As crises de África

Para a África negra e seca non parece haber un lugar na luminosa orde mundial do microchip e dos múltiples canais de televisión. De Sudán a Congo, Somalia, Liberia ou Burundi, a sangría sen fin que predicira o historiador francés Charles de la Roncière estase a producir inexorablemente. Son crises longamente anunciadas. Nun estudio da Comisión Económica das Nacións Unidas para África relativo ás previsións de desenvolvemento deste continente para o período 1983-2008 podía lerse o seguinte: “O panorama que emerxe da análise das perspectivas de África no horizonte do ano 2008, tomando en consideración un escenario fundamentado nas tendencias históricas, resulta case de pesadelo”.

¿Causas? En primeiro lugar, a penuria alimentaria, inseparable dun elevado crecemento demográfico. Algunhas estimacións sinalan que África contará con máis de 1.500 millóns de habitantes no ano 2025. A comezos de século non superaba os 120 millóns. Esta situación agrávase se temos en conta o desequilibrador efecto inducido na producción de alimentos ó primarense os cultivos para a exportación. En segundo lugar, o agravamento das fraquezas do propio Estado, xestor e vertebrador do corpo social, pero incapaz de afrontar os problemas económicos e políticos, de proporcionar seguridade, de garantir o funcionamento dos contados servizos públicos. En moitos países africanos, o Estado esfúmase, desdebúxase, e os seus restos son obxecto de cobiza por diferentes segmentos sociais, a miúdo armados. En terceiro lugar, os efectos da descarnada rivalidade entre algunhas potencias que cobizan ocupar baleiros de influencia e controlar os seus principais recursos naturais. Estas causas, mínimas, anuncian que en Africa o peor pode estar por vir.