Un incondicional de EEUU, o ministro de exteriores británico, Jack Straw, declaraba en xaneiro ante a Cámara dos Comúns que o embargo non pasaría de xuño deste ano. Algunhas fontes sinalaron que o propio comisario de Comercio, Peter Mandelson, xa adiantou esta decisión ás autoridades chinesas. É sabido, a avaricia rompe o saco e as expectativas de negocio neste campo son apreciábeis. (Foto: Jack Straw e Tony Blair nunha reunión do Consello da OTAN o 28/06/2004). | |
Algunhas voces autorizadas de EEUU fixeron saber a súa oposición ao hipotético levantamento do embargo por parte da UE sobre a venta de armas a China. Beijing leva tempo intentando que as autoridades comunitarias poñan fin desa forma ás sancións impostas a raíz dos sucesos de Tiananmen en 1989. Certamente pasou xa bastante tempo, tanto que a propia inexistencia de avances en materia de dereitos humanos non se esgrime sequera como causa por parte dos que se opoñen ás pretensións de Beijing.
Bush falou disto cos líderes europeos na súa recente visita ao vello continente, pero en numerosos medios se vaticina un rápido cambio de situación favorable a unha China que dispón de mecanismos de influenza cada vez máis significativos, se ben exercidos habitualmente con sabia discreción, como se demostrou coa recente anulación da viaxe que tiña previsto realizar a Taiwán (peza clave neste asunto das armas) o ministro de economía de Alemaña, Wolfgang Clement. Un incondicional de EEUU, o ministro de exteriores británico, Jack Straw, declaraba en xaneiro ante a Cámara dos Comúns que o embargo non pasaría de xuño deste ano. Algunhas fontes sinalaron que o propio comisario de Comercio, Peter Mandelson, xa adiantou esta decisión ás autoridades chinesas. É sabido, a avaricia rompe o saco e as expectativas de negocio neste campo son apreciábeis.
Cambiaría moito a situación actual co levantamento do embargo? Sen dúbida, tería consecuencias, pero non tanto no ámbito da defensa, onde a posición europea non ía ser menos responsábel que a de Israel, un dos principais subministradores de armas a China. É no político onde probablemente as consecuencias serían mellores para Europa, toda vez que acentuaría o seu perfil dialogante coas autoridades chinesas, afirmando a súa singularidade en canto á política a soster en relación a Beijing e unha vontade de emancipación respecto á estratexia estadounidense, apostando por eludir a crispación e achegando unha maior comprensión do que China considera “humillacións” do Occidente de sempre e que, en calquera caso, din, evidencia a aplicación de distintas varas de medir. A diferenza entre Tiananmen e o bombardeo do Parlamento ruso estriba na naturaleza política dos perdedores en cada caso: glorificados uns, esquecidos outros, en función das preferenzas que dita o pensamento político correcto. Pero todos foron igualmente vítimas da violencia política exercida desde o poder.
Ten a China tanta necesidade do armamento europeo? Non lle ven nada mal e a pesar de que sempre acentúa a súa soberanía, tamén ou sobre todo neste eido, pode axudarlle a remontar con máis rapidez o atraso tecnolóxico das súas forzas armadas. En termos xerais, os signos de aproximación entre China e Europa son moitos e moi variados, dende a participación no programa espacial Galileo ata outros múltiples dominios que están configurando unha tupida rede de relacións, como se puxo de manifesto no cumio celebrado na Haia o pasado 8 de decembro. As relacións económicas e comerciais, aínda sen ter unha importancia decisiva, melloraron de forma exponencial nos últimos anos.
Certa normalidade preside igualmente as relacións entre China e EEUU no ámbito da defensa. En xaneiro, por exemplo, reuníronse altos mandos militares dos dous países para falar de Taiwán, da seguridade naval e dos intercambios de visitas, nunha atmosfera construtiva, dixo o xeneral Xiong. Pero, claro, é difícil vender armas a un tempo a China e a Taiwán cando ámbolos dous reviven a diario unha linguaxe propia da guerra fría. Tan lucrativo negocio ten esas pequenas limitacións. Hai que comprendelas pero non por iso deixa de amolar que outros, anque sexan amigos, se queden co bocado mais grande.