Areas e penedos

Din que foi o propio Mohamed VI (M6), bo coñecedor da topografía do lugar polas súas pasadas pola zona en jet-ski, quen decidiu a “recuperación provisional” do penedo de Taura/Leila/Perejil/Parsley/Petersilien… Nin Yusufi, nin os servicios secretos, nin Estados Unidos, nin Francia, nin Bruxelas, foron informados previamente das súas intencións. Que se non outro galo cantaría… M6, amparándose na esixencia norteamericana de non deixar ningunha parcela territorial, por pequena que sexa, baixo control na zona do estreito de Xibraltar, deu renda solta ao seu descontento con Madrid, que non deixou de medrar dende que en outubro de 2001 Benaissa, o ministro de exteriores de Rabat, retirou o embaixador da capital española, segundo se conta agora coa boca pequena, que case todo se chega a saber, en protesta polo tratamento despreciativo da figura do monarca nun programa das noticias do guiñol do Canal Plus.

Á marxe das frivolidades do caso, que agochan tensións serias nas relacións bilaterais e mesmo desequilibros internos na política marroquí, parece evidente que catro pedras ubicadas a menos de 200 metros das súas costas difícilmente poden afirmarse como “españolas”. Claro que entón moito menos españolas poderían ser Sebta e Mélilla, enclaves en pleno territorio marroquí, unha especie de Hong Kong e Macao en terras norteafricanas. Pero non son os únicos restos dunha descolonización incompleta: a illa de Comores (Mayotte) é territorio de ultramar francés, como a illa de Reunión ou de Diego García, reclamada pola Illa Mauricio aos americanos. Mesmo habería que falar das Illas Canarias. Tanta fibra sensible pon de patas arriba esa modernidade tantas veces anunciada pero que, nalgúns temas, resitúa a política española no discurso do século dazanove, en épocas en que o Imperio aínda prestaba un incuestionable servicio ao mundo civilizado asegurando o control de determinados territorios, sen importancia comercial ou estratéxica, pero que en mans dos marroquíes poderían transformarse nun niño de piratas entón, de terroristas hoxe.

Sen entrar no asunto de Xibraltar, donde fai agua a tese de Rabat é no contencioso do Sáhara. Reivindicar a culminación dun proceso descolonizador esixindo de paso o recoñecemento internacional dunha anexión ilegal e imperialista desautoriza por completo os seus argumentos. Madrid debe dialogar con Rabat pero o Sáhara debe decidir libremente. Coherencia obriga.

En todo caso, esta e as sucesivas crises que virán, demostran novamente o dominio diplomático total de Estados Unidos sobre Europa. A mediación de Colin Powell, instrumentada pola súa embaixadora en Rabat, Margaret Tuttwiller, e o papel central desempeñado por James Baker na cuestión do Sahara concretan ese protagonismo. E non soamente sobre Europa. Tampouco se luciu especialmente a Unión Africana ou a Unión do Magreb Arabe. Por unhas e outras razóns, todos están atados de pes e mans e incapacitados para establecer mecanismos de intermediación aceptados polas partes e dotados dun minimo de autoridade. A todos urxe un novo realismo.