América Latina tralo mid-term estadounidense

Con cambios políticos a nivel hemisférico saídos das urnas (Duque en Colombia, Bolsonaro en Brasil, López Obrador en México) e crises latentes (Venezuela, Nicaragua, Cuba, inmigración centroamericana), os comicios lexislativos do mid-term en EUA celebrados este 6 de novembro (6N) teñen unha expresión estratéxica a nivel hemisférico. O equilibrio político en Washington, cunha Cámara de Representantes baixo control demócrata e un Senado de cor republicano, define expectativas políticas mais ben enfocadas na política interna, con escasos cambios na perspectiva da administración Trump dentro do contexto hemisférico. Por tanto, os resultados destas eleccións lexislativas definen en gran medida a axenda latinoamericana da Casa Branca, cando menos ata ás presidenciais de 2020.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

Con cambios políticos a nivel hemisférico saídos das urnas (Duque en Colombia, Bolsonaro en Brasil, López Obrador en México) e crises latentes (Venezuela, Nicaragua, Cuba, inmigración centroamericana), os comicios lexislativos do mid-term en EUA celebrados este 6 de novembro (6N) teñen unha expresión estratéxica a nivel hemisférico. O equilibrio político en Washington, cunha Cámara de Representantes baixo control demócrata e un Senado de cor republicano, define expectativas políticas mais ben enfocadas na política interna, con escasos cambios na perspectiva da administración Trump dentro do contexto hemisférico. Por tanto, os resultados destas eleccións lexislativas definen en gran medida a axenda latinoamericana da Casa Branca, cando menos ata ás presidenciais de 2020.

A bicefalia do poder establecido en Washington tralo 6N electoral retrotrae un escenario similar ao presentado en 2010, durante a administración de Barack Obama. Entón, os republicanos pasaron a dominar a Cámara de Representantes. Agora, o actual presidente Donald Trump deberá acometer no resto do seu mandato unha máxima inalterable dentro do sistema republicano: o “check and balance”, o equilibrio de poderes, neste caso cunha presidencia republicana co control do Senado e unha Cámara de Representantes baixo control demócrata.

Aparte da composición política tralo 6N, tres escenarios hemisféricos cobran así importancia para a administración Trump. A interminable crise venezolana; as relacións cunha Cuba post-castrista (e a súa definición cara o seu aliado estratéxico Venezuela); e o muro antiinmigración, particularmente ante un novo goberno progresista en México e ante a caravana de inmigrantes centroamericanos que se embarcan cara EUA.

Estes escenarios, engadidos á nova relación hemisférica de Washington con gobernos latinoamericanos de dereitas (Colombia, Brasil, Arxentina, Chile) e da persistencia doutras crises políticas motivadas por réximes autoritarios (Nicaragua) definirán esta nova axenda latinoamericana nun Congreso estadounidense de predominio demócrata e cun Senado republicano. O consenso político será chave para determinar a consistencia destas políticas hemisféricas de Trump.

Venezuela e Cuba

O caso venezolano corresponde á crise hemisférica mais agravante, determinada pola abafante riada de inmigración de venezolanos a países veciños, con síntomas claros de crise humanitaria.

O recente discurso en Miami do asesor de Seguridade Nacional da administración Trump, John Bolton foi moi claro á hora de contextualizar en qué medida Washington observa á crise venezolana dentro dunha troika que inclúe a Cuba e Nicaragua, adoptado un discurso belicoso provisto de novas sancións contra estes países.

Esta perspectiva complica seriamente á presidencia de Nicolás Maduro e do “post-chavismo” en Caracas, aspecto que denotaría igualmente maior fricción dende Washington cara A Habana e Managua. Tanto como un precepto xeopolítico, o discurso de Bolton tivo unha connotación claramente electoral de cara ao mid-term, tomando en conta o decisivo voto hispano no estado de Florida, tradicionalmente monopolizado pola emigración cubana e onde a súa similar venezolana comeza a ter un peso cada vez mais relevante.

Neste sentido, o propio Trump utilizou durante a campaña electoral unha especie de “carta electoral venezolana” para infundir o medo entre a poboación votante de cara a estes comicios lexislativos, en particular ante a posibilidade de vitoria do Partido Demócrata. Así, o estridente presidente estadounidense aproveitou un acto electoral dos seus candidatos ao Congreso e o Senado, Rick Scott e Ron DeSantis, para advertir que unha eventual vitoria demócrata presuntamente reproducirían o “socialismo venezolano” en EUA. Scott gañou en Florida, razón que potenciará a perspectiva “trumpiana” nun estado de forte presenza hispana.

Con todo, a vitoria demócrata na Cámara de Representantes pode abrir a posibilidade dunha diminución da retórica confrontativa de Trump cara Venezuela e Cuba. No caso venezolano, vense manexando nas derradeiras semanas a posibilidade de reabrirse un diálogo vía Grupo de Boston, unha plataforma plural conformada desde 2002 por representantes políticos estadounidenses e venezolanos, tanto “chavistas” como opositoras, así como doutros sectores, enfocados na procreación dun diálogo político.

O Grupo de Boston foi igualmente impulsado polo ex candidato demócrata e ex secretario de Estado John Kerry e tivo precisamente en Maduro, entón ministro de Exterior do goberno de Hugo Chávez, ao seu principal interlocutor venezolano. Está por ver se no contexto actual, con sancións por parte da administración Trump contra funcionarios do goberno de Maduro e unha presión política cada vez maior dende a Casa Branca para propiciar unha transición post-Maduro en Venezuela, manterase esta posición ou ben a maioría demócrata na Cámara de Representantes apostará por outra vía, a do diálogo impulsado polo Grupo de Boston.

Con todo, a reprodución dunha especie de “eixe do mal” hemisférico conformado por Venezuela, Cuba e Nicaragua ten adeptos non só en Washington senón tamén en Bogotá e Brasilia. Estamos, por tanto, a asistir a un eixe paralelo conformado por EUA, Colombia e Brasil que imprima unha maior presión contra Maduro.

O novo presidente colombiano Iván Duque e o próximo mandatario brasileiro Jair Bolsonaro moi probablemente farán causa común con este enfoque “trumpiano”, aínda que igualmente poden observar con maior atención como atenderá o problema venezolano o novo Congreso de Representantes en Washington con maioría demócrata.

Expectativas apartes, o obxectivo deste eixe Trump-Duque-Bolsonaro é romper esa especie de “cordón umbilical” que dende A Habana vese reflectido nas súas alianzas con Caracas e Managua. A perspectiva deste eixe Washington-Bogotá-Brasilia, con expectativas de adscrición doutros países como Arxentina, Perú e Chile, entre outros, é certificar a defunción de esquemas xa obsoletos e ineficaces como o eixe ALBA, a CELAC, a UNASUR, así como plataformas de esquerda continental como o Foro de São Paulo, moi golpeado polas derrotas electorais das esquerdas a nivel hemisférico, con particular incidencia do “lulismo” e do PT en Brasil.

Definir a transición venezolana nunha Cuba post-castrista que formula a discusión dunha reforma constitucional para 2019 supón un momento decisivo para Washington. O concerto político hemisférico vese acadado para ese fin, con todo a implicación de actores externos como China e Rusia será outro escenario complexo de calado xeopolítico para Trump. E tamén está por ver cal será a marxe de manobra que terá o Partido Demócrata con seu control lexislativo.

México e a inmigración ilegal

Caso diferente será o México de López Obrador. Aquí prima o factor inmigración, non só establecido a través do polémico muro alzado por Trump desde 2017 senón pola recente renovación do Tratado de Libre Comercio entre EUA, Canadá e o México aínda baixo a presidencia de Enrique Peña Nieto, quen deixará o paso a López Obrador en decembro próximo. Por tanto, o próximo presidente mexicano xa se observa atado a estes compromisos impulsados dende Washington.

A nova relación EUA-México con Trump e López Obrador anúnciase tensa. O obxectivo para Washington será a neutralización dunha presidencia en Cidade de México cuxa principal preocupación en materia exterior vai ser precisamente a súa relación con veciño do Norte en tempos de inmigración centroamericana, tal e como se observa coa actual caravana de inmigrantes cara EUA que transita dende Honduras, atravesando América Central e México.

Precisamente de cara a estes comicios estadounidenses, Trump ten xogado coa carta da “invasión” da inmigración ilegal como atenuante electoral. Non obstante, a vitoria da demócrata de orixe portorriqueño Alexandra Ocasio-Cortez (29 anos) implicará observar como o tema da inmigración ilegal moi probablemente terá un perfil de discusión diferente ao proposto por Trump nunha Cámara de Representantes baixo control demócrata. Neste sentido, a masiva presenza na Cámara de Representantes e no Senado de mulleres de orixe inmigrante, indíxena, musulmá e incluso de sectores LGTB, definen unha reacción política alternativa contra a intransixencia de Trump. E a veterana demócrata Nancy Pelosi volve agora a presidir a Cámara de Representantes, tal e como fixo no período 2007-2011. Anúnciase por tanto un intenso impasse entre Pelosi y Trump con vistas ás presidenciais 2020.

Por outra banda, dificilmente López Obrador teña unha maior expresión a nivel hemisférico de cara a crises como a venezolana. Toda vez, a posibilidade dun eixe Duque-Bolsonario co beneplácito de Washington, contando co apoio tácito doutros gobernos (Arxentina, Chile, Perú, Ecuador, Paraguai) recrearía unha plataforma hemisférica que sirva de asfixiante correa de presión contra Maduro.

En conclusión, e a pesar da bicefalia de poder en Washington presentada tralo 6N, non existen expectativas moi claras sobre a posibilidade dun abrupto cambio na política hemisférica de Trump, particularmente de cara Venezuela. O progresivo cambio político electoral que está a acontecer actualmente en América Latina, con gobernos mais conservadores e de dereitas, afianzará igualmente esta expectativa. Pero a mesma deberá igualmente medirse ante o inevitable “check and balance” que se anuncia agora en Washington ata o 2020.