A viaxe de Kostunica

O novo presidente iugoslavo tivo unha xornada dominical viaxeira. Primeiro visitou Saraievo, logo Trebinie, na República Sprska, e rematou o día en Pogdorica. O que comezou como unha viaxe de apoio á causa serbia en Bosnia rematou como un recoñecemento implícito da realidade actual de Bosnia- Hercegovina e unha petición de axuda ao goberno montenegrino.

Kostunica pretendía render homenaxe aos serbios de Bosnia, asistindo ao enterro definitivo do poeta morto no exilio en 1943, Jovan Ducic, na súa Trebinie natal. Cando se soubo das súas intencións de visitar a República Sprska, a reacción de Saraievo non se fixo esperar. Tanto musulmáns coma croatas consideraron a viaxe como un aldraxe e reaccionaron esixíndolle ao novo presidente unha consideración coa actual legalidade de Bosnia. Kostunica tardou en reaccionar, mesmo se lle acusou de non respectar os acordos de Dayton. As presións occidentais foron suficientes para mudar os planos viaxeiros. Kostunica pasou primeiro por Saraievo, cumpriu cos seus deberes diplomáticos e reafirmouse na vontade de respectar os acordos de 1995 que puxeron fin á guerra de Bosnia. O que non puído evitar foi que tanto croatas coma musulmáns continúen coa mosca detrás da orella.

Na mesma circunstancia atopase o goberno montenegrino, quen sigue negándose a participar na estructura presidencial da Federación e a adiar a discusión sobre o futuro da mesma para despois das eleccións do 23 de decembro. Occidente vai topar dificultades para reconducir a situación. Mentres nos meses anteriores animou as tentativas do goberno montenegrino de afastarse da Federación Iugoslava, agora vai pretender que este renuncie aos obxectivos de soberanía para participar nunha nova federación denominada Serbia e Montenegro, como propuxo Kostunica en Biarritz.

Ao tempo o Kosovo volve a situarse no primeiro plano da actualidade coa celebración dos comicios municipais o día 28. A Liga Democrática de Ibrahim Rugova presentase como a gran favorita na cita electoral. O líder independentista considerou que de obter un amplo respaldo nas municipais, reclamará que se celebren unhas “eleccións nacionais” que preparen o camiño cara a independencia no Kosovo. Montenegro e Kosovo son pois as dúas cuestións quentes a resolver para consolidar a nova federación que substitúa a Iugoslavia. Mesmo a UE esta disposta a desviar os 22.000 millóns de pesetas do acordo pesqueiro con Marrocos e outros fondos para investilos no Kosovo e suavizar as pretensións independentistas.

Onde van mellor as cousas para Kostunica é en Belgrado. Cando moitos analistas facían fincapé na debilidade da fragmentada coalición que o levou ao poder, resulta que onde as divisións se agravan é no Partido Socialista Serbio. Despois de que moitos dirixentes reclamasen a ruptura da alianza coa Esquerda Unida, outros ergueron as súas criticas despois da derrota electoral nas presidenciais. Milosevic, quen participou nas últimas reunións dos órganos directivos do PSS, cualificou aos dirixentes críticos de traidores e espías da coalición de Kostunica. O fraccionamento do PSS é unha posibilidade que favorecería á DOS cara as eleccións do día anterior a noiteboa. Aínda así a influencia dos partidarios de Milosevic segue a ser determinante na configuración do goberno encargado de preparar estes comicios. Os vindeiros meses serán cruciais para definir o futuro da Federación.