Dentro da obra do ilustrado escocés, tivo impacto a defensa do libre comercio como motor da mellora económica de todos e, por tanto, da conveniencia de non aplicar aranceis. O tema segue de actualidade, co Presidente da primeira potencia mundial teimando disparar aranceis contra os que non seguen as súas instrucións, un primeiro paso que pode vir seguido dun bloqueo comercial e mesmo dunha intervención militar. Parece que volvamos ao século MVIII de Smith, dominado por intereses coloniais das grandes potencias. Afortunadamente, os EEUU aínda teñen regras democráticas e vimos de ver que o seu Tribunal Supremo limita as capacidades de Trump para impoñer aranceis sen autorización do Congreso.
Desde este curruncho do planeta, os galegos somos exemplo de que as propostas defendidas, hai dous séculos e medio, no citado libro son eficaces. A Eurorexión da Galiza e o Norte de Portugal é o mellor exemplo europeo de éxito na cooperación territorial transfronteiriza. A progresiva eliminación das barreiras arancelarias, pola incorporación de ambos espazos ao mercado único, redundou nun maior crecemento económico do conxunto.
O caso de Galiza reflexa moi ben as consecuencias positivas que tivo a eliminación dunha moi artificial fronteira. Dende a entrada na UE, somos a comunidade autónoma que máis crece de España. Nestes 40 anos pasamos do posto 14 en renda per cápita ao 9, dentro das 17 CCAA. Empezamos a comportarnos como un norte avanzado porque recuperamos o noso sur a efectos do comercio e pasamos de país de emigrantes a país de inmigrantes. Formamos parte dunha fachada atlántica ibérica de 13 millóns de persoas, artellada sobre o eixo costeiro de cidades de Ferrol a Setúbal, que a UE fixo máis operativo, financiando a autoestrada que o une. Agora, estamos a agardar por un ferrocarril moderno, que debe chegar na vindeira década.
A coincidencia destes aniversarios tan relevantes xustifica unha reflexión seria para tomarmos conciencia das dinámicas xeradas. A Cátedra Juana de Vega do Departamento de Historia Contemporánea da USC, financiada pola Fundación Juana de Vega, programa unhas xornadas de acceso libre sobre esta confluencia de ideas e feitos. As dúas primeiras serán sobre o pensamento de Adam Smith e terán lugar, os días 5 e 6 de marzo, na sé da Facultade que acolle á cátedra. Participarán algúns dos mellores expertos españois da súa obra e da influencia que tivo. A terceira xornada, organizada polo profesor Diego Sande, Secretario e coordenador da Liña de análise de Economía do IGADI, será o 9 de marzo na Facultade de Económicas da USC. Analizaranse e debateranse os efectos que tivo na nosa Eurorexión a desaparición da fronteira. Contará coas aportacións de relevantes profesores de economía das universidades de ambos lados da raia.
As materias a tratar nas xornadas conectan coa liña inspiradora do IGADI, a proxección internacional da Nosa Terra, que poderá profundarse máis cando sexamos capaces de tirar todas as vantaxes da proximidade entre galego e portugués, reflexada no traballo do Observatorio Galego da Lusofonía que o propio IGADI puxo en marcha no 2008.

