20031003russia meeting vladimir putin04

A visita de Putin

 Vladimir Putin, clic para aumentar
A política de estabilización macroeconómica aplicada por Putin nos últimos seis anos acentuou a reducción do gasto público e repercutiu de forma acusada no nivel de vida das capas sociais menos protexidas, sen xerar unha clase media apreciable. Nesta Rusia de Putin, soamente o 1% da poboación considera que o Estado dispón dunha política de apoio aos grupos máis desfavorecidos, mentres que un 53% considera que actúa en favor dos ricos e un 54%, dos "poderosos". (Foto: Vladimir Putin no World Economic Forum Russia Meeting, o 3 de outubro de 2003 en Moscova. ©World Economic Forum).
 

O presidente ruso chega esta semana a Madrid en visita de Estado, a primeira na historia das relacións bilaterais. Vladimir Putin, á cabeza dun réxime con enormes claroscuros, iniciou este seu segundo e, salvo sorpresas, derradeiro mandato cun balance "normalizador" importante: unha Duma domesticada despois das lexislativas de decembro de 2003; o seu principal opoñente, Mijail Khodorkovski, no cárcere; os medios de comunicación absolutamente controlados; e unha posición mellorada no escenario internacional. Máis inclinado á democradura que á democracia, Putin non conseguiu, sen embargo, pechar algunhas fisuras que alertan da fraxilidade da Rusia do século XXI.

A primeira, a recuperación duns niveis mínimos de dignidade social para a poboación. Todo o proceso de liberalización económica viuse acompañado dun retraemento do Estado da esfera social. O paso do paternalismo a unha práctica sen limitacións para a satisfacción dos intereses privados xerou unha profunda distorsión na redistribución dos recursos. A política de estabilización macroeconómica aplicada por Putin nos últimos seis anos acentuou a reducción do gasto público e repercutiu de forma acusada no nivel de vida das capas sociais menos protexidas, sen xerar unha clase media apreciable. Nesta Rusia de Putin, soamente o 1% da poboación considera que o Estado dispón dunha política de apoio aos grupos máis desfavorecidos, mentres que un 53% considera que actúa en favor dos ricos e un 54%, dos "poderosos". As desigualdades sociais constitúen a principal consecuencia negativa dunhas reformas que levaron ao empobrecemento a grupos importantes da sociedade rusa, en contraste co enriquecemento desorbitado das elites. A inxustiza é unha característica indiscutible da Rusia postsoviética.

A segunda fisura grave é Chechenia, un territorio devastado, cun balance de perdas humanas que oscila entre as 180.000 e as 300.000 víctimas, das que 34.000 serían nenos, e un islamismo radical e terrorista, constantemente aguilloado por unha política belicista e unha Europa totalmente inerte ante a violación reiterada dos dereitos humanos por parte do Kremlin. A política de ocupación rusa leva o sinal dun xenocidio, favorecido polo mutismo das institucións onusinas e os ecos da propaganda de Putin, moi eficaz na equiparación de nacionalismo de Grozni e terrorismo checheno. Pero, malabarismos interesados aparte, despois de dez anos de guerra e sufrimento, ningunha perspectiva de arranxo asoma no horizonte.