Aínda nos queda Portugal

Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza ARQUIVO
Idiomas Galego

Nos últimos anos rexistrouse un importante avance nas relacións entre Galicia e Portugal, moi especialmente co Norte. Aínda que con retraso e por concluir, a mellora das comunicacións e doutras infraestructuras favorecen unha aproximación que sen dúbida situanos en condicións máis idóneas para pór fin a un desencontro histórico. Portugal e Galicia contan cun acervo cultural común ó que sería absurdo e suicida dar as costas. Todo un patrimonio que moitos quixeran para si mesmos e que constiúe unha das bases primeiras e esenciais sobre a que se debería vertebrar unha alianza que proxecte adecuadamente os intereses comúns.

Como resposta ás novas coordenadas,  múltiples plataformas institucionais, corporativas e asociativas  configuraronse nos ultimos tempos para encauzar e encher de contido esta dinámica, quizais en exceso condicionada polo devir europeo, pola necesidade sen mais de procurar achegas de fundos comunitarios. Dende o Eixo Atlántico ata a Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal, moitas das confluencias responden a ese fin último que sen embargo semella ter no fundamental os días contados a medida que se materialice a ampliación da Unión Europea ó Leste e novas dinámicas se instalen nas relacións intracomunitarias.

Esta circunstancia, indeseada, conflictiva pero cada vez máis próxima, e asi mesmo a visualización dese horizonte rexionalizador que, pese ás dúbidas e dificultades, parece cada día máis viable en Portugal, representan razóns dabondo para facer un ponto e aparte nas relacións de Galicia co país veciño e irmán, e para imaxinar un novo xeito de relacionamento. En definitiva, outras coordenadas, outro impulso.

Unha serie de eivas caracterizaron ata hoxe o enfoque e a orientación das nosas relacións con Portugal. A destacar, en primeiro lugar, unha visión reduccionista, demasiado constreñida á rexión do Norte, favorecida tanto pola incomprensión portuguesa do “problema galego” coma polo tradicional timoratismo da acción exterior da Xunta de Galicia. En segundo lugar, a escasa importancia atribuida  ós factores non estrictamente económicos ou comerciais, a mínima atención prestada o diálogo intercultural, ó fomento do mutuo coñecemento, á precaria observación de aspectos, complementarios en relación a países terceiros, pero neurálxicos en relación a Portugal en razón dese tronco común que compartimos. Por último, mesmo na orientación estrictamente económica e empresarial, a multiplicidade de programas sen a debida coordinación, tanto promovidos por institucións e organismos públicos coma privados, debilitando a consecución dunha eficacia tan desexada como necesaria. Resumindo, non existe unha globalización adecuada das iniciativas orientadas a Portugal, misión esta que debe contemplarse inexcusablemente dende a Administración para estar en condicións de definir prospectivamente aquelas áreas e sectores que deben ser obxecto de atención privilexiada.

Cómpre reivindicar a coordinación pero sobre todo, máis planificación. E para planificar, esto é, seleccionar obxectivos, programas, medios e horizontes temporais é indispensable dotarnos de infraestructuras de observación e análise permanente e sistemática, de xeito que os nosos pasos sexan consecuencia dunha reflexión propia e non da improvisación ou do mimetismo.

Portugal representa un capitulo importantísimo da acción exterior galega. Como dixera Villar Ponte en 1918, na Asemblea Nacionalista de Lugo, a irmandade de galegos e portugueses debe concretarse en múltiples vieiros: económicos, políticos, xurídicos, educativos, lingüísticos. O noso porvir de galegos segue a estar intimamente ligado a Portugal (Bartolomé Calderón). Para materializar esa opción e dar o salto cualitativo necesario, Galicia debería, primeiro, mirar a Portugal máis alá do Norte, contemplando a Lusitania de Camoes como conxunto; en segundo lugar, tomar en serio a conveniencia de establecer alianzas estratéxicas que sirvan ós intereses mutuos en materias clave do futuro da nosa economía e da nosa presencia en determinados mercados (pensemos por exemplo na importancia do Brasil na aproximación ó Mercosur, ou o papel de Macao, máis que de Hong Kong, como porta de entrada en China); e por último, tomar en consideración dunha vez por todas e consecuentemente o factor cultural. Será difícil de acometer este cambio, moi necesario, por parte da actual Xunta de Galicia, non tanto polo algo máis que anecdótico ritual do Presidente Fraga expresandose habitual e incomprensiblemente en castelán nas súas visitas ó alén Miño, como porque simplemente carecen desa percepción da identidade propia de Galicia.

Unha orientación como a que nestas breves liñas se propón esixiría adicionalmente dúas cuestións. En primeiro lugar, a aposta a fondo polo establecemento dun diálogo político ó mais alto nivel susceptible de inaugurar esa nova etapa das relacións mutuas. En segundo lugar, a habilitación de mecanismos que nos permitan conseguir esa maior impregnación das nosas sociedades, unha máis intensa comprensión social da transcendencia dun diálogo que debe ocupar unha posición sobranceira da nosa actividade diplomática. O nacionalismo galego, que acertada e friamente recupera o diálogo cos nacionalismos vascos e catalán, non debería ignorar o diálogo político con Portugal. Quizais este ano que agora comeza, en que Lisboa atraerá boa parte da atención do mundo, constitúa unha oportunidade excelente para propiciar ese xiro intensivo e innovador que reclaman as relacións entre Galicia e Portugal.

Editorial da revista Tempos Novos do mes de xaneiro de 1998