Dez anos despois da creación do Mercado Común do Sur (MERCOSUR), o bloque comercial que inclúe a Arxentina, Brasil, Paraguai e Urugaui, todo parece indicar que o seu aniversario non é precisamente un dos mellores momentos polos que atravesa o bloque. A comprometida situación interna en Arxentina, o alonxamento de Chile respecto do proxecto integracionista, a incapacidade brasileira para asumir definitivamente o seu liderato e a sombra estadounidense baixo as roupaxes da Área de Libre Comercio das Américas (ALCA) son factores que impediron celebrar este cumpreanos por todo o alto, precisamente cando un novo país, Venezuela, chama ás portas deste selecto clube latinoamericano.
A incapacidade do goberno De la Rúa por facer fronte a crise que padece Arxentina dende hai xa máis dun ano provocou, tralo fugaz paso do ultraliberal López Murphy, a chegada de Domingo Cavallo ó Ministerio de Economía. O que fora superministro de Economía de Carlos Ménem e creador do esquema de convertibilidade que fixou o peso ó dólar, ven de adoptar unha serie de medidas que, á marxe da súa virtualidade económica, supoñen un duro golpe contra o proxecto de unión aduaneira do MERCOSUR. En efecto, Arxentina modificou unilateralmente o arancel externo común, subindo as tarifas arancelarias dos bens de consumo do 13,5% ó 35% e eliminando completamente as relativas ós bens de capital (antes no 14%), o que significou virtualmente a desaparición da imperfecta unión aduaneira do MERCOSUR.
Se ben a adopción destas medidas ten un carácter temporal e resposta á gravidade da situación arxentina, non é un segredo que, pese as manifestacións públicas de apoio ó MERCOSUR, a idea que o Ministro de Economía arxentino parece ter deste proxecto achégase máis a unha mera zona de libre comercio que a unha verdadeira unión aduaneira que poda desembocar nun mercado común. Este plantexamento persoal -xunto coa natural antipatía que lle provoca a proxección de Brasil como potencia rexional- coincide coa favorable actitude coa que Cavallo acolleu a proposta estadounidense de acelera-la creación do ALCA.
Precisamente, unha das máis importantes diferencias que separan a Brasil e Arxentina é a súa diferente posición fronte o ALCA. Brasil aspiraba a participar nas negociacións hemisféricas liderando unha posición común do bloque rexional pero o desmarque de Chile país asociado ó MERCOSUR que en novembro do ano pasado deixou en suspenso a súa decisión de integrase plenamente no bloque comercial e anunciou o inicio de conversas bilaterais cos Estados Unidos e o reposicionamento arxentino ante a súa situación de crise (a necesidade dunha nova liña de crédito pode xustificar un maior achegamento da sempre proclive Arxentina ás teses estadounidenses) impediu de todo punto a defensa dunha posición común coherente, limitándose a deixar entrever só formalmente unha fronte común.
A III Cumbre das Américas celebrada na canadiana cidade de Quebec os pasados 20 e 21 de abril refrendou as decisións tomadas a nivel de viceministros de asuntos exteriores unha semán antes. A proposta estadounidense de adianta-lo fin das negociacións ó ano 2003, en vez do 2005, non saiu adiante a pesar de contar co respaldo de Canadá, Chile e o propio Cavallo. Neste sentido, a resistencia de Brasil foi decisiva. Como país que desexa erixirse en potencia rexional e falar en condicións de igualdade co veciño do norte, Brasil necesita tempo, tempo para consolida-la súa economía e tempo para revitalizar-lo proxecto MERCOSUR.
¿Seguerá o MERCOSUR o mesmo esmorecido camiño doutros intentos de integración rexional?. A realidade é que os países membros do MERCOSUR cada día están máis integrados económicamente, as súas economías son máis atractivas para o capital estranxeiro, sen esquecer que o MERCOSUR ten actuado como garante da estabilidade democrática da rexión. O que realmente se discute é o sentido do proxecto MERCOSUR: se ten que se limitar a unha área de libre comercio, como parece defende-lo poderoso Ministro de Economía arxentino, antes da súa absorción polo ALCA, ou superar ó ámbito comercial ata chegar a se constituir nunha entidade política e estratéxica, como propugna Brasil. Pode que o MERCOSUR redefina o seu significado pero, dende logo, a medio prazo non desaparecerá.