Dende que o 1 de decembro, Domingo Cavallo anunciase a prohibición de retirar máis de 250$ ou pesos semanais, en efectivo, a poboación arxentina decatouse de que chegara o momento da anunciada catarse. A crise entraba na fase crítica e obrigaría a grandes decisións económicas. Poucos quedaron enfeitizados polo fulgor do índice MerVal da Bolsa arxentina, cando dous días máis tarde subía un 6,07%. Eran sabedores da leve melloría transitoria dos moribundos. O equipo médico habitual do Ministerio de Economía da Casa Rosada, dirixido por Domingo Cavallo disponse a novas terapias de choque. Entre as que agora teñen máis predicamento, están a definitiva dolarización, a devaluación seguida de dolarización e a libre flotación da moeda.
Contan os habitantes de Córdoba, a pequena Detroit arxentina, dominada pola industria da automoción, que…., moi precozmente, Domingo, fillo dunha humilde familia, xa despuntaba entre os seus compañeiros. Recitaba de memoria as táboas de logaritmos deixando impresionados a alumnos e profesores.
Cando, en marzo, Cavallo chegou ao goberno do seu paisano cordobés, Fernando de la Rúa, xa circulaban rumores que ían dende Wall Street ata os departamentos de economía das Universidades, ou mesmo as centrais sindicais, que manifestaben a firme convicción de que Arxentina, era xa un caso perdido. Só era posíbel gañar algo de tempo antes de entrar en coma, pero o crise era inevitábel.
Domingo tivo fe no milagre, cando creu que a súa presencia infundiría o repeito da xesta lendaria do Cid Campeador, e conseguiría o apoio financeiro para renegociar a débeda a un interese moito máis baixo, que permitise un reducción considerable na factura da débeda do estado. Pero en xullo, atopouse con todo o contrario. Os bancos engordaron os seus altos intereses e as súas propias contas aproveitando a debilidade manifesta do goberno. Non daba asimilado a falta de respecto das entidade bancarias.
Mentres se ían recollendo sucesivos datos negativos na economía, puxo en marcha impopulares planos de axuste co fin de poder presentar ante o FMI o demandado déficit cero, que desbloquease a chegada de 1.260 Millóns de dólares en decembro e seguiu a traballar no troco da débeda. O éxito sorría serodio a Cavallo ao conseguiu aforrar 3.500 millóns de dólares, no cambio por un interese substancialmente menor, compromisos de 50.000 millóns de dólares.
No medio desta operación de intercambio da débeda, entre 26 ao 30 de novembro, o ministerio alármase cando se decata que en 5 días tiñan fuxido depósitos bancarios por valor superior aos 2.000 millóns de $.
As restrictivas medidas do 1 de decembro, limitando substancialmente o acceso aos depósitos bancarios personais, acendeu a luz de alarma. Todos: consumidores, comerciantes, empresarios, subocupados…. se precipitaron a facer liquidez antes do transo que se albisca como inevitable.
Nas luxosas tendas da Rúa Florida ou no Barrio de Palermo pódense observar carteis e reclamos comerciais anunciando un 50% de rebaixe nos descontos, para pagamentos en efectivo. Nalgúns "Shoppings" ofrecen ata 150 extras de compra por cada 100 pesos pagados en metálico.
Os negros augurios nos signos económicos aparecidos nas dúas últimas semanas, só poden presaxiar o peor. Demorouse o pago das pensións de máis de 200 pesos (unhas 36.000 Ptas.), o pasado xoves a folga xeral foi un éxito. A Taxa oficial de desemprego xa está no 18,2 %.
Menem e de la Rúa reúnense para renegar da convertibilidade para apostar directamente pola dolarización. Dimitiu número 2 do ministerio de economía o secretario de finanzas Daniel Marx, desconforme coa liña errática de Domingo Cavallo.
Nin siquera o descomunal esforzo por pagar, este venres, 770 millóns de dólares dos prazos da débeda -53% de esa cantidade foi en efectivo, o resto en novas letras-, para evitar o default…, foi suficiente aos ollos do FMI, que manifestou pouco probábel que liberasen os 1.260 millóns de dólares previstos para arxentina en decembro.
"¿Que pasou para que, en só tres anos, Arxentina pasase de ser o modelo económico a imitar, a ser un perigo para a economía do continente?", pregúntase Enrique Iglesias, presidente do Banco Interamericano para o Desenvolvemento (BID), lembrando que en 1998 o presidente Carlos Menem fora presentato na Asemblea do FMI como exemplo a imitar. Logo, proseguiu, "só queda entoar un "mea culpa" por 10 anos de políticas económicas erróneas, seguidas na súa maioría ao dictado do propio FMI".
As apostas para os prazos de aplicación das novas medidas van dende a inmediatez dunha semana, ata o prazo máximo dun ano. Todo vai depender de dous factores: a negociación e aprobación do presuposto do 2002, por parte dun goberno en minoría no parlamento e do o grao de pánico que manifeste a sociedade.
Dúas son as opcións con máis posibilidades: A dolarización e a devaluación. A devaluación tería efectos catastróficos sobre os prestamos personais e a débeda estatal en dólares, que aumentaría automaticamente co novo cambio. Para a dolarización directa, pola que semella apostar o goberno, non existen fondos suficientes e reservas para cubrir todos os cartos circulantes, amais de que mantería "sine die" a falta de concorrencia da economía arxentina.
Cada día son máis os que se decantan por una formula mixta de devaluación controlada, seguida de dolarización. É precisamente este medo a devaluación, o que fai que os arxentinos queiran manexar dólares para poñelos en lugar seguro e librarse do empobrecemento dos seus recursos afectados pola devaluación. Matías Silvani, da UBS Warburg, asegura que xa existen contratos, a ano de vencemento, que equiparan 1,7 pesos por un dólar e que apuntan cara a posíbel magnitude da devaluación. Na propia capital porteña, á marxe da lei, as casas de cambio e as entidades bancarias están a cambiar cada dólar por una banda que oboscila entre 1,25 pesos e os 1,40. Por tanto pódese situar a banda da devaluación entre o 20% dos máis optimistas e o 70% dos máis pesimistas.
Pero a devaluación non ten porque significar necesariamente dolarización. Pódese deixar fluctuar a moeda como fan os seus veciños de Uruguai, Chile, Brasil…, sen ceder o control da política monetaria que encarna una dolarización, onde na práctica se lle deixa a Washington as decisións sobre a nova moeda nacional, o dólar. Entre as presións pola dolarización, algúns analistas ven a man negra dos que apostan pola defenestración do Mercosur, xa que unha economía arxentina dolarizada, deixaría ferida de morte a posibilidade de creación dunha moeda única no Mercosur.
Neste Nadal, procurarase que nas calidas mesas familiares do decembro austral, non falten os típicos e afamados asados, as froitas secas maceradas con viño, ou a sangría. As conversas faranse eco do ruxerruxe máis repetido que fala da loucura de Domingo Cavallo. As copas alzaranse incrédulas para brindar por un novo ano que traia máis prosperidade. Agás os emigrantes galegos, ninguén votará de menos o bacallao nestas datas, que na Arxentina resérvase para o tempo de coresma e penitencia. Na súa maioría están convencidos que aínda quedan por pasar os tempos máis duros de penitencia por tanta equivocación económica e que os penitentes serán os mesmos de sempre.