Acordo Chile-UE

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego

A Unión Europea ven de asinar un acordo de librecomercio con Chile, tras ano e medio de difíciles negociacións co país transandino, adiantándose sorprendentemente ao agardado tratado bilateral TLC (Tratado de Libre Comercio) cos EEUU.

América Latina vive unha múltiple carreira na que os países se lanzan a conseguir acordos comerciais bilaterais, agardando polo 2005, ano no que está previsto a posta en funcionamento da ALCA (Área de Libre Comercio das Américas) na que 800 millóns de americanos terán un área de libre comercio dende Alaska a Terra de Fogo.

O acordo ten previsto a súa posta de largo en sociedade para o día 17 de maio en Madrid, no transcurso da Cimeira de América Latina e o Caribe. Supón o despertar da diplomacia europea no continente que nos últimos anos miraba con moito máis interese cara o Leste de Europa que para alén do Atlántico.

Cando todo apuntaba a que Chile caería axiña na orbita comercial dos EEUU a través dun acordo comercial, repetidamente anunciado foi a UE quen logrou o prace chileno para as relacións comerciais.

A maioría dos estados Latinoamericanos mostráronse ilusionados coa chegada de Bush á presidencia do xigante mundial. Os republicanos parecían, a priori, máis partidarios do liberalismo, da apertura dos mercados, dos recortes ás políticas proteccionistas no interior e propensos a facilitar acordos con terceiros países.

Paradoxalmente, dende que Bush accedeu o poder teñen aumentado as presións para a apertura dos mercados no estranxeiro, mentres se incrementaban substancialmente os subsidios interiores a sectores en dificultades e se recargaban con gravosos aranceis as importacións como as do aceiro.

Percíbese un incremento na desconfianza cara ao veciño do norte. Episodios como a incrible dureza mostrada na crise Arxentina, o escándalo das estrañas manobras con documentos falsos para conseguir ao apoio de países latinoamericanos na condena a Cuba, os ataques desestabilizadores ao Mercosur, a demostrada implicación no golpe de estado a Hugo Chávez…etc, teñen sementado un clima de desconfianza crecente na política exterior de Bush.

No plano estrictamente comercial, os países que mantiñan expectativas de acordos de libre comercio cos EEUU, tropezan coas portas do proteccionismo norteamericano. No caso chileno foron os sectores da agroindustria californiana os que puxeron os vetos aos viños e laranxas chilenas.

Aguilloados polo límite do mes de abril que se autoimpuxeran, os negociadores chilenos e europeos deron por rematadas as negociacións cun acordo no que pesca e viños centraron as disputas do último momento.

A Unión Europea, finalmente renunciou a pretensión de faenar dentro das 200 millas chilenas, pero pola contra conseguiu que se liberalizase a Lei de Navegación para que as compañías europeas poidan controlar o 100% do capital das empresas locais, e non só o 49 % tal como posibilitaba ata agora a lei á participación estranxeira.

O tratado inclúe unha cláusula democrática na que as partes se comprometen na defensa dos valores democráticos, o respecto ao Estado de Dereito, a cooperar contra do terrorismo…

Tamén se contemplan 22 millóns de euros para apoiar a pequena e mediana empresa, 6 millóns para proxectos culturais e outros 6 para a modernización da administración…

Escamados co unilateralismo norteamericano que só se preocupa dunha liberdade ( a de mercado), América Latina olla agora con máis confianza cara á Europa, cara ao seu pouso histórico de convivencia e democracia, cara manter relacións de cooperación máis equitativas.

¿Cara a onde ollará Europa?