WhatsApp Image 2025 03 27 at 11.29.10

A UE na escalada bélica (II) A alternativa á escalada militar: descentralización e cooperación

No debate sobre a seguridade europea, hai unha cuestión clave que se evita sistematicamente: a militarización é incompatible cun modelo democrático sostible. A centralización do poder militar non só transforma a relación entre o Estado (ou a UE) e a cidadanía, senón que tamén fomenta unha cultura de obediencia en detrimento da participación política.
Apartados xeográficos Europa

A UE xa enfronta un déficit democrático significativo, cunha estrutura institucional que moitas veces parece afastada das preocupacións reais da poboación. A imposición dunha política de seguridade baseada no poder militar só reforzará esta desconexión. A historia ensínanos que os estados altamente militarizados tenden a reforzar os seus aparellos de control social e a reducir os espazos de disidencia. Se a UE adopta esta vía, corre o risco de converterse nunha estrutura burocrática cada vez máis autoritaria.

O rexurdimento do nacionalismo e o fracaso do modelo militarista

Outro problema derivado desta política é que non fortalecerá a identidade europea, senón que reforzará o nacionalismo nos estados membros. A idea de que unha forza militar común pode consolidar o proxecto europeo ignora a realidade política da UE. Nun contexto no que moitos cidadáns aínda ven as institucións comunitarias como algo distante e tecnocrático, a imposición dun modelo de seguridade baseado na obediencia só servirá para alimentar os discursos nacionalistas clásicos nos vellos estados-nación.

En Francia, por exemplo, as enquisas amosan un crecemento do sentimento nacionalista e unha ampla aceptación da idea de reinstaurar o servizo militar. Isto non significa necesariamente un apoio á UE como actor militar, senón máis ben un renacer nacionalista e xacobino que dificilmente pode reforzar o proxecto europeo tal como o coñecemos. En lugar de reforzar a identidade europea, a militarización podería desembocar nunha reacción en contra, con cada estado-nación buscando recuperar o control sobre as súas propias forzas armadas.

Unha aposta por un modelo alternativo: descentralización e cooperación

Se a UE realmente quere manterse fiel aos seus principios fundacionais e a súa propia identidade, aquela que mantendose no tempo pode xerar adhesións entre os cidadáns das diferentes nacións do continente, debe buscar unha alternativa á escalada militar. Esta alternativa pasa pola descentralización do poder e a promoción dun modelo internacional baseado na cooperación en lugar da confrontación.

A clave está en rexeitar a lóxica das superpotencias militares e apostar por un modelo no que as entidades políticas máis pequenas teñan maior capacidade de autogoberno. Isto non significa unha renuncia á seguridade, senón unha redefinición dos seus principios. A UE debería centrarse en fortalecer a diplomacia, a mediación e a interdependencia económica como ferramentas para evitar conflitos.

A pregunta non debe ser “como reforzamos a capacidade militar da UE?”, senón “como reducimos a necesidade de exércitos?”. A historia demostra que as sociedades máis seguras non son as que máis gastan en defensa, senón as que conseguen construír sistemas políticos nos que a guerra se volve innecesaria, isto é, o ADN mesmo do proxecto europeo.

Europa ten unha oportunidade única para confirmar o seu papel e reivindicar o seu modelo no mundo. Se realmente quere evitar os erros do pasado, debe afastarse da lóxica da militarización e apostar por un modelo alternativo. Isto non só garantiría unha maior estabilidade interna, senón que tamén reforzaría o seu papel como actor global innovador.

O verdadeiro reto non é competir con Estados Unidos, Rusia ou China no terreo militar, senón demostrar que existe outro camiño. Un camiño baseado na cooperación, na descentralización do poder e na construción dun sistema internacional no que os conflitos se resolvan a través da diplomacia e non das armas. O futuro de Europa depende, en definitiva, da súa capacidade para evitar caer na trampa que as superpotencias lle están a tender, e reafirmarse como un proxecto político único e diferenciado.