí para a historia. Case seguro, por exemplo, que as posibilidades que oferece a comunicación instántanea compensan e supoñen un verdadeiro adianto, como tamén é un adianto a conciencia de formar parte dun mundo internacional. A globalización do mercado, en troques, ten aspectos moi discutíbeis e nada inevitábeis de seu. A "inevitabilidade" foi imposta polos que decretaron "verdades absolutas", como a do libre mercado, que en nome da liberdade escravizou e empobreceu a tantos, ainda que enriqueceu a algúns. O libre mercado nunca foi libre de todo nos países poderososos, onde sempre houbo unha forte negociación do intercambio comercial e sempre se decidiu canto se ía protexer e canto se ía liberar, como é natural. O malo foi cando o libre mercado virou "verdade absoluta" e dogma que se impuxo nos mais febles para deixalos sen o pouco que tiñan.

Estamos descobrindo a realidade dun sistema que xa estaba aí pero que non víamos. O que pasa é que, unha vez descoberto, non hai volta atrás. Teremos que viver sabendo que formamos parte dun mundo no que todo está entretecido e no que, mesmo por iso, hai que respeitar cada cousa, cada especie e cada persona, por cativa e insignificante que pareza, porque sen o respeito á particularidade queda sen vida o conxunto. É un fenómeno que hai que rexer dunha maneira mundializada, mundializando os intereses e o benestar de todos os habitantes do planeta. Non hai nengunha verdade absoluta que diga cómo se ten que facer, nen hai nengún molde de mundialización ideal ao que haxa que axustarse. A mundialización é o contrario da uniformidade e do esmagamento das diferencias. No que consiste xustamente é en entender que ten que haber a particularidade e a diferencia para que haxa creatividade e que en vez de esmagalas hai que protexelas e estimulalas, porque, se non, en vez de ter unha mundialización sen autoritarismo que nos faga entender mellor cómo habería que viver, teremos un mundo destragado e contaminado, que non valerá para nada.

Non pode haber ecoloxía física sen respeitar a diversidade biolóxica, e ese mesmo principio pode aplicarse a outras esferas. Para conseguir unha mundialización mais xusta e creativa habería que alentar unha ecoloxía cultural, política, económica e social. Hai un sistema mundial formado por moitos sistemas diversos e moitas personas moi distintas, e a perda de calquera particularidade afecta primeiro ao sistema inmediato e logo ao sistema mundial, facendo que funcionen mal e que destraguen a ecoloxía humana e mundial.