Campo de persoas refuxiadas Rohingya, Teknaf, Bangladesh. Autor: Masum-al-Hasan Rocky, Fonte: Wikimedia

A traxedia rohingya

A traxedia rohingya é unha ferida aberta no mapa moral do sueste asiático. Dende 2017, a ofensiva militar de Myanmar na rexión de Rakhine, no Goldo de Bengala, forzou o éxodo de máis de 700.000 persoas cara a Bangladés. Expulsados do seu territorio ancestral, os rohingyas exemplifican unha forma de exclusión institucional que pon en evidencia as fendas do dereito internacional contemporáneo.
Apartados xeográficos Ásia

Myanmar, antiga Birmania baixo o dominio colonial británico, opera na rexión negando o recoñecemento legal como cidadáns á poboación desta minoría musulmá e acentúa a vulnerabilidade e a dimensión internacional da problemática deste pobo estructurando un patrón histórico de marxinación estruturada. A condición do pobo rohingya, atrapada entre o apatridismo estrutural e o exilio forzado, revela como ás violencias indiscriminadas do poder soberano non encaixan nos marcos clásicos da protección xurídica.

A persecución do pobo rohingya quedan fóra das categorías clásicas da Convención de Xenebra de 1951 —raza, relixión, nacionalidade, grupo social ou opinión política–-, deseñadas para contextos europeos de posguerra. A negación da súa condición legal impide o recoñecemento como refuxiados, mentres a ambigüidade arredor do concepto de “grupo social” e a ausencia dunha vontade política internacional bloquean calquera protección real. A resposta global, ancorada nun modelo de asilo individualizado, resulta inoperante fronte aos patróns de limpeza étnica planificada dende o réxime birmano controlado polo Tatmadaw, o exército de Myanmar, tras o golpe de Estado de 2021.

Así, a vulnerabilidade non implica recoñecemento, e o xenocidio, aínda documentado por organismos internacionais, convértese en retórica sen consecuencias legais nin políticas. A legalidade internacional fracasa non por ausencia de datos, senón por inacción sistemática e cálculo xeopolítico.

A rexión de Cox’s Bazar, no suroeste de Bangladés, acolle o maior campo de refuxiados do mundo. A falta de recoñecemento legal, a precariedade en infraestruturas e a economía informal manteñen á poboación rohingya nun limbo de sobrevivencia e dependencia humanitaria. Mentres, os intentos de repatriación negociados entre Dhaka e Naypyidaw non avanzan, atrapados en recíprocas acusacións e promesas baleiras.

A resposta rexional non ofrece mellores sinais. A Asociación de Nacións do Sueste Asiático, (ASEAN) mantén unha postura ambigua e evita criticar abertamente a Myanmar por intereses económicos. Pola súa banda, China aproveita esta indefinición para ampliar a súa influencia a través do corredor económico China-Bangladés-Myanmar, ofrecendo investimentos a cambio de influencia política no proceso de repatriación. India, mentres tanto, teme un desbordamento migratorio e potencia o control fronteirizo e a cooperación bilateral, apostando pola contención antes que pola solución.

Neste contexto de parálise diplomática, son as organizacións humanitarias —ACNUR, Médicos Sen Fronteiras, BRAC— quenes manteñen viva a única resposta operativa: corredores de asistencia, presión internacional e apoio directo sobre o terreo.

O recoñecemento do xenocidio por parte dalgúns estados é un paso simbólico, mais insuficiente. Por iso, cómpre avanzar cara a unha resposta multilateral que combine presión diplomática, intervención coordinada e garantías reais para unha repatriación segura e voluntaria. Sen unha vontade política clara e sen reformas estruturais no sistema internacional de protección, a crise rohingya corre o risco de perpetuarse como unha cicatriz invisible na conciencia global.

Referencias

Robinson, J. A., Torvik, R., & Verdier, T. (2020). “Political Foundations of the Crisis:The Rohingya Genocide in Historical Perspective”, en Handbook of Genocide Studies.

Callahan,M.P.(2019). “RohingyaRefugees:AHumanSecurityDilemma”. Routledge.