O plan nacional de aplicación ten como obxectivo establecer tarefas específicas e ámbitos prioritarios. Para isto consideraranse aspectos como a economía, a sociedade e o medio ambiente e terase en conta a situación, o estado actual e as necesidades de desenvolvemento do país. Entre os ámbitos que se consideran prioritarios inclúense a orientación, os principios e a ruta de traballo xerais, os logros e experiencias actuais do desenvolvemento nacional e as oportunidades e desafíos que presenta o propio plan. Desta forma, proporciónase unha guía clara e unha base estratéxica para lograr a totalidade dos ODS e que, alén disto, funciona como un modelo eficaz para outros países, especialmente aqueles en vías de desenvolvemento.
Paralelamente, o plan de construción de zonas para demostrar a innovación no proceso de implementación da Axenda 2030 ten como obxectivo promover a integración tecnolóxica e o desenvolvemento social. Ademais, preténdese abordar os problemas fundamentais que obstaculizan o desenvolvemento sostible en China mediante a incorporación de recursos innovadores, o fortalecemento da transformación dos logros tecnolóxicos, a exploración e a mellora dos mecanismos institucionais. Para tal fin, proporcionará solucións integrais e fomentará o desenvolvemento coordinado da construción económica e as iniciativas sociais. Foi a partir disto que xurdiu un conxunto de modelos prácticos de desenvolvemento sostible replicables e ampliables.
O plan nacional de aplicación e o plan de construción de zonas para demostrar a innovación compleméntanse mutuamente e forman o marco xeral e o itinerario de China para implantar os ODS, o cal non só reflicte a elevada prioridade este país lles outorga a estes obxectivos, senón tamén o seu serio compromiso coa comunidade internacional. Ademais, a súa contribución ao sistema internacional de goberno global vén demostrada ao proporcionar solucións sólidas e sabedoría chinesa para o desenvolvemento global e ao garantir de maneira efectiva a construción do sistema de discurso internacional.
Como un membro responsable, China proporciona produtos públicos beneficiosos tanto para ela como para a comunidade mundial, colabora na construción da Iniciativa do Cinto e a Ruta, impulsa a formación dunha comunidade cun futuro compartido para a humanidade e participa activamente na reforma e na construción do sistema de goberno global. Con todo, a sabedoría e as propostas chinesas non foron verdadeiramente comprendidas por certos países; pola contra, foron percibidas como unha ameaza e un desafío.
Na actualidade, e coa aceleración do cambio global sen precedentes nun século, os cambios no mundo, na era e na historia son cada vez máis evidentes e a inestabilidade e a incerteza, máis prominentes. Redistribúese constantemente o contraste do poder entre os países emerxentes e os establecidos e a loita polo camiño do réxime e da orde internacionais continúa. A interpretación da traxectoria, da teoría, do réxime e da cultura chinesa lévanse a cabo a miúdo dentro do marco da teoría discursiva occidental, o que conduce a que os oíntes caian nas súas trampas e se deixen guiar polo olfacto.
China avoga activamente pola construción dunha nova relación internacional baseada no respecto mutuo, na equidade, na xustiza e na cooperación beneficiosa a medida que se achega ao centro do escenario mundial. Forma parte da lista de países e pobos que buscan a paz mediante a promoción de concordia, desenvolvemento, equidade, xustiza, democracia e liberdade para toda a humanidade, valores comúns que reflicten os intereses, as preocupacións e as expectativas que se comparten en todo o mundo. Xunto con todas as forzas progresistas do mundo, China fomenta estes valores impulsando a construción dunha comunidade cun futuro compartido e contribuíndo á formación dun mundo de paz duradeira, de seguridade universal, de prosperidade común, de apertura inclusiva e de beleza sostible.
Estes incansables esforzos na práctica de goberno global establecen unha base sólida para construír o sistema de discurso internacional. Cómpre considerar a realidade do desenvolvemento chinés e contar a historia da súa traxectoria, da súa teoría, do seu réxime e da súa cultura desde a perspectiva deste colaborador país para, desta forma, construír un futuro máis próspero, xusto, inclusivo e sostible.
Por esta razón, a presentación do plan nacional de aplicación e do plan de construción de zonas para demostrar a innovación adquire un significado importante e unha función orientadora na construción da plataforma de discurso. En primeiro lugar, China demostra a súa capacidade de liderado e a súa responsabilidade no ámbito global do desenvolvemento sostible. A súa participación a prol dos ODS transmítelle á comunidade internacional a súa determinación e os seus esforzos neste ámbito, o cal contribúe eficazmente a outorgarlle a reputación de nación responsable e a gañarse o recoñecemento e o respecto xeneralizados da comunidade internacional.
Por outra banda, mediante a implantación de medidas concretas na Axenda 2030, China non só fortalece a colaboración e o intercambio con outros países e organizacións internacionais, senón que tamén comparte e aprende de valiosas experiencias e mellores prácticas internacionais. Os plans anteriores son unha mostra de que apoia firmemente a innovación e a transformación en tecnoloxías verdes, estimulan as empresas e as rexións para impulsar o desenvolvemento sostible de industrias relevantes, optimizan continuamente a estrutura industrial e melloran a estabilidade do ecosistema. No nivel internacional, isto define o seu camiño para o desenvolvemento moderno, caracterizado por unha prioridade ecolóxica e unha orientación cara a unha economía verde e baixa en carbono.
Por último, os plans para a Axenda 2030 proporciónanlle a China a oportunidade de establecer a plataforma de diálogo para a cooperación internacional que está disposta a construír e mais uns mecanismos de diálogo multilaterais. Mediante a construción de zonas para demostrar a innovación e a promoción dos logros relacionados cos ODS, China fortalece a colaboración con outros países e outras organizacións internacionais. Con eles, desempeña un papel fundamental no impulso do proceso global do desenvolvemento sostible abordando os desafíos e as solucións que este presenta e mellorando con eficacia a capacidade do país para fixar temas no discurso internacional.
A presentación e a implantación dos plans chineses para a Axenda 2030 non se tratan soamente de iniciativas autónomas no campo do desenvolvemento sostible, senón tamén dunha plataforma que cimenta o discurso, tanto para compartir a súa sabedoría e a súa experiencia coa comunidade internacional como para narrar a historia do seu desenvolvemento sostible.
Texto orixinal na publicación extraordinaria do IGADI -La Agenda 2030 y el diálogo China-Iberoamérica.