A rexión andina volve a confrontarse cos seus conflitos e dilemas. Compre así observar as actuais crises políticas in crescendo en Ecuador e Perú, o retorno da loita armada en Colombia por parte dunha facción das FARC, a interminable traxedia humanitaria venezolana, cunha indefinición política con repercusións na contorna rexional. Estas crises anteceden a dous procesos electorais presidenciais (Bolivia, 20 de outubro; Arxentina, 27 de outubro) cruciais para definir se estamos ante un novo (re) equilibro político rexional. Gravitando en torno á situación venezolana, este contexto pode anunciar outra recomposición de forzas políticas na contorna suramericana.
A rexión andina volve a confrontarse cos seus conflitos e dilemas. Compre así observar as actuais crises políticas in crescendo en Ecuador e Perú, o retorno da loita armada en Colombia por parte dunha facción das FARC, a interminable traxedia humanitaria venezolana, cunha indefinición política con repercusións na contorna rexional. Estas crises anteceden a dous procesos electorais presidenciais (Bolivia, 20 de outubro; Arxentina, 27 de outubro) cruciais para definir se estamos ante un novo (re) equilibro político rexional. Gravitando en torno á situación venezolana, este contexto pode anunciar outra recomposición de forzas políticas na contorna suramericana.
Cun estado de excepción decretado a semana pasada tralas protestas polo “paquetazo” macroeconómico do presidente Lenin Moreno, Ecuador retorna a épocas que semellaban superadas. A súbita saída de Moreno da capital Quito, establecendo o seu “cuartel gobernamental” en Guayaquil, evidencia a gravidade da crise social toda vez a poderosa Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (CONAIE), apoiado por outras forzas políticas simpatizantes do ex presidente Rafael Correa, convocou unha “gran mobilización” nacional este 9 de outubro cara Quito, que rexistrou fortes choques entre manifestantes indixenistas e forzas policiais no pazo presidencial.
Impredicible tomando en conta as experiencias pasadas, a crise ecuatoriana tense definido como un pulso político entre dous ex aliados, Rafael Correa e o actual presidente Lenin Moreno. O mandatario ecuatoriano virou case absolutamente cos postulados da “revolución cidadá” de Correa (2007-2017), curiosamente o período contemporáneo de maior estabilidade política en Ecuador.
Aliñándose tacticamente coa denominada vaga “neoconservadora” na rexión, no poder en países como Arxentina, Brasil, Colombia, Perú e Paraguai, Moreno alterou as alianzas exteriores “correístas” orientadas ao “eixe ALBA” conformado por Venezuela, Bolivia, Nicaragua e Cuba. De feito, en 2018, Lenin Moreno sacou a Ecuador da ALBA.
A acusación de Moreno contra Correa e o venezolano Nicolás Maduro de presuntamente orquestrar un “golpe de Estado” en Ecuador define claramente esa viraxe. Infundadas ou non esas acusacións, Moreno da a entender a súa conxunción de intereses en torno ao Grupo de Lima, plataforma de presión contra Maduro dentro da crise venezolana. Toda vez, Ecuador é un dos países que mais inmigrantes e refuxiados venezolanos ten recibido nos derradeiros tempos (estímase en 300.000 persoas) por mor dunha crise humanitaria que claramente afecta aos países andinos, particularmente Colombia, Ecuador e Perú.
Non obstante as rivalidades políticas entre Moreno e Correa, o peso da CONAIE na actual crise ecuatoriana como principal impulsor das manifestacións contra o presidente Moreno, da a entender como este movemento indixenista ten a chave estratéxica para definir unha saída á crise. Desde 1997, un total de nove presidentes ecuatorianos deberon deixar o poder, sexa por palaciegos golpes de Estado pero, principalmente, pola presión nas rúas impulsadas pola CONAIE.
O dossier venezolano tamén ten unha implicación colateral na crise peruana. Precisamente durante a comparecencia parlamentaria do presidente Martín Vizcarra a semana pasada na que se decretou a disolución do Congreso peruano, unha deputada lanzou un incendiario discurso contra os inmigrantes venezolanos, pedindo a súa expulsión do Perú baixo acusación de presunta culpabilidade no aumento da criminalidade no país andino.
Como no caso ecuatoriano, Perú é outro país que ten recibido a milleiros de inmigrantes e refuxiados venezolanos. Segundo datos oficiais, haberían uns 750.000 venezolanos neste país andino. Algúns brotes xenófobos contra os venezolanos tense vivido nos derradeiros meses tanto en Ecuador como en Perú.
Pendente das crises ecuatoriana e peruana, o presidente colombiano Iván Duque manexa un difícil equilibrio interno. O anuncio en agosto pasado dunha volta ás armas por parte dunha facción das FARC, liderada por "Iván Márquez" e "Jesús Santrich", coloca nun difícil contexto o proceso de paz iniciado coa FARC "oficial". Este escenario define para Duque a presunta implicación de Maduro neste regreso ás armas desta facción guerrilleira, particularmente polos apoios expresados polo mandatario venezolano a Márquez e Santrich durante o recente Foro de São Paulo celebrado en xullo pasado en Caracas. Toda vez, o mentor político de Duque, o ex presidente Álvaro Uribe Vélez, agora está sendo investigado polo Tribunal Supremo, acusado de presuntos cargos de corrupción e subornos.
Neste escenario de tensión e conflitos na contorna andina, o boliviano Evo Morales mantén prudente distancia, toda vez concorre a súa cuarta reelección presidencial. Pero asiste ao proceso electoral dentro dun clima enrarecido polas crises andinas e, incluso, polo drama ambiental provocado polas recentes queimas da Amazonia. As forzas opositoras bolivianas seguen acusando a Morales de querer perpetuarse no poder a través da fórmula da reelección indefinida, xa ensaiada en 2009 en Venezuela polo desaparecido ex presidente Hugo Chávez, e por procedementos políticos considerados como irregulares e incluso de presuntamente “anticonstitucionais”.
Finalmente, Arxentina agarda uns comicios presidenciais que poden marcar o final do “macrismo” e o retorno dun “post-kirchnerismo” en mans de Alberto Fernández, observado con ilusión polas forzas de esquerda rexionais. A recente vitoria dun candidato afiliado á coalición gobernamental do presidente Mauricio Macri na elección da provincia de Mendoza contemporiza as expectativas de vitoria electoral do “post-kirchnerista” Fernández nas presidenciais do próximo 27 de outubro. Expectativas consolidadas trala súa contundente vitoria (47% dos votos) nas eleccións PASO en agosto pasado.
Queda Brasil, actor expectante pola rocambolesca presidencia de Jair Bolsonaro, o “Trump brasileiro”. Medran igualmente as expectativas de revisión vía Tribunal Supremo do polémico xuízo contra o ex presidente Lula da Silva, actualmente en prisión. A posibilidade de liberación de Lula interprétase igualmente como un aliciente estratéxico para a recomposición das esquerdas rexionais ante a vaga “neoconservadora” no poder desde 2015.
No trasfondo destas tensións políticas rexionais está o perpetuo descontento cos liderados presidenciais (Lenin, Duque, Macri, Vizcarra), crise de lexitimidades mediante (Maduro). Pero esta expectante posibilidade de recomposición política e xeopolítica rexional dependerá, en gran medida, de como se definan as actuais crises en Venezuela e Ecuador.