Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 2 de abril do 2024
Fotovoltaica

A revolución fotovoltaica en Galicia virá de Europa

Segundo informa o Parlamento Europeo, tres cuartas partes das emisións de gases de efecto invernadoiro da UE débense ao sector da enerxía, que envolve á produción de electricidade, de calor, e ao seu transporte. Por este motivo, e para acadar o obxectivo de neutralidade climática da UE para 2050, acelerar a implantación das enerxías renovables é un factor clave para reducir as emisións do sector eléctrico e avanzar na estratexia “verde” europea. Ademais, a escalada da guerra na Ucraína acelerou a necesidade de desconexión europea das enerxías fósiles, tanto pola “recomendación” da OTAN de non contratar co veciño ruso como polo encarecemento  enerxético froito das compras de gas natural licuado estadounidense.  
Liñas de investigación Economia União Europeia
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Neste contexto, e para apoiar aos fogares vulnerables e ás pequenas empresas durante a transición enerxética, a UE estableceu un Fondo Social do Clima, cunha dotación estimada de 86.700 millóns de euros. O fondo financiará a transición cara as enerxías renovables e incluirá medidas para reducir os impostos e taxas enerxéticas, alén de incentivos para renovar os edificios, para compartir coche e desenvolver un mercado de segunda man para os vehículos eléctricos. A creación deste fondo forma parte do paquete lexislativo “Obxectivo 55”, que pretende acadar os obxectivos do Pacto Verde Europeo, entre os que destaca a redución das emisións nun 55% para 2030.

O sector da enerxía fotovoltaica en Galicia

Entre as fontes de enerxía renovable en Galicia, sectores como a produción eólica en terra contan con importante implantación, mentres outros como a xeración a partir de biomasa, a enerxética mariña, ou a fotovoltaica teñen unha presenza aínda menor. 

A finais do exercicio pasado Galicia tiña en marcha arredor de 1.600 instalacións fotovoltaicas, das que máis de 400 pertencían a explotacións de autoconsumo que subministran a empresas ou vivendas, pero non á rede. De acordo co operador Red Eléctrica Española, o ano pasado xeráronse un total 22 GW/h de enerxía fotovoltaica na rede galega, o que sitúa á autonomía na antepenúltima posición de toda España, só por detrás de Asturias e Cantabria.

Gráfico 1: Enerxía solar fotovoltaica xerada en España en 2023, por autonomía (GW/h)

image 53
Fonte: Elaboración propia a partir de REE Statistics, 2024

Galicia consume aproximadamente o 7% da enerxía xerada no Estado, contando aínda cunha forte dependencia dos combustibles fósiles (petróleo, carbón y gas natural). Isto sitúa á Comunidade e ao sector fotovoltaico nun momento crucial no que a eficiencia enerxética é cada vez máis relevante desde o punto de vista social e económico. Pero o sector fotovoltaico atópase en lento crecemento en Galicia (de 10 GW en 2010, a 18 GW en 2018, a máis de 22 de 2023). Os paneis solares instalados en Galicia apenas representan aínda o 0,1% da potencia estatal (uns 28.000 GW), a pesar de que máis do 70% dos 1,3 millóns de tellados existentes serían aptos para a instalación deste sistema. Non obstante, a industria galega parece estar comprendendo a importancia de potenciar la eficiencia enerxética en clave verde, e un reflexo disto sería o incipiente interese empresarial na transformación das súas plantas de produción.

O punto de inflexión normativo

Se ben o clima foi un factor fundamental que freou a produción fotovoltaica en Galicia, a mudanza climática e a normativa abren novos escenarios. O Parlamento Europeo vén de aprobar recentemente o Estándar Solar da UE dentro da Directiva Europea de Rendemento dos Edificios, grazas a un preacordo de decembro de 2023. O obxectivo da Norma Solar da UE pasaría por facilitar a transición enerxética nos espazos habitables e de traballo, esixindo a partir do ano 2026 a instalación de cubertas solares nunha proporción significativa do parque inmobiliario europeo. Na práctica a nova lei, que entrará en vigor de maneira gradual nese ano, requirirá instalacións solares integradas nas obras de construción, e organismos públicos (con carácter retroactivo) en toda a UE. En concreto, a instalacións de placas fotovoltaicas será un imperativo para os novos edificios públicos e comerciais antes de 2026, nos edificios comerciais e públicos sometidos a renovacións importantes para 2027, nos novos edificios de vivenda para 2029, e nos edificios públicos existentes para 2030. Estase preparando unha nova “revolución   verde” con eixo no sector fotovoltaico. Existe tecido capaz de absorber esta misión, ou ficará en mans das multinacionais?