20050707g8 gleneagles bandeiras media asta

As cimeiras irresponsábeis e o terrorismo

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
Areas deserto, clic para aumentar
A ocasión de facer "fotos de familia" e poñer caretas págase moi cara. Gástanse millóns en festexos nos que se fala da fame, e en recursos de seguranza que estarían mellor empregados en protexer aos cidadáns "correntes". Esas cimeiras non só desvían recursos de seguranza, senón que centran a atención dos medios nunha ocasión e un lugar. E así, no cálculo terrorista, multiplícase inmensamente a repercusión do acto. (…) A ver se a traxedia de Londres axuda a ir pensando en suprimir eses acontecementos de bandallada inmoral, mal exemplo dispendioso e, por riba diso, facilitación do terrorismo e victimización dos que quedan desprotexidos, que na súa calidade de contribuíntes, son os que pagan a festa. (Foto: As bandeiras dos países do G8 na cimeira de Gleneagles (Escocia) ondean a media hasta tralo atentado de Londres).
 

O conxuntado ataque que paralizou a cidade de Londres o 7 de xullo e custou varias ducias de vidas produciuse ao día seguinte de ter sido elixida a capital británica para escenario da Olimpíada de 2012. Non cadra pensar que teña que ver unha cousa coa outra, a non ser que imaxinemos que alguén sabía que esa ía ser a designación hai moito tempo, porque preparar unha operación así non é cousa dun día.

Coincidiu tamén o múltiple atentado coa reunión da cimeira do G-8 en Gleneagles, no medio dos terreos de golf da Escocia. E isto si que pode dar lume a algunhas reflexións.

É case automático relacionar o terrorismo coa violencia inflixida á poboación do mundo en desenvolvemento, unha inxustiza que se propoñen vingar grupos que se atribúen a representación desas poboacións. Relativízase así o sufrimento humano, e non estou seguro de que a suma definitiva desas consideracións non sexa un endurecemento da sensibilidade que acabe endurecendo todo ideal de xustiza e de desenvolvemento moral. Pero non é ese o meu tema aquí agora, senón algo máis inmediato e menos espiñoso.

O 7 de xullo de 2005, a atención e grande parte dos efectivos de seguranza da Gran Bretaña estaban concentrados en Escocia para frear a protesta de grupos antiglobalización de feitíos e estilos moi diversos. Aínda que agora se negue oficialmente que iso deixou máis ou menos desprotexido o resto do país, e moi sinaladamente Londres, o certo é que para os definidores de táctica terrorista, esa concentración en Gleneagles era ideal para atacar en Londres.

Vai sendo máis que hora de cuestionar as cimeiras. Non se entende por qué teñen que reunirse en persoa xefes de Estado ou de Goberno para pretender que algo vai mudar con eses encontros no que xa ten que estar decidido antes ou que, de todos os xeitos, podería decidirse por canais diplomáticos ou, máis á moderna por teléfono, videoconferencia ou calquera outro dos milagres da comunicación dos nosos días. Pero non; prefírese seguir cultivando a política como espectáculo, un novo xeito de distraer os cidadáns e, con aparencias de publicidade, afogar a crítica serea e deixar que sigan decidindo uns poucos na mesma escuridade da diplomacia máis tradicional ou da Serenísima de Venecia.

A ocasión de facer "fotos de familia" e poñer caretas págase moi cara. Gástanse millóns en festexos nos que se fala da fame, e en recursos de seguranza que estarían mellor empregados en protexer aos cidadáns "correntes".

Esas cimeiras non só desvían recursos de seguranza, senón que centran a atención dos medios nunha ocasión e un lugar. E así, no cálculo terrorista, multiplícase inmensamente a repercusión do acto.

Cando se vaia analizando o que pasou nesta ocasión, verase incluso se son certos algúns bisbilleos, que por agora non son máis que iso. Tanto Scotland Yard como o Ministro de Relacións Exteriores de Israel negaron que a Embaixada de Israel en Londres advertise días antes da posibilidades deste ataque. O ministro de Finanzas israelí, Benjamin Netanyahu estaba en Londres e ía asistir a unha conferencia sobre investimentos no Grand Eastern Hotel, ao lado da estación de Liverpool Street, onde foi a primeira explosión. Non se sabe. Pero o que interesa sinalar é que se poda dicir "e comeza a dicirse xa" que o Goberno de Blair non quixo darse por enterado de ameazas dese xénero, que podían ser unha falsa alarma, e perder ocasión da festa de Gleneagles ou espantar a algún dos invitados a ela. Será ou non será certo, pero encaixa na lóxica do espectáculo, que é a das cimeiras.

A ver se a traxedia de Londres axuda a ir pensando en suprimir eses acontecementos de bandallada inmoral, mal exemplo dispendioso e, por riba diso, facilitación do terrorismo e victimización dos que quedan desprotexidos, que na súa calidade de contribuíntes, son os que pagan a festa.